mércores, 30 de decembro de 2020

As barcas do noso concello

 O noso alumnado tamén investigou sobre a existencia ou non de barcas para cruzar o río Miño no noso concello.

A familia de Lea, que vive en Freixendo,  contoulle que as barcas eran de madeira de castiñeiro ou carballo e podían ser de varios tamaños e formas. Había unhas que ata podían cruzar o río levando carros tirados por bois ou vacas. 
En Reza , Santa Uxía e Feá había portos para as barcas. 
En  Freixendo había barcas para cruzar a Untes e tamén para pescar. Pescaban utilizando nasas.
Desde Feá e Puga cruzábase a Barbantes para deixar a carga na estación do tren.
Cruzar o río onde non había ponte era unha das necesidades a que as barcas daban resposta Sacar area, mover carros e gando, desprazar mercadorías e persoas foron as principais funcións destas embarcacións. O viño, a madeira, o sal e a pedra foron algunhas das mercadorías máis transportadas.
Sobre todo eran usadas pola xente de ámbalas beiras do río que posuían terras na beira oposta. Nelas ían a traballar as terras e a recoller as  colleitas
Tamén se usaban para ir ao médico, aos baños e a tomar as augas mediciñais, ás feiras e mercados, ás festas ou romarías
A forma de pago podía ser  en metálico ou en especie 

Ata hai cantigas que se refiren a barcas e barqueiros:

Barqueiros de Ribadavia vídeme pasar a min
que veño de Santa Rosa e vou pró San Agustín.

San Hadrián é barqueiro barqueiro é San Hadrián;
San Hadrián é barqueiro que leva o remo na man.

Desoutro lado do río teño unha parriña de uvas,
e o barqueiro non me pasa, e elas caen de maduras.

Do outro lado do río, o meu pai ten un palleiro;
cada vez que vai alí ten que paga-lo barqueiro


A desaparición deste medio de transporte debeuse a varias causas: a mellora das comunicacións por carretera, a construción de novas pontes , a chegada do ferrocarril e a construción dos embalses. 
A barca de Barbantes seguiu funcionando ata a segunda metade do século pasado.

Barcas do Miño

 Anxo Moure enviounos este video que forma parte dun novo proxecto: Cine para coidar a Terra para defender a cultura fluvial, o ecosistema e a diversidade dos rios.

Titúlase "A barqueira". É un video musical estreado no encontro de cine ecolóxico de Garabelos. A cantiga, na voz de Davide Salvado, é un tema popular galego . Tamén participan Cristina Castro e Dani Pardo.

mércores, 23 de decembro de 2020

Un Nadal Diferente a calquera outro

 Está a piques de chegar unha das nosas datas favoritas: o NADAL

As vilas e as cidades énchense de cor e música, decoramos as casas, as luces fan brillar as rúas, as tendas adornan os escaparates e as panxoliñas escóitanse por todos lados....

Este Nadal será moi diferente debido ao Covid-19, por iso teremos que adaptar algunhas das nosas tradicións, reducir as reunións familiares e engadir a máscara ´a nosa indumentaria.

 Pero non deixaremos que todo iso nos impida disfrutar desta época tan especial!

Tomando as  precaucións necesarias, poderemos gozar tanto coma outros anos.

FELIZ INVERNO PARA TODAS E TODOS!

          


luns, 21 de decembro de 2020

Bo Nadal

 Esta é a nosa  audiopostal para felicitar estas datas aos avós do Centro de Día, as nenas e nenos de Escola Infantil  ás familias e a todo o concello en xeral.

BO NADAL!     e 

SAÚDE PARA O VINDEIRO ANO!

domingo, 20 de decembro de 2020

Recomendamos...

 Os libros infantiles máis representativos de cada país de Europa.

Os libros son capaces de perdurar no tempo e marcar as nosas vidas. 

Todxs recordamos ese libro que todas as noites pediamos que nos leran, ou o que nos regalaron cado eramos pequenos , ou aquel que tomamos en préstamo na biblioteca e que non deixabamos de ler en canto tiñamos un momento libre. 

