sábado, 21 de decembro de 2019

Espazo Argalleiro: Xincana TIC

Como este ano o centro está a participar no Proxecto Digicraft, a Biblioteca e o Equipo TIC, organizaron unha xincana tecnolóxica. 
En que consistiu?
Pois o alumnado, formando equipos de  9  participantes de todas as idades, tiveron que pasar por todas as "estacións" e realizar as probas que se lles propuñan, eso sí, dun xeito colaborativo.
 En cada "estación" tiñan que obter unha valoración positiva para, ao final, lograr unha recompensa.
O alumnado realizou actividades que non so se basean no uso de dispositivos electrónicos, senón que implican o desenvolvemento de habilidades motoras e cognitivas, o pensamento lóxico e o traballo en equipo. 
Con algunhas das apps das que dispoñen as tabletas realizaron actividades como crear un videoxogo, buscar información utilizando a realidade aumentada, crear un anuncio publicitario, crear un video de animación...


Foi unha mañá moi productiva e divertida para todo o alumnado.

venres, 20 de decembro de 2019

#O.EcoNadal.Mola

Decembro é un mes para celebrar, compartir e  pasar tempo cos seres queridos.
Xuntámonos coa familia e cos amigos, adornamos as casas, intercambiamos agasallos, as cidades énchense de luces ...
Pero se non actuamos con "sentidiño", pódese  converter no mes
máis dañino para o medio ambiente pola cantidade de desperdicios que  producimos entre os envoltorios dos regalos, os adornos, as árbores de nadal, os vasos, botellas , platos e cubertos de plástico que acaban nos contedores, sen contar o gasto enorme de enerxía que supón ter todas esa luces acesas durante todo o día, e incluso a noite...

Por iso debemos ser responsables e vivir un Nadal "eco" poñendo o noso gran de area para coidar a contorna  e non danar o planeta. E no cole comezamos adornando a nosa árbore con elementos reciclados e tamén naturais. 

Neste video, as nenas e nenos do cole propoñen unha serie de alternativas para un nadal eco-sostible:

venres, 6 de decembro de 2019

Programa piloto: Improvisando

Xunto con Damián e Xerardo, os profesionais de Ponte nas Ondas, improvisamos e gravamos o noso programa piloto, a nosa primeira intervención diante dun micrófono. 
E saiu moi ben.
Por suposto que hai cousas que mellorar, pero ... entre todxs sacamos adiante a primeira emisión da Radio Tarabela, a radio sen cancelas...

mércores, 4 de decembro de 2019

Obradoiro de Radio


Xa vos contamos que iamos comezar un novo proxecto: a RADIO na ESCOLA.

A idea é empregar a radio coma un recurso didáctico no que se porán en xogo todas as competencias lingüísticas : a lectura, a escrita, a comprensión, a oralidade ... Porque  dotar ao alumnado da capacidade de comunicar é  unha das nosas prioridades.

Coa iniciativa pretendemos favorecer a  alfabetización múltiple do alumnado, desenvolvendo  proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar a través de metodoloxías activas.

Comezando polo principio:  A primeira das actividades do obradoiro  foi  coñecer os materiais que imos precisar para a  montaxe e uso da nosa emisora de radio.

Coa axuda de dous profesionais da asociación  "Ponte... nas ondas" tivemos a oportunidade de iniciarnos nas nocións básicas de vocalización e dicción. Fixemos o noso guión radiofónico, e aprendemos a falar diante dun micro e a facer o traballo dos  técnicos de son. Tamén fixemos uso das ferramentas de gravación e,  empregando o programa Audacity,  das ferramentas de edición de sons. 

Poderemos emitir os nosos programas en directo ou gravalos e subir os podcasts a unha plataforma coma Ivoox ou SoundCloud, para compartilos despois.


O obradoiro resultou do máis interesante,  e tanto alumnxs como profesorxs coincidimos en sinalar o divertida, práctica e interactiva  que foi a experiencia.

venres, 29 de novembro de 2019

Quen ruxe en Cabárceno?

A nosa admirada Susa Herrera estivo no cole presentándonos o seu novo libro-disco "En Cabárceno rugidos y canciones" . Nas súas páxinas, outros dez animais cobran vida ao ritmo da música que, o mesmo pode ser unha bachata, un sirtaki ou música flamenca... 
Cantamos e bailamos con ela facendo un percorrido pola fauna e os sons dos cinco continentes. 

xoves, 28 de novembro de 2019

Micromachismos nas cancións

A música é moi importante, e as cancións transmiten unha mensaxe que cala moi fondo na sociedade. 
Reggaeton, rock, pop ... da igual o xénero musical: moitas das cancións que escoitamos (antigas e actuais) conteñen mensaxes sexistas, frases que están fóra de lugar . Cantar estas letras fai que estes comportamentos (micromachismos)  se vexan como algo normal, cando para nada o é.

Alejandra Martínez foi a primeira que decidiu recompilar as letras sexistas que escoitaba nas cancións e unilas para reclamar que ninguén nos ten que dicir que tipo de muller temos que ser.

As nenas e nenos de EI5 tamén fixeron un repaso a algunhas destas cancións que non deixan ás mulleres  nun bo lugar.

mércores, 27 de novembro de 2019

Cambiamos os contos

Os contos tradicionais adoitan ser un "pouco" machistas. 
As protagonistas,  ou ben son mulleres cheas de odio como as madrastras que so queren aproveitarse dos demais, ou seres feos e crueles  como as bruxas. As rapazas  adoitan ser fermosas e delicadas, sen autonomía... moi dependentes. Normalmente dedícanse aos coidados do fogar e esperan ser rescatadas por un príncipe.
Sen embargo, os protagonistas adoitan ser valentes, fortes, independentes e seguros de si mesmos e saen da casa para combater a maldade e vivir innumerables aventuras.
Pois ben, a través destas historias as nenas e os nenos vanse educando para cumplir un papel durante  a súa vida e os roles de xénero son asimilados e vistos con normalidade, converténdose en modelos a seguir.

