martes, 28 de febreiro de 2017

Códigos QR: Os máis pequenos con Rosalia


  Os Códigos QR almacenan información nunha matriz de puntos ou nun código de barras bidimensional.
    Estes códigos unha vez lídos dende un móbil, permitiranvos visitar a páxina Web introducida de forma  automática. Só tendes que  descargar un lector de códigos. Hai múltiples lectores QR gratuitos, para todos os móbiles e tablets nas App Stores dos dispositivos.
 Atopade o lector axeitado para o voso terminal e descargádeo. 
Abride a aplicación e, mantendo o obxectivo da cámara  sobre  os códigos QR , escaneade as imaxes (O escaneo realízase en cuestión de segundos) e descubriredes o que se agocha detrás de cada código.



Mirade a actuación da clase de 2º EP neste QR 


Mirade o ben que cantaron os nenos e nenas de E. Infantil neste  QR



Entroido: Que comece a festa!

Febreiro é o mes do Entroido.
No cole vivímolo moi intensamente porque, durante toda a semana,  temos que obedecer os mandadiños de  Efrén .

  • "Un experimento preparaches, e cunha pinta moi rara quedaches!"


Invertimos moito tempo en elaborar os disfraces, e iso que temos axuda das mamás...!
Empregamos todo tipo de materiais e pinturas.
 Como este ano estamos traballando sobre a ciencia,  tivemos marcianiños, químicos, arqueólogos, físicos, animais en perigo de extinción, robots e supervivintes de Toén- zona 0

xoves, 23 de febreiro de 2017

#RosaliaDos


Grazas polos agasallos!
Desprazámonos ata o Centro de Día de Toén  para compartir a nosa homenaxe a Rosalía con todas as avoas e avós .
 Falámoslles sobre a vida da autora e recitamos poemas, algún deles convertido en canción...


Eles tiñan preparado para nós un xogo: Tiñamos que  ordear os versos duns poemas  que nos recitaron. A súa axuda foi inestimable para logralo: 

rosalia2017 by Slidely Photo Gallery

Despois, caracterizados coas nosas carautas de Rosalía e cos versos que cada un elixiu, fixemos fotos cos avós e as avoas  sumándonos así  a actividade proposta pola AELG. 

Rosalia2017 by Slidely Photo Gallery


mércores, 22 de febreiro de 2017

O souto das palabras

As paredes da escaleira  transformáronse nun souto e nunha carballeira con árbores cheíñas de follas coas nosas palabras favoritas.

Cal é a vosa?


O Souto das palabras by Slidely Photo Gallery

Acordádevos de votar polas vosas palabras os enlaces da entrada anterior e de animar aos vosos familiares e amigos a que o fagan. 

luns, 20 de febreiro de 2017

Dia da Lingua Materna


No galego, ao igual que en todas as linguas, hai moitas palabras fermosas, únicas, históricas, propias, prestadas...
Todas nos pertencen e debemos coidalas e protexelas para que coninuen formando parte da nosa fala, do noso patrimonio cultural.
No Día da Lingua materna, 21 de febreiro, queremos render homenaxe ás palabras da lingua galega.
Cada neno/a elixirá dúas palabras: a que mais lle gusta polo significado que ten,  e a que prefire pola súa sonoridade. Escribiráas dentro dunha folla de castiñeiro ou carballo acompañadas dun debuxo esquemático (visual thinking) e con todas elas construiremos o noso souto e a nosa carballeira de palabras fermosas.

Queremos elixir as dúas palabras preferidas e para iso tendes a vosa disposición uns formularios:






Para elixir as vosas palabras favoritas ( picade na imaxe)









Para elixir as palabras que vos gustan pola súa sonoridade (picade na imaxe)






Tod@s os  podemos colaborar votando

Animade aos vosos familiares e amigos!

domingo, 19 de febreiro de 2017

#RosalíaTe


Todos os anos, o  24 de febreiro, celebramos na escola o Día de Rosalía .