Este NADAL recomendámosvos que leades algún destes libros que, dende hai moitas xeracións, animaron e seguen animando a ler ás nenas e nenos de Europa. Moitos deles están na biblio do cole, de outros seguro que nunca oirades falar pero que seguro que son interesantes e non estaría de máis coñecelos e lelos.

Neste mapa hai representados 31 libros infantís de distintos países europeos.

Cantos coñecedes?  

Cal ou cales recomendariades? 

Escribide un comentario e respondede 

domingo, 6 de decembro de 2020

Somos capaces

A labor non só dos mestres senón da comunidade en xeral é conseguir que xs alumnxs aprendan xuntxs coas súas diversidades, en función das súas necesidades ; aprender que todxs teñen igual valor en  dignidade e dereito e que todos son capaces.

Esta é a finalidade da educación inclusiva: que todxs xs alumnxs aprendan xuntxs e estudien xuntxs tendo en conta as diferenzas, é dicir, que se recoñeza a cada nenx  segundo é, en función das súas propias necesidades e capacidades. (ODS 10)

As nenas e os nenos son coma bolboretas: algúns poden voar máis alto ca outrxs pero cada un voa da mellor forma que pode... 

Por que, entón, comparalos a uns con outros?

Cada nenx  é diferente

Cada un deles é especial

Cada un é fermoso e único!

Só é  unha cuestión de actitude:

Se ensinamos ás nenas e nenos a aceptar a diversidade como algo normal, non será preciso falar de inclusión, senón de convivencia.

Distintos voos, o mesmo dereito a voar


mércores, 2 de decembro de 2020

Somos diversos

No noso planeta viven moooitas persoas (unha de cada 10) que precisan dalgún tipo de apoio, dalgún tipo de  axuda. E pode que cada un de nós, ao longo da nosa vida experimentemos algún tipo de necesidade, aínda que sexa temporal. 

Hay xente que a isto lle chama discapacidade, pero discapacidade non quere dicir incapacidadePor iso a nós gústanos máis falar das diferentes  CAPACIDADES das persoas para sentir,😒😅 para elixir 👀, para querer 💑... Para opinar 🙋, para rir 😄, para chorar😱 ... 

As persoas, igual que as bolboretas  voan de forma diferente, pero todas teñen dereito a voar.

Temos que conseguir que o noso mundo respecte as capacidades de todas e todos. (ODS 10)

Iso depende de nós! 

Para coñecer a realidade das diferentes persoas, propoñemos as seguintes lecturas e actividades:

"Los zapatos de Marta" : un conto que narra a historia dunha nena que naceu con espina bífida. Tamén o podedes escoitar picando aquí

"Mi hermana Lola" :  Recolle as vivencias de Lola, unha nena con dificultades para aprender ao ritmo esperado nalgúns aspectos, pero tamén con capacidades, a través dos ollos dp seu irmán. Podedes aproveitar para velo en video

< "La tortuga Marian" : un conto sobre a síndrome de Down. Videoconto en you tube

< "Marcela, la inventora de palabras" un conto  da ONG Save The Children para concienciar sobre a violencia contra a infancia con discapacidade e previr os estereotipos asociados a ela. Podedes escoller entre ler o libro en lectura fácil, descargalo ou ver o video.


< "Diferentes"  guía ilustrada sobre diversidade 

< "Mi hermano tiene autismo"   presenta as típicas preguntas que poden facerse os nenos ou nenas que teñen un irmàn ou compañeirx con autismo.        Videoconto

< Un mar de core

< Di : Capacidade

< Cine: Cartelera Inclusiva

< Mais cine: Cartelera inclusiva 2

mércores, 25 de novembro de 2020

25N: con máscaras SI, caladas NON


Efrén decidiu regalarlles aos nenos e nenas un contiño que se titula "Las muñecas son para las niñas" de LUDOVIC FLAMANT.

É un conto que trata con moita ironía o tema dos estereotipos de xénero aínda presentes na nosa sociedade, moitos dos cales poden e deben ser erradicados dende a familia e a escola. Tamén nos recorda a importancia de respectar os gustos dxs nosxs fillxs, deixándolles liberdade de elección, algo fundamental para que sexan capaces de tomar as súas propias decisións e defender as súas ideas.


