Amosando publicacións coa etiqueta arbore. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta arbore. Amosar todas as publicacións

domingo, 26 de abril de 2026

venres, 30 de decembro de 2022

Video Nadal

Momentos máxicos. Ilusión e compañeirismo. Remata un longo periodo de curso e o alumnado xe pensa en neve, agasallos, turrón, descansar na casiña coa familia e algúns, vlotar de novo ao cole para ver aos amigos e amigas.

Mentres, ambiente de Nadal, decorando a árbore con motivos relacionados coa auga ( menudas xenialidades as que aportaron dende a casa ), facer postais de felicitación aos maiores do Centro de Día, decoración de pasillos e clases...

Pola nosa parte, agradecer a todas as familias a súa colaboración coas actividades da escola e desexarvos que pasedes unhas boas festas. Que o 2023 traia o mellor para todos/as vós. Unha aperta grande !!!!

domingo, 7 de xuño de 2020

Amamos a Natureza

O noso cole está rodeado  de natureza. As nosas casas tamén... 
Será por iso que amamos as árbores, as  plantas e os animaliños grandes e pequenos.
Pero ultimamente notamos que a Nai Terra está un pouco triste ... Non a vemos sorrir. e iso preocúpanos.
Por iso, xs nenxs de E. Infantil  quixeron darlle apertas e  aloumiños,  para que saiba que nos preocupamos por ela e que sempre imos loitar para que a respecten e non a manquen. 


A aprendizaxe debe construirse dende o coñecemento do entorno máis próximo. Por iso,
pedimos ás nenas e nenos de E Primaria que, cando saísen a pasear,  fotografasen árbores e plantas do seu arredor e aprendesen os nomes. Porque resulta máis doado coidar o medio ambiente se o coñecemos e lle chamamos ás cousas polo seu nome.   
E para ver cantos nomes de árbores aprenderon, nada mellor que un xogo coas fotos que mandaron:
 
E tamen atoparon moitas plantas. Cantas podedes recordar?

sábado, 6 de xuño de 2020

Unha Árbore Senlleira

Sabedes que é unha  "árbore senlleira"?
Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza  etc.) é considerada unha reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e que ten valor científico, cultural, botánico, paisaxístico ou ornamental

No barrio ourensán de As Lagoas podemos admirar a única árbore da cidade que esta inscrita no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. A sobreira de Loña 
Aínda que moitxs ourensáns non coñezan este magnífico exemplar de sobreira, non é unha árbore calquera. 
Leva dando sombra dende hai máis de 400 anos e hai 10 anos foi obxecto dunha homenaxe por parte da Fundación Felix Rodríguez de la Fuente, por iso ao pe da sobreira hai unha placa de recordo..


Altura: 21.4 metros
Perímetro do tronco: 7.27 metros
Diámetro da copa: 22.85 metros

 Non está situada no mellor sitio, parece estar "castigada, mirando á parede" pois está pegada ao muro do CEIP Manuel Sueiro, inxustamente arrinconada, a pesares de ser un monumento natural

venres, 22 de marzo de 2019

Día da natureza

O 21 de marzo é o Día da Natureza .

Celebramos o Día da árbore coa visita de Xosé Santos, o garda forestal que nos acompaña sempre en todas estas faenas. Este ano, ademáis de arces e cancereixos, trouxonos unha árbore especial.
É especial porque non atoparedes ningunha outra coma ela nos arredores: só existe no Xurés e nalgunhas zonas de Portugal. 
Esperemos que medre á mesma velocidade que medramos nós.
Comprometémonos a coidala e protexela para que chegue a ser unha árbore grande e fermosa.

E tamén nos comprometemos a coidar  as hortalizas que cada un de nós sementou ou plantou no horto. 
A ver cando podemos probar unha das nosas leitugas, cenorias, amorodos ...

xoves, 22 de marzo de 2018

A nosa homenaxe ás árbores


O Día das árbores é especial porque celebramos a importancia e o rol vital que teñen as árbores na vida do noso planeta.
A primeira celebración foi en Suecia en 1840 e, dende aquela, todos os países do mundo se foron sumando a esta tradición.

Nós pensamos que a mellor homenaxe que lles podemos facer ás árbores e coidalas e organizar unha plantación no patio.
Para iso, que mellor que recibir aos Pepes (Pepe Santos e Pepe Conde), os nosos dous ecoloxistas preferidos?

Primeiro, un saúdo  ás árbores que apadriñamos o ano pasado non ven mal...

 E logo, a facer buratos e enterrar as raíces das novas árbores que nos trouxo Pepe...
  Xa temos máis de 20 especies diferentes !