 A  AELG convídanos a recordar a  data de nacemento da autora participando nas actividades que propoñen por toda Galicia: lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro,  lectura do manifesto  elaborado este ano por Ledicia Costas ...

Este ano, o lema é  #RosalíaTe .

Cada alumna ou alumno converterase en Rosalía , caracterizándose empregando unha mácara que elaboraremos no colexio. Faremos un repaso da figura literaria da autora e a súa obra. Cada neno/a elixirá uns versos cos que elaborará un cartel .
Unha vez feito este traballo, compartirémolo cos "avós e avoas" do Centro de Día de Toén.

domingo, 12 de febreiro de 2017

Parabéns

Acto de entrega dos premios do I Concurso de debuxo e redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O sábado, 11 de febreiro,   no Salón de Graos do edificio Politécnico do Campus de Ourense  tivo lugar a entrega de premios e  alí estiveron, acompañados polos seus pais,  a súa mestra de CCNN e Lingua galega e a directora do centro ...

Lúa Domínguez Grande- 2º premio de debuxo
José Vidal González Gómez  - 2º premio de redacción
Sofía González Iglesias - 3º premio de redacción




A investigadora Verónica Salgueiriño impartiu unha charla co título ¿Que é a nanociencia? 
A continuación, o vicerreitor do campus de Ourense da Universidade de Vigo,  Virxilio Rodríguez e a investigadora Verónica Salgueiriño realizaron a entrega dos premios .

Os xornais Faro de Vigo e  La Voz de Galicia  fanse eco da noticia.


NORABOA!

mércores, 8 de febreiro de 2017

Reporteiros pola PAZ, 2017

Como xa ven sendo tradicional por estas datas, os nenos e nenas escribiron  noticias, frases,  poemas... para formar parte  desta mini revista "pacífica" que vimos editando os últimos 6 anos.

Este ano, seguindo co noso proxecto anual,  moitas das novas teñen que ver coa ciencia, cos beneficios que pode provocar na vida das persoas e o que os científicos e científicas poden facer para
mellorala.

<

venres, 3 de febreiro de 2017

Dia das Mulleres e as Nenas na Ciencia

O dia 11 de febreiro está declarado pola ONU como o Día internacional da muller e a nena na Ciencia para promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia. Con tal motivo, a Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñería Informática e a Escola Enxeñería Aeronáutica e do Espazo en colaboración coa unidade de Igualdade da Universidade de Vigo  convocaron un certame de redacción e debuxo que axude a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e que reflicta como son vistas pola sociedade e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna.

No blogue "O souto dos Laretas" podedes ver as bases da convocatoria e tamén os traballos que se presentaron.

Moita sorte ás e aos participantes!

xoves, 2 de febreiro de 2017

Unímonos aos VALENTES

Juan Manuel Montilla, "El Langui" colaborou con Mediaset na elaboración do rap dos valentes.
Ser  valente é dar a cara ante unha situación de inxustiza e posicionarte do lado do que está só; sacar os teus sentimentos, non a base de puños, senón dende o corazón.
"Se buscan valientes" é un rap en contra do abuso na escola, poñendo o foco nos testigos que presenzan o acoso e teñen a chave para denuncialo. Son os amigos e compañeiros os que se teñen que converter en "salvavidas"· ante un caso de bullying.
Ser diferente é un aspecto que enriquece á sociedade, sen embargo é a excusa dos acosadores para actuar.
Aínda que na nosa escola non hai este problema,  decidimos sumarnos a esta iniciativa  facendo nosa a canción que tan famosa se fixo estes días para cantala o día da PAZ.
Como?
Pois... traducíndoa ao galego: "Búscanse valentes"




mércores, 1 de febreiro de 2017

Sons de PAZ

A profesora de música organizou un concerto para conmemorar o Día da PAZ.
Os nenos/as tocaron á frauta dúas versións do Himno á Alegría.

Despois todos/as participamos cantando.


O himno de paz do noso cole non podía faltar: "Ponlle freo á guerra"
Para rematar, os nenos e nenas de 2º recitaron un poema que eles mesmos escribiron.