Se hoxe educamos no respecto, na igualdade e no cariño por riba de todo, mañá non teremos que recordar este dia no que se reivindica o bo trato e se trata de plantar cara á violencia contra as mulleres.

Todxs no cole nos sumamos a esta petición. (ODS 5)

Decoramos un cubrebocas, unha máscara, con lemas e debuxos esixindo tolerancia e respecto.


Despois, enchemos a cerca do patio con lazos de cor morada 


Aurora, unha nena de 5EP, está feita unha verdadeira poeta e escribiu un poema para esta data:





martes, 24 de novembro de 2020

Igualdade = Bo trato

 


A agresividade contra as mulleres está estreitamente relacionada con crenzas e estereotipos  de xénero. Por iso hai que comenzar a erradicalos dende idades temperás.

As actitudes sexistas e os comportamentos agresivos  cara as mulleres non nacen cos nenos, son conductas aprendidas. Por iso na escola debemos crear valores en nenos e nenas  para que estas actitudes desaparezan 

 AS NENAS E OS NENOS PODEN FACER AS MESMAS COUSAS

AS NENAS E OS NENOS PODEN XOGAR COS  MESMOS XOGUETES

AS NENAS E OS NENOS  PODEN VESTIR A MESMA ROUPA  E DA COR QUE QUEIRAN

AS NENAS E OS NENOS PODEN SER O QUE QUEIRAN SER

Con esta idea creamos este video:

EU ROMPO A CADEA, E TI?

luns, 23 de novembro de 2020

A ciencia das bisavoas

Cando os nosos devanceiros poñían auga nun porrón de barro para que estivera fresca, cando empregaban plantas para curar enfermidades  ou cando usaban o sal ou o fume para conservar os alimentos estaban realizando procesos que teñen unha base científica, aínda que eles non o  souberan.

Quixemos que na semana da ciencia deste ano os experimentos tiveran relación co Proxecto no que estamos traballando: "Album de lembranzas". Por iso eliximos estes que vos mostramos a continuación:

- Facemos un compás - 1 EP


- Limpamos prata - 2EP

- Facemos queixo - 3EP

-Pantógrafo - 4EP

- Barómetro - 5EP

- Pegamento ecolóxico - 6EP

venres, 20 de novembro de 2020

Dia da Infancia



Celebramos o
Día Internacional da Infancia. É unha data para lembrar que as nenas e nenos non son só seres fráxiles que necesitan ser protexidos, senón que son persoas que teñen dereitos: Dereito a seren educados, dereito a divertirse, a aprender e a expresarse , dereito a recibir coidados médicos e alimentarse para garantir o seu desenvolvemento en tódolos aspectos e onde queira que teñan nacido.



Entre todas e todos  fixeron este mural no que resumiron o que aprenderon:

Aurora sorprendeunos cun poema :

Hoxe é o noso día by Ceip Saco e Arce on Scribd


luns, 16 de novembro de 2020

NÓS naceu en Ourense



En  1920 nacía en Ourense a revista NÓS, un proxecto cultural impulsado por Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao e Losada Diéguez . Editouse ata 1935 e apostaba por fortalecer  a cultura e literatura galega,  crear conciencia do valor do noso e consolidar a lingua galega como medio de expresión no ámbito 
científico

O 30 de outubro saíu á luz o primeiro número da publicación, que sempre en lingua galega, trataba temas tan diversos como a etnografía, a ciencia, a arqueoloxía xunto a tradución de filósofos alemáns, novidades artísticas doutros paises europeos ou versións de obras da literatura universal

Con motivo deste centenario na ourensá rúa do Paseo inaugurouse unha mostra que poderá visitarse ata o 30 de novembro e que ten como obxectivo dar a coñecer o que esta xeración literaria supuxo para Ourense e para a cultura galega.

Revista Nos by Ceip Saco e Arce on Scribd

 
Os exemplares da Revista poden consultarse na  Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana.

domingo, 1 de novembro de 2020

Noite das ánimas

 Samaín, Noite de Defuntos, Noite dos mortos, Festa dos calacús ... En Galicia temos moitos nomes para referirnos á mesma data . 