DiaDaArbore2018 by Slidely Photo Gallery

martes, 4 de xullo de 2017

O escarabello verde

 
"O escarabello verde" é un programa divulgativo sobre ecoloxía e medio ambiente . Inclúe reportaxes, documentais, entrevistas e tertulias sobre asuntos relacionados coa natureza.
 É un dos programas máis antigos de TVE 2, leva en antena dende 1997,  e é o único sobre medio ambiente que se emite nunha cadea nacional.
Bueno, pois cóntovos todo isto porque o outro día, o equipo do programa estivo gravando no colexio.
Viñeron acompañados de Xosé Santos, o noso axente forestal favorito. Coa súa axuda coñecemos algunhas particularidades da nosa contorna e aprendemos, coa axuda de mapas e brúxulas, a orientarnos no monte. Tamén prantamos un castiñeiro nas inmediacións do colexio.
Agasallounos cun anaco de árbore que, según puidemos deducir contando os seus aneis, ten a mesma idade que moitos de nós: 11 anos.


EscarabelloVerde by Slidely Photo Gallery

Xa vos informaremos sobre a data de emisión do programa, pero seguro que haberá que  deixar pasar o verán  e agardar a nova tempada...
El medio ambiente no son sólo animales y paisajes. El Medio Ambiente está íntimamente relacionado con el entorno, con las personas
El medio ambiente no son sólo animales y paisajes. El Medio Ambiente está íntimamente relacionado con el entorno, con las personas
El medio ambiente no son sólo animales y paisajes. El Medio Ambiente está íntimamente relacionado con el entorno, con las personas

mércores, 29 de marzo de 2017

Árbores e poesía

No cole estamos moi sensibilizados cos problemas medioambientais, quizais porque estamos  rodeados de natureza.
Todos os anos plantamos árbores, no patio ou fóra.
 E este ano, como somos conscientes de que o noso papel co medio ambiente ten que ir mais alá de apreciar a natureza, decidimos adoptar unha árbore  do noso patio.
Cada clase elixiu unha especie de árbore diferente para aprender sobre ela,  coidala e respectala .

            



























Ademáis, como o día da árbore e o día da poesía van collidos da man, decidimos escribir un poema para a nosa árbore e adornala  

martes, 29 de marzo de 2016

As árbores son o futuro

Cada ano por estas datas dedicamos un día á plantación de árbores, polo xeral sempre nas inmediacións do cole. Levamos plantando árbores xa dende moitos anos atrás e contamos cunha grande variedade de especies diferentes no patio do cole: acivros, bidueiros, cancereixos, carballos, castiñeiros, nogueiras, pradairos, sobreiras… 

Este ano plantamos un érbedo, un carballo e unha sobreira. Tamén nos encargamos de coidalos, disfrutamos da súa sombra e tamén dos seus froitos.

A Deputación de Ourense achega propostas e materiais para traballar estas conmemoracións nas aulas, agasallando a cada alumno/a co conto “Dona Pinga e Don Carballo fan amizade” un recurso máis co que contaremos ao longo destes días.


mércores, 23 de marzo de 2016

Día dos Bosques

Dende un punto de vista biolóxico, os bosques cobren o 31% da superficie terrestre e son os ecosistemas  máis diversos. Albergan máis do 80% das especies vexetais e animais e xogan un papel moi importante na nosa loita por adaptarnos ao cambio climático, xa que contribúen a manter o equilibrio nos niveis de osíxeno, dióxido de carbono e humidade na atmosfera.

Por outro lado, dende a perspectiva humana, as árbores proporcionannos traballo,  refuxio,  combustible e medicinas . Ao redor de 1600 millóns de persoas dependen dos bosques para o seu sustento e tamén contribúen ao coñecemento científico e a exploración artística.

Pero a deforestación continúa  a un ritmo de 13 millóns de hectáreas por ano e é responsable dunha grande porcentaxe das emisións de gases que proiducen o efecto invernadoiro e contribúen ao quecemento global.

Os bosques son vida. 

Son os pulmóns do planeta ademáis de seren o fogar de centos de especies animais e vexetais. Ademais,  son vitais para o noso suministro de auga porque inflúen en como e onde chove e lavan e filtran a nosa auga.

Ao protexer os bosques do mundo, estamos protexendo a auga limpa da que dependemos para a nosa supervivencia.


Por iso, no Día Internacional dos Bosques, queremos recordar a importancia de protexelos.

Hoxe é un día para tomar conciencia!

via GIPHY


mércores, 25 de marzo de 2015

Día da Auga. Día das árbores

A Deputación de Ourense convidounos a  celebrar na escola estes dous días tan importantes para o noso planeta: o Día da Árbore e o Día da Auga.

Agasalláronnos cun libro "A palabra máxica" de Xosé A. Perozo, ilustrado por Viki Berre.
Narra as aventuras do trasno Beiro e a súa amiga Antela, a ninfa das augas na procura dunha bolsa de coiro  onde estaban gardados uns versos e unha música que o trasno tiña ao seu coidado.Para atopala terán que formar unha palabra máxica de dez letras e xuntar as augas de catro fontes da vida. Viaxarán no tempo ata catro lugares da provincia de Ourense onde hai mananciais de augas termais, e varias árbores axudaranos a rematar a aventura con éxito.

Os elementos máxicos_ personaxes, viaxes no tempo, mitoloxía galega_ serven para reforzar a importancia cultural das augas e as árbores na nosa terra e o poema que aparece ao final con música  de Manuel de Dios está considerado coma o Himno de Ourense.

 
HimnoOurense from Efren Esquio on Vimeo.

