Pois... xa nos decidimos ! Este ano, o noso Proxecto Anual estará dedicado ao mundo das CIENCIAS. Seguro que vai resultar gratificante para todos e todas, porque aprenderemos a través de experiencias que combinen o rigor científico co entretemento. A ciencia non é unha actividade alonxada das actividades cotiás. Está ao noso redor e cada día utilizamos o pensamento científico elaborando hipóteses (que palabra máis rara!) comprobándoas mediante o método de proba+erro e facendo preguntas, moooitas preguntas. Así é como descubrimos o mundo que nos rodea e as súas leis. Efrén xa ten preparado o laboratorio e todos os seus trebellos para demostrar que se pode aprender pasándoo de marabilla.
Ola, amigas e amigos, Aqui estamos outra vez tralo descanso do verán, tralas horas de piscina ou de praia (que este ano abofé que foron moitas, grazas ao tempo que veu) e tralas horas pasadas diante das tabletas, ordenadores e consolas... e estou seguro de que diante dalgún bo libro... Comezamos, coma sempre con moitas gañas de falar, escoitar, descubrir novas cousas, relacionar a aprendizaxe teórica coa súa aplicación real... é dicir, APRENDER. Xa estou preparando os carnés dos novos lectores e novas lectoras e comecei a preparar as mochilas viaxeiras. Agora estamos moi ocupados decidindo en que proxecto imos traballar este curso. Xa vos irei contando... Vémonos na Biblio!