Para qué queremos chamarlle Halloween? Deixemos iso para a clase de inglés...

E, coma todos os anos, as pantasmas, monstros e demos viñeron ao cole,  pero respectando as normas.

Cabazas, calacús ... como lle chamas ti?

Coma todos os anos, aproveitamos a celebración do Samaín para facer unha exposición de cabazas. 

Este ano, por aquilo do virus, pedimos que viñesen decoradas, non talladas... 

A imaxinación non ten límites...

mércores, 28 de outubro de 2020

Efrén contacontos

 Na semana da Biblioteca, Efrén quixo regalarlles ás nenas e nenos uns contos.                                             

Pasou pola biblioteca para elixilos e contóullelos con moita profesionalidade. 

martes, 27 de outubro de 2020

Xeografías Lectoras: Atlas de Lugares Imaxinarios

 A literatura ofrécenos a posibilidade de visitar innumerables mundos e lugares que só existen na imaxinación dos escritores que os crearon. 

Agora que as viaxes están limitadas e que so podemos movernos  dentro do noso concello, os libros permítennos chegar tan lonxe como queiramos. Non teñades reparo en asomarvos a novas lecturas, a novos mundos. Así que, collede un libro e COMEZADE A VIAXE!

Elaboramos este Atlas de Lugares Imaxinarios  para que a vosa imaxinación se poña en marcha...

Cantos destes lugares tendes visitado? 

A onde vos levou a vosa última lectura?

Esperamos as vosas respostas  (pica na ligazón e responde o cuestionario)


sábado, 24 de outubro de 2020

As mulleres contan moito

 E tanto que contan!

Contan en todos os campos, pero na Literatura infantil contan moito.

 E na nosa biblio hai moitas escritoras que nos encantan.

Algunhas son da nosa terra e outras dun pouco máis lonxe, pero os seus libros gústannos por igual.

No Día da Biblioteca, quixemos facerlles unha pequena homenaxe a todas estas mulleres que nos fan vivir aventuras, fannos rir, cantar, tremer de medo ou emocionarnos ... e  tamén viaxar aos lugares que visitan os seus personaxes.

Seleccionamos libros na biblio e investigamos sobre as autoras para saber algo da súa vida, das súas obras e da súa procedencia. Descubrimos que moitos dos seus libros están traducidos a gran número de idiomas. Situamos as autoras elixidas nun mapa para coñecer un pouco de xeografía a través destas mulleres. E xuntámonos na biblio co noso  "grupo burbulla" para ler un fragmento dunha das súas obras.

luns, 5 de outubro de 2020

Adeus, Quino! Esta é a nosa homenaxe.

 

Dende o outro día o noso planeta, ese que con tanto esmero coida Mafalda, amaneceu un pouco máis triste, coa noticia do pasamento de Quino, unha boa persoa  e un dos mellores humoristas gráficos do idioma español. 

Quino nunca tivo fillos, pero ninguén dubida de que Mafalda foi a mellor descendente que puido ter. Esta pequena, que naceu en 1964, e as súas mensaxes irónicas e contestatarias, que fan pensar á xente e defenden  un mundo mellor, fixérono inmortal. 

As inquedanzas desa nena tan inconformista seguen sendo as mesmas que nos preocupan hoxe en día: o feminismo, a democracia, a paz, a ecoloxía ...

Quino, que a tinta da terra che debuxe unha eternidade alegre como a que ti nos regalaches  durante tantos anos. E, cando chegues a onde queira que vaias, dalle unha aperta a Castelao e outra a Forges.  

Disfrutemos da Biblio, pero con sentidiño!

A Biblio volve estar aberta, pero para usala imos ter que seguir un protocolo que impida que o virus "acampe" entre os libros e nos dea un susto.


PROTOCOLO da Biblio ante o COVID-19

Pronto estarán tamén en marcha as mochilas viaxeiras e as "bolsiñas" de infantil.

martes, 29 de setembro de 2020

Día das Linguas

Celebrade connosco o Día Europeo das Linguas!

Ao longo da semana quixemos celebrar a diversidade lingüística  e cultural de Europa, reflexionando sobre a importancia de aprender linguas dende ben novos e ao longo de toda a vida e quixemos poñelas en valor, aínda  que sexan minoritarias. 

