domingo, 27 de xaneiro de 2013

FINA CASALDERREY nos blogues das Bibliotecas





Non só a nós nos encantou a idea de homenaxear a Fina Casalderrey.
Isabel Vázquez, do CEIP de Quintela de  Moaña recompilou todos os blogues que se apuntaron a esta iniciativa.

MOITAS GRAZAS por este traballo!!

venres, 25 de xaneiro de 2013

UNHA ESCRITORA DE L.I.X. NA ACADEMIA



Hai unha semana a RAG (Real Academia Galega) elixiu a Fina Casalderrey como académica numeraria
As Bibliotecas Escolares de Galicia quixemos facernos eco deste nomeamento e publicalo nos nosos blogs todas xuntas. 
É unha boa noticia e xa lle demos os nosos parabéns. 
É unha boa noticia por varias razóns: porque é unha muller (e na Academia hai poucas, non sabemos a razón), porque é mestra e porque escribe para nen@s. Ademáis, conta con moitos premios, entre eles o Premio Nacional De Literatura Infantil e Xuvenil  (L:I:X:)
Na nosa Biblio atoparedes moitos dos seus libros: "O estanque dos parrulos pobres", "Puag, que noxo!", "Fiz, o coleccionista de medos", "Xela volveuse vampira", "¡¡Lume!!", "Quen me quere adoptar?", "Derradeira carta aos Reis Magos"... e o último, escrito con Francisco Castro "O neno can".
Invitámola a visitarnos o mes que vén, xunto con Francisco.
 A ver se consegue facer un oco na súa axenda!!
NORABOA, outra vez, Fina.
DE CORAZÓN.

Agora, disfrutade coa adaptación dunha das súas obras:" Fiz, o coleccionista de medos"

domingo, 20 de xaneiro de 2013

Hora de Ler

                     
 "O neno Can"  é o libro que eliximos para ler este trimestre.
Son as historias de varios nenos e nenas: Aakesh, Nadim e Altair,Kai, Leila e Carlos, nenos e nenas coma nós , pero aos que ninguén lles dixo que tiñan dereitos.
Fina Casalderrey e Francisco Castro escribiron xuntos este libro no que tratan de denunciar as inxustizas que sofren nenos e nenas de todo o mundo.
É un libro a favor da UNICEF e acaba de lograr un gran recoñecemento internacional ao ser elixido polo Centro IBBY de Oslo para formar parte do catálogo que recolle as mellores publicacións sobre discapacidade.   

Preparamos uns cantos xogos sobre o libro, que podedes ir facendo a medida que o ledes, ou deixalos para cando o teñades rematado.
Ánimo! A ver quen consegue máis puntos!

venres, 18 de xaneiro de 2013

Libros que alimentan

Ser solidari@ ten premio...
Premio en forma de libros.

A Biblioteca invítavos a participar nunha iniciativa na que tod@ sairemos beneficiad@s.
Para conmemorar o Día da PAZ, organizamos unha FEIRA SOLIDARIA na que podedes "adoptar" os libros que vos interesen só cunha pequena aportación: un kilo/paquete dalgún alimento non perecedeiro.
Consideramos que é unha boa maneira de dar unha segunda oportunidade a libros que , tras facer un expurgo na Biblioteca, retiramos por falta de espazo e por non estaren adaptados as idades e intereses d@s nos@s alumn@s.
Como temos dito máis dunha vez, os libros son o mellor alimento para a nosa imaxinación, para os nosos sentimentos e para a nosa capacidades de pensar.
Así que , @s que traiades ao cole un alimento para compartir con familias menos favorecidas, levaredes á casa outro alimento, neste caso en papel e para o voso espíritu.

Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos de Ourense ou aos Servizos Sociais do Concello de Toén.

mércores, 16 de xaneiro de 2013

Educar en valores

A vida é fermosa e vale a pena vivila pero seguindo unhas normas e principios que nos guíen. Son o que chamamos  VALORES.
 Por iso é tan importante que ensinemos e orientemos aos nen@s dende ben pequenos para que medren dacordo con estes valores e poidan ser mulleres e homes de éxito. 
A educación en valores ten como obxectivo último a formación integral dos cativos, que lles permita acadar valores positivos para eles mesmos e para a sociedade na que se desenvolverán; valores como a responsabilidade, o esforzo persoal, o compañeirismo, a autoestima, a solidariedade ou a tolerancia.

Picade nas ligazóns deste cartaz dixital e atoparedes contos, xogos, videos...

Lendo pola paz


A PAZ non consiste en conmemorar un día, senón que é un obxectivo para todo o ano.
E aínda que nós non podamos deter as guerras, podemos cooperar poñendo o noso gran de area e facer algo para mellorar o mundo.
Como?
Pois cambiando a nosa actitude na clase, na casa, cos amigos ...

Para que reflexionedes sobre este tema, buscade unha lectura que vos guste picando na ligazón de abaixo.

Libros para a PAZ              
  http://pinterest.com/sacoearce/libros-para-a-paz/

martes, 15 de xaneiro de 2013

Busca a PAZ no teu camiño...

PAZ non significa so ausencia de guerra.
Hai moitas maneiras de conseguir a PAZ ao noso redor.
A nosa colaboración é imprescindible para que no noso entorno haxa COMUNICACIÓN  e RESPECTO .
O mellor é comezar polo que temos máis preto de nós, pois xa se sabe "PEQUENAS COUSAS, GRANDES OBRAS FAN"

martes, 8 de xaneiro de 2013

Un ano máis

O comezo dun novo ano é o momento para reunir as forzas e a ilusión para iniciar o mellor ano da nosa vida, porque @s que fagan o propósito de converter éste no seu mellor ano, seguro que o logran.