Como recordo deste DIA  prantamos un acivro no patio do cole:


Dia da Árbore, 2015 by Slidely Photo Gallery

sábado, 22 de marzo de 2014

21 de marzo, Día das Árbores

Como case todos os anos, recibimos a visita de Xosé Santos, o técnico forestal, que sempre que se achega ao cole trata de trasmitirnos o seu amor polas árbores e a natureza.
Esta vez viña moi ben acompañado... O profe Pepe veu axudarnos coas actividades e a plantación ...
Hai xente que colecciona cromos... Nós coleccionamos árbores.
Cada ano, polo Día da Árbore, Santos aparece cargado con especies diferentes. Hoxe trouxo abetos de Douglas, pradairos, cerdeiras, e algún carballo.
Cando pasen uns anos, o noso patio será un espazo   onde os paxaros, os esquíos e os coellos atoparán acubillo e non pasarán fame.
Agora só nos queda coidar as nosas árbores para que medren e dean froitos... 
Podedes ver as fotos aqui abaixo. (A canción é de Paco Nogueiras Nodar e titúlase "Cos pés na terra", como o noso proxecto de hai tres anos)



Pero este ano, Santos trouxo tamén un xogo de orientación.
Como sabe que estamos "viaxando ao redor do mundo"...

<

xoves, 2 de maio de 2013

Poemas ás árbores

Un dos apartados da miniquest Palabra de árbore propoñíavos escribir un poema a unha árbore que para vós sexa especial.
Este é o resultado:


mércores, 1 de maio de 2013

Abraza unha árbore


Unha árbore e moito máis que unha planta cun tronco leñoso, pólas e follas.
 É un ser vivo que  foi venerado por moitos pobos ao longo da historia, entre eles os celtas. As árbores formaban parte dos seus ritos e prácticas máxicas, da súa vida cotiá e consideraban que tiñan usos medicinais. 
Crían que cada árbore posuía un espíritu, e que o seu rostro podía verse no seu tronco e a súa voz escoitarse no son das follas movidas polo vento.
Nos momentos de soidade, tristeza ou preocupación, os nosos antepasados buscaban unha árbore e abrazaban o seu tronco para transmitirlle os seus problemas e recibir, a cambio, a súa forza.

Así, os namorados buscaban un tilo ao que confiarlle as súas penas de amores, os homes qu ían á guerra, abrazaban un carballo que representaba ao deus Marte e as persoas que tiñan pouca confianza en sí mesmas achegábanse a un bido, que estaba baixo a protección de Mercurio.

Cando camiñamos entre as árbores dun parque ou un bosque, podemos sentir a súa enerxía. Por iso, como no noso patio temos moitas árbores, pensamos que sería unha boa idea celebrar o Día da Terra con elas.  As árbores axúdannos a  establecer contacto coa natureza, a relaxarnos,  e a comunicar a nosa mensaxe a Nai Terra. 

luns, 25 de marzo de 2013

A festa da Árbore

A nosa homenaxe ás nosas árbores
Coma todos os anos (ou case todos)  celebramos o día da árbore cunha charla medioambiental e unha prantación.

Pepe Santos Otero, é un axente forestal que con asiduidade visita o noso cole, para concienzarnos da necesidade de que tod@s nos impliquemos no coidado dos bosques.
En primeiro lugar mostrounos unha presentación en ppt que daba a coñecer algúns datos escalofriantes sobre o impacto dos incendios, sobre todo en Ourense. Tamén nos falou do valor dos nosos recursos e da importancia de ter conciencia ambiental xa dende pequen@s.

E esta é a nosa pequena homenaxe :

xoves, 21 de marzo de 2013

Palabra de árbore

As árbores están ao noso arredor e teñen, como calquera outra especie animal ou vexetal, unha función definida no ecosistema. Por iso é importante coñecelas e respectalas, para asegurar a  súa conservación para xeracións futuras e para a propia saúde do planeta.
Acompáñannos desde o principio dos tempos e, entre outras cousas,  proporciónannos sombra, humedecen o ambiente, osixenan e purifican o aire, diminúen a contaminación, protexen contra a erosión e engaden beleza a paisaxe.
 Son unha obra de arte natural e  un agasallo para os sentidos. 
O mesmo que a poesía.
Debe ser por iso que o 21 de marzo, coincidindo coa chegada da primavera, coinciden as dúas conmemoracións :o DÍA DA ÁRBORE  e o DÍA DA POESÍA.
Este ano preparamos esta MiniQuest que vos irá guiando para que , 
empregando a información que achedes nos libros da biblio e na rede, aprendades cousas novas e recordedes outras moitas que xa sabiades sobre as árbores . 
No obradoiro literario propoñémosvos que poñades a proba a vosa creatividade e escribades un poema, un canto ás árbores e ao bosque.

MiniQuest: PALABRA DE ÁRBORE

Aquí atoparedes contos, xogos, información, adiviñas.... e unha GUIA DE LECTURA para estes días 
<

Poemas sobre árbores escritos por autores galegos - Un precioso traballo do CEIP Victor Sáenz