Aprender novos idiomas tanto dentro coma fóra da escola,  enriquece a nosa vida persoal e social e, ademáis de polo propio pracer, hai moitos motivos para facelo: necesidades profesionais, realizar estudios ou intercambios, viaxar ...

luns, 14 de setembro de 2020

Comezamos: Benvidas ao cole

Efrén, que adoita estár na Biblio dedicado aos seus labores,   quixo dar a benvida a todas as nenas, nenos e profes neste comezo de curso no que, xa todas sabemos por que, teremos que asimilar novas  normas, novas formas de comportamento e, esperemos que non, novas formas de aprendizaxe (que xa practicamos o curso pasado).

E fíxoo  preparado con todos os medios de prevención, como facemos todas e todos : máscara, pantalla e xel nas mans.

De tódolos xeitos, somos optimistas  e  agardamos que  sexa un ano coma todos os demais:  cheiño de novas propostas, novas actividades e  coma sempre... cheíño de soños.

xoves, 18 de xuño de 2020

Un libro na maleta


Si, amiguiñas e amiguiños. Son Efrén e cando marcho de viaxe, non me esquezo de gardar un libro (ou varios ) na miña maleta. Ás veces levo o e-reader porque é unha maneira de levar moooitos libros sen que me pesen...
O caso é que non podo pasar sen ler. 
Na piscina ou na praia, á sombra ou ao sol ou mentres os demais botan unha sesta... 
Agardo que vós fagades o mesmo.
Por iso vos deixo unhas recomendacións, para darvos ideas do que podedes ler este verán.

Tamén podedes acceder á biblioteca dixital e descargar os libros que vos apeteza ler. 

Bicos e, coma di un dos meus amigos, ... Lémonos!

domingo, 14 de xuño de 2020

O patio que soñamos


 
Antes de aparecer o coronavirus nas nosas vidas estabamos inmersos nun proxecto para transformar o noso patio de recreo. Queremos melloralo poñendo o acento en varios puntos que consideramos esenciais: a participación, a inclusión, a igualdade de xénero e a sustentabilidade ambiental, porque para nós e para toda a comunidade educativa, o patio  é tamén  un espazo para a  aprendizaxe.

Primeiro, tanto o alumnado coma o profesorado reflexionamos sobre o patio que soñamos , o que queremos e, o máis importane, o que resulta factible conseguir. 
O patio pode transformarse nun elemento clave para a integración de todo o alumnado, e ademáis a súa transformación pode ser unha oportunidade de traballo colectivo, para unir  a toda a comunidade educativa.

E neso estabamos, asistindo a obradoiros,  contactando con empresas especialistas nestes temas e poñendo as nosas ideas en común. 

Na ligazón que tendes embaixo podedes ver os nosos progresos.



sábado, 13 de xuño de 2020

A disfrutar dun conto, grumetes!

 

Unha vez máis Sabela Gago regálanos un conto .
 Esta vez é de Gloria Sánchez , unha das grandes escritoras 
de literatura infantil e titúlase 10 Piratas, unha aventura divertida cun tono humorístico e cheo de ritmo.
Mirade, mirade ..., 




mércores, 10 de xuño de 2020

Radio Tarabela entrevista a María do Ceo

O último programa de radio deste ano fixémolo dende a casa. Consistiu nunha entrevista á cantante de fados afincada en Ourense María do Ceo, que contestou ás preguntas das nenas e nenos con moito cariño e ademais dedicounos unha canción.
Pero , ao longo da emisión escoitaredes chistes, cuñas publicitarias, e descubriredes o que pensan facer os nenos e nenas de E. Infantil cando remate o confinamento ...
Escoitade, escoitade... RADIO TARABELA NAS ONDAS.

martes, 9 de xuño de 2020

Rumbo a toda vela cara... as illas de lixo?

Todo o que falabamos na entrada anerior é moi fermoso e bucólico: augas azuis, paisaxes fermosas, praias de augas trasparentes...  Pero a realidade dos oceanos é outra ben distinta, e moi preocupante.  OS OCEANOS ESTÁN ENFERMOS!.

