venres, 26 de novembro de 2021

Nin máis nin menos


Na nosa escola tratamos de educar fomentando a igualdade entre nenas e nenos. sen ningún tipo de condicionante  que os limite en función do seu xénero.  Rexeitamos os estereotipos e desenvolvemos unha actitude crítica ante calquera signo de violencia. Intentamos que as nenas e nenos sexan quen de ver as desigualdades e inxustizas que se producen ao seu redor.

 Se as  nenas e os nenos medran sabendo que somos diferentes, pero  hai que respectar e valorar as diferenzas  rexeitando as barreiras absurdas que  crea a  sociedade,  lograremos un tratamento igualitario entre  eles.

No seguinte video podedes ver unha animación sobre como se crean  os roles de xénero na sociedade.


E neste, as actividades que realizamos nas aulas :

mércores, 24 de novembro de 2021

Libros para a igualdade

Efrén e Carmen foron polas aulas a repartir outro agasallo da ANPA: Libros para a igualdade. 

Porque nos tempos que corren, educar en igualdade é imprescindible. 

O libro "La princesa rosa / El príncipe azul" de Ricardo Francaviglia e Margherita Sgarlata, editado por Kalandraka dentro da serie Silent Books ven a demostrar que as palabras non son imprescindibles para contar unha historia.

É un libro que admite varias lecturas, que se pode ler no idioma que se prefira e que contén dúas historias (ou mais, dependendo da capacidade de observación e da imaxinación do lector), segundo por onde se empece. É un libro onde nada é o que  parece ao comezo.

Animámosvos a lelo, teñades a idade que teñades e a que nos contedes a vosa historia.

domingo, 21 de novembro de 2021

Semana da Emociencia

Efrén agasallounos cunha chapa

 De onde veñen as emocións? Inflúen na nosa saúde física e mental? Por que nos sentimos como nos sentimos? Por que nos afectan as emocións dos demáis?  Ten a ciencia algo que ver coas emocións?

Sabiades que se reprimimos a expresión das emocións, prodúcese un desequilibrio no noso organismo  que pode traer malestar e incluso enfermidade?

Sabiades que as nosas emocións inflúen nas emocións doutras persoas?

Nesta semana da ciencia,  tratamos de que o alumnado  realizase  experimentos que mostrasen o que nos pasa cando sentimos unha determinada emoción , cando as emocións se desbordan, cando as compartimos cos demais ... 

xoves, 18 de novembro de 2021

Ciencia e Mulleres

 As mulleres foron ata non hai moito tempo as grandes esquecidas en temas científicos.

 Parecía que non existían mulleres científicas, que só os homes facían descubrimentos. 

E non é certo.

En todas as épocas, dende o tempo dos romanos, houbo mulleres inventoras, matemáticas ou enxeñeiras. A historia encargouse de escondelas. Como? Non falando delas, mantendo  agochados os seus nomes ou , aínda peor, outorgando os premios aos seus colaboradores.

No cole tivemos a oportunidade de coñecer e darlle o recoñecemento que merecen a varias mulleres que dende Hipatia ata Begoña Vila, pasando por Katherine Johnson melloraron o mundo cos seus descubrimentos. 

Todo grazas á ANPA que  agasallou a 5º e 6º cunha sesión de Ciencia coa que aprenderon moito.



Se queredes saber máis sobre a ciencia e 
os experimentos picade na imaxe.

luns, 15 de novembro de 2021

Viva o magosto!


No cole, mantendo todas as medidas de seguridade pertinentes,  volvemos vivir a festa do magosto. 
Houbo, coma en anos anteriores, fogueira, xogos, música, bolos preñados, empanada , filloas e por suposto, o que non pode faltar : castañas asadas. 
Vaia festón!

sábado, 6 de novembro de 2021

Alimentación Km 0

 Estes últimos días o xornal fíxose eco dunha nova que ten que ver co  noso
comedor escolar : Acaba de ser elixido como merecedor do distintivo "Comedor escolar Km 0", selo outorgado pola asociación Slow Food Compostela, polo Instituto ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e a Asociación para o Desenvolvemento Rural comarca de Ourense ( Adercou).

Este selo, recoñece o noso traballo e a nosa práctica diaria no comedor escolar, traballando a educación alimentaria entre o noso alumnado e familias, potenciando unha alimentación equilibrada a base de produtos de proximidade e ecolóxicos.  elaborados por agricultores e gandeiros do propio concello  ou da contorna máis próxima.

“A razón de escoller os produtos de proximidade responde a que serán máis frescos e madurarán onde teñen que madurar, non nunha cámara frigorífica”, asegurou a secretaria de Slow Food .  Ademáis recalcou que outro obxectivo é “que os máis pequenos aprendan que a alimentación é algo moi importante e que hai que coidar”.

Un merecido recoñecemento público a unha traxectoria de moitos anos e a unha maneira de traballar a alimentación de forma saudable e sostible como marcan os ODS que investigamos hay 3 anos no noso Proxecto "R que R que R"


O primeiro paso foi a participación do  alumnado  nunha charla informativa na que os productos de tempada e os produtores locais foron os protagonistas  e onde se explicaron os beneficios dos mesmos para a alimentación e para o planeta.

luns, 1 de novembro de 2021

Coidado, non morras de medo

 Un consello de Efrén: non saias moi lonxe na noite de Samaín.. Nunca se sabe onde pode estar a Santa Compaña! 

Porque non sei se o sabedes, pero nesa data os mortos teñen autorización para camiñar entre os vivos e a xente ten a  oportunidade de reunirse cos espíritus dos seus devanceiros.

Ao cole achegáronse multitude de "seres" diferentes: pantasmas, monstros, bruxas, demos, esqueletos ... e cantaron e bailaron ao ritmo de músicas tenebrosas, que son as que máis os animan. 

Cabazas de Samaín

 
O creas ou non, as bruxas habelas hainas, e se te atopas con algunha, o mellor é que leves contigo unha boa cabaza para espantala. 
Como facían os celtas, que as poñían no medio dos camiños para espantar aos inimigos...