Pola súa superficie e as súas profundidades circulan enormes cantidades de lixo que están a ocasionar moitos prexuizos nos ecosistemas mariños. Os plásticos acumúlanse en tal cantidade que acaban formando verdadeiras illas, algunhas máis grandes que  países coma Franza, que se forman arrastradas polas correntes.
O lixo acumúlase en todos os oceanos, pero a mancha máis grande está no Pacífico, entre a costa de California e as illas Hawaii.
Todo o lixo procede da terra, porque os humáns tiramos os desperdicios á auga a través dos sumidoiros, os ríos ...  e sempre acaban chegando ao mar, onde o problema máis importante é que tanto os peixes como as aves se están alimentando deles e, por suposto, intoxicándose. 
É importante que saibades que todos, dende o noso pequeno punto do planeta, podemos facer algo moi grande , simplemente deixando de tirar lixo ao chan e nas correntes de auga.

luns, 8 de xuño de 2020

Día dos Océanos

Os que somos de interior gozamos mirando o mar, o océano. E buscando nos nosos álbumes de fotos atopamos unhas cantas onde vemos imaxes do mesmo oceano dende diferentes sitios , algúns ben alonxados ...🌅  "Un mar que ronca, que ten trenzas, que ás veces anda murcho, que chora por dentro e cala por fóra, e que molla con poemas

"Mares con ondas amarelas, 🌊
con illas coma estrelas,🌟
 mares de plumas que son de auga e mel,🌐
 mares de tinta verde con barquiños de papel."🚤
                                                                  Antonio García Teijeiro

Neste taboleiro tendes recollidas as fotos das que vos falei ao principio:

domingo, 7 de xuño de 2020

Amamos a Natureza

O noso cole está rodeado  de natureza. As nosas casas tamén... 
Será por iso que amamos as árbores, as  plantas e os animaliños grandes e pequenos.
Pero ultimamente notamos que a Nai Terra está un pouco triste ... Non a vemos sorrir. e iso preocúpanos.
Por iso, xs nenxs de E. Infantil  quixeron darlle apertas e  aloumiños,  para que saiba que nos preocupamos por ela e que sempre imos loitar para que a respecten e non a manquen. 


A aprendizaxe debe construirse dende o coñecemento do entorno máis próximo. Por iso,
pedimos ás nenas e nenos de E Primaria que, cando saísen a pasear,  fotografasen árbores e plantas do seu arredor e aprendesen os nomes. Porque resulta máis doado coidar o medio ambiente se o coñecemos e lle chamamos ás cousas polo seu nome.   
E para ver cantos nomes de árbores aprenderon, nada mellor que un xogo coas fotos que mandaron:
 
E tamen atoparon moitas plantas. Cantas podedes recordar?

O horto escolar


Cada vez hai mais escolas que se están animando a ter un horto . Nós témolo dende hai tempo e cada ano sementamos ou plantamos verduras e hortalizas.🍅🌿
Este ano tamén sementamos legumes, patacas  e  plantamos frambuesas
Peeeero... Cando todo estaba comezando a medrar chegou o confinamento... Non puidemos coidalo e... o seu aspecto actual non é moi saudable...😌😒
Gústanos traballar a terra, probar, experimentar e aprender facendo, aínda que hai que ter paciencia para obter os froitos. 
E como a maioría das nosas nenas e nenos viven nunha aldea, adoitan ter unha horta, onde os tomates, leitugas, chícharos, fabas ... e demais hortalizas medran co seu atento coidado, porque non hai nada máis saudable que comer os alimentos que nós mesmos cultivamos ...

sábado, 6 de xuño de 2020

Unha Árbore Senlleira

Sabedes que é unha  "árbore senlleira"?
Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza  etc.) é considerada unha reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e que ten valor científico, cultural, botánico, paisaxístico ou ornamental

No barrio ourensán de As Lagoas podemos admirar a única árbore da cidade que esta inscrita no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. A sobreira de Loña 
Aínda que moitxs ourensáns non coñezan este magnífico exemplar de sobreira, non é unha árbore calquera. 
Leva dando sombra dende hai máis de 400 anos e hai 10 anos foi obxecto dunha homenaxe por parte da Fundación Felix Rodríguez de la Fuente, por iso ao pe da sobreira hai unha placa de recordo..


Altura: 21.4 metros
Perímetro do tronco: 7.27 metros
Diámetro da copa: 22.85 metros

 Non está situada no mellor sitio, parece estar "castigada, mirando á parede" pois está pegada ao muro do CEIP Manuel Sueiro, inxustamente arrinconada, a pesares de ser un monumento natural

venres, 5 de xuño de 2020

Conectemos coa Natureza

Despois de varias semanas cos humanos vivindo confinados nas súas casas🏡, a Natureza parece que empezou a espertar. 🌄 
Coas industrias pechadas, as autopistas sen coches e as rúas baleiras, comezaron a apreciarse os primeiros efectos na mellora da calidade do aire e da auga das cidades. 🌈
Nas cidades grandes🌆, a contaminación que non deixaba ver o azul do ceo, desapareceu e ata se podían ver os montes no horizonte, que antes estaban ocultos polo fume. 🌲🌲
Pero os humanos non só deixamos a nosa pegada nas cidades. 
Nos espazos naturais🌳🌳. incluso nos lugares máis remotos do planeta🌍, o ser humano invade o territorio dos seres vivos que alí habitan. 🐒🌼🐘🐟🌿. 
Pero, nestas semanas,  non houbo escaladores🗻 nen camiñantes, non houbo voos en parapente nen excursións en helicóptero🚁, e apenas pasaban avións✈ nen vehículos a motor. E moito menos cazadores...
E nas redes sociais vimos golfiños🐬 nas costas de Levante, un oso pardo🐻 paseando por unha rúa de Asturias , un xabarín 🐗por Barcelona, cabras montesas🐐 en Albacete e ata unha foca en San Sebastián.  A vida  parecía  querer abrirse camiño🐾
Pode que esta pandemia sexa unha advertencia💢 da natureza , pode que o medio natural nos estea mandando unha mensaxe💬 , porque se non coidamos💚 o medio ambiente, non poderemos coidarnos a nos mesmos😷

Na escola adoitamos reflexionar sobre estes temas, porque , dende pequenos, temos que facernos responsables  do coidado  da nosa contorna, para que ao medrarmos teñamos moi claro que o respecto ao medio ambiente é fundamental.

Neste Día do Medio Ambiente, imos comezar por un xogo para coñecer o que sabemos sobre o respecto e o coidado do medio que nos rodea...






















E podemos continuar vistando a páxina de Sogama, onde atoparedes información, xogos e outros recursos sobre o medio ambiente en galego e inglés.
E, para rematar, podemos escoitar un libro que temos na biblioteca: 


martes, 19 de maio de 2020

Escolma de musica tradicional

Entre as  actividades para a que solicitamos colaboración dende a casa estaba tocar algunha peza de música galega coa gaita ou con outro instrumento.
Obtivemos duas respostas : Mateo, que está comezando a dar os seus primeiros pasos tocando o punteiro e faino estupendamente  (aínda que sabemos de boa tinta que pronto terá a súa propia gaita) e Pablo, que toca coma un profesional.
Escoitade, escoitade:

Bailamos a muiñeira

Este ano,  pola romaría das Letras, queriamos bailar todxs xuntxs unha peza tradicional e, fixémolo, claro que o fixemos... xuntos na distancia.
Escollemos a muiñeira de Chantada porque é unha das pezas máis coñecidas do repertorio dos gaiteiros. 
Foi creada no 1865 e estreada nas festas da Veiga  en Chantada e foi gravada por primeira vez en 1928.
Fostes moitas as familias e os nenos e nenas que enviastes a vosa muiñeira... 
GRAZAS a todxs por colaborar. Sodes uns excelentes bailaríns e bailarinas.


Peeero, no medio de todos os videos,  resulta que un deles quedou sen incluir na recompilación.
 Bufff! é a primeira vez que nos pasa algo así!. Pero todo  se pode arranxar...
Por iso o imos poñer aquí, porque non nos parece xusto que, tras levar o traballo de preparar o baile, non poidades ver o ben que o fan Xiana e Breogán .  Tamén incluimos unhas fotos que nos quedaron por meter ... 

 Sira e Álvaro tamén quixeron mandarnos o seu saúdo:

Actividade compartida




Varios colexios participaron da actividade que propuxo a nosa biblioteca para celebrar o Día das Letras:



  • EEI Barrionovo de Arteixo 
  • CEIP Amadeo Rodríguez Barroso de Ourense


  • CEIP Plurilingüe A Inmaculada de Ourense

Pitas, galos, pitiños ... baixo a choiva

As nenas e nenos de E. Infantil sorprendéronnos coas súas pitas baixo a choiva :

luns, 18 de maio de 2020

A rua Carvalho Calero

Moitas persoas que viven en Ourense, estamos seguros que non saben que hai unha rúa que leva o nome do intelectual ao que se lle dedica este ano o Dia das Letras.
 Falamos, como non, de Ricardo Carballo Calero.
A biblio propuxo a nenas e nenos  que empregasen Google maps para atopar a rúa e que debuxarna a ruta que deberían seguir para chegar á devandita rúa dende a súa casa .

A nosa proposta non remataba aì. Unha vez localizada a rúa, se era posible, debían achegarse ata alí e recitar un poema ou ler un texto de Carvalho Calero.
E xs que non puideron achegarse, fixeron que a rúa fose ás súas casas..

domingo, 17 de maio de 2020

María do Ceo no Día das Letras

Para nós foi un luxo contar coa colaboración da cantante María do Ceo na nosa romaría virtual.
Ela, que ten dado concertos dentro e fóra do país, quixo facernos este agasallo . O noso himno, na súa voz doce e melancólica, trae os sentimentos e as emocións a flor de pel.
Disfrutádeo:

Un poema inédito

O proxecto Semente Trasancospara honrar a  súa memoria, fixo público o sábado 16 de maio, véspera do Día das Letras, o primeiro poema que Ricardo Carvalho Calero escribiu en galego . 
Foi publicado na revista Maruxa en 1925baixo o pseudónimo Ilex, cando o autor tiña 15 anos. 
Ata o momento, o poema era inédito e nel apreciase a influencia de Rosalía de Castro.
Titúlase A Galiza  e a asociación gravouno  e colgou  un vídeo na plataforma YouTube.

sábado, 16 de maio de 2020

A primeira xuntanza despois do confinamento :Os vapores das Burgas

En tempos, nas xuntanzas de amigxs ou cando había unha festa, os mozos e mozas adoitaban tocar, cantar e  bailar  pezas tradicionais. 
Isto foi o que  fixeron na casa da familia de Alex un destes días co grupo de gaitas "Os vapores das Burgas". 

mércores, 13 de maio de 2020

Saímos na prensa

 O xornal La Voz de Galicia faise eco da nosa iniciativa para celebrar o Día das Letras Galegas:

                                                         
 OURENSE

 O colexio de Toén e o Concello de Viana do Bolo propoñen actos para as Letras Galegas

 

Localizar as rúas co nome de Carvalho Calero 
é unha das iniciativas

OURENSE / LA VOZ        
En tempos de confinamento a imaxinación é unha boa ferramenta. O 17 de Maio non se celebrarán os actos en homenaxe a Carvalho Calero, serán en outubro, mais hai propostas para non deixar pasar a data. Dende a biblioteca do colexio Saco e Arce, de Toén, lanzaron
 aos seus alumnos un reto: localizar os municipios de Galicia que teñen unha rúa co nome 
de Ricardo Carvalho Calero. E no caso de Ourense propoñen aos alumnos de Toén que se acheguen á mesma e alí lean textos, reciten poesías, deixen un mural ou mesmo toquen algunha peza. O Concello de Viana do Bolo tampouco quere deixar pasar a data. Está convocado o concurso de Relatos dende o confinamento, dirixido ao CEIP Bibei, animan a apoiar a campaña Defende o galego e colgarán na rede vídeos de autores de Viana do Bolo.


E tamén saímos en La región

OURENSE      Día das Letras Galegas

Debuxos infantís en Toén
e escritos de autores vianeses