Contar  contos clásicos  é xenial. E se tratamos que as nenas e nenos desenvolvan un carácter crítico  mentres os lemos, ensinarémoslles a construir unha personalidade forte  que vaia eliminando as discriminacións que se aprenden a través de moitas das historias infantís.

Por iso, unha das actividades que ideamos para este 25 de novembro foi cambiarlles o final a varios contos tradicionais.  Ademais, xs maiores,  escribiron  microrrelatos que rexeitan a violencia contra as mulleres e que poñen en valor as cualidades que teñen .

Trécola Teatro: contos e máis ...

As nenas e nenos gozaron dabondo cos contos   que nos trouxeron as compoñentes do grupo de teatro TRÉCOLA. Con elas conmemoramos o 25 de novembro.
GRAZAS á AFA do centro por traernos este espectáculo onde os contos "Artur e Clementina" e "Tres con Tango" nos levaron a reflexionar sobre os roles das mulleres na sociedade, os estereotipos sexistas e a diversidade familiar, ensinando a xs cativxs que o amor pódese presentar de formas moi diferentes sen deixar de ser fermoso.
Tamén nos falaron de mulleres que, como fixo Clementina, decidiron tomar as rendas da súa vida e ser autosuficientes, independentes e ter o poder para decidir que camiño seguir ou que decisións tomar. 
  

martes, 26 de novembro de 2019

Ciencia medioambiental

Novembro é o  mes da ciencia na biblio. Por suposto  ciencia en galego.
O  recuncho de ciencias da nosa biblioteca énchese de "pequecientíficxs" de todas as idades .  Tratamos de propoñerlles experimentos divertidos, que activen a súa ansia de saber .
Tamén facemos unha selección de libros de divulgación científica aos que podedes acceder premendo neste enlace
Este ano,  todos os experimentos que seleccionamos tiveron que ver co noso proxecto anual: o desenvolvemento sostible. 
Estas foron as experiencias que eliximos:

1.-Desalinizar auga
 Primeiro comprobamos que si se pon auga salgada nun recipiente, ao cabo dun tempo a auga evapórase e quedan os cristais de sal. Desta maneira obtense o sal de cociña nas salinas.



Para saber a onde vai esa auga que se evapora, nun recipiente metemos auga salgada e un vaso valeiro. Tapamos todo con plástico transparente e puxemos unha pedra enriba para que formase unha pequena depresión no plástico. Como non había sol, tivemos que poñelo todo ao lado dunha fonte de calor .  Ao pasar os días vimos que no vaso había auga. E, o máis ineresante... a auga do vaso non estaba salgada! Deste xeito conseguimos auga potable.
2.-Perigos da deforestación
 Empregamos un par de cubetas inclinadas. Nunha delas puxemos so terra (representaba un bosque despois dun incendio), na outra terra e plantas. Ao botar auga sobre elas cunha regadeira ( a choiva) observamos que as plantas e as árbores preotexen e reducen a erosión do solo.




3.- Tempo de degradación dos residuos
 Limos en internet unha noticia impactante e puxémonos a investigar...
Para entender a naturaleza dos residuos e o impacto que teñen  no medio recollemos restos orgánicos (mondas de froitas) no comedor e metémolos nunha bolsa . Tomamos tamén outra bolsa con restos de papeis, plástico, cartón, papel de aluminio ... Estiveron gardados durante 2 semanas a temperatura ambiente  . Observamos como se atopaban  ao cabo deste tempo.  
4.-O inodoro non é un basureiro
 Decidimos investigar se é certo que as toalliñas húmedas non se poden tirar ao inodoro. 
Descubrimos  que, así como o papel hixiénico se desfai na auga aos poucos minutos de botalo, as toalliñas permanecen inalterables ao cabo dunha semana.
5.- Depuradora caseira
 Construímos un filtro empregando unha botella, grava de diferentes tamañose area . Desta maneira aprendemos como funcionan  as depuradoras 



  6.- É a terra do noso horto ácida ou básica?
 Aprendemos que hai hortalizas que medran mellor en solos ácidos e hainas que o fan mellor en solos básicos. Decidimos investigar   si a terra do noso horto é ácida ou básica , e para iso  empregamos o zume dunha lombarda. Mesturámolo con varios líquidos (vinagre, zume de limón, amoniaco, disolución de bicarbonato, auga osixenada ...  ) e vimos como cambiaba de cor . 


7.- Conservante natural
 Tomamos dúas mazás do mesmo tamaño. Pelamos unha delas , metémola  nun recipiente e cubrímola con sal. Estivo  alí durante dúas semanas e  ao sacala descubrimos que diminuira de tamaño e parecía de goma, pero estaba moi ben conservada. Deste xeito conservamos peixe, coma o bacallau, ou carne, como a de porco ...
8.- Enerxía limpa
 Explicamos como se move un ventilador empregando unha pequena placa solar  



9.-Diferentes densidades
Atopamos un video e unha noticia en internet  sobre un fenómeno natural que fai que as augas non se mesturen, e decidimos comprobar se isto era certo.

xoves, 21 de novembro de 2019

Entrevistamos a Celtia Figueiras

Xa vos contamos que, dentro do seu Programa de Igualdade, o Concello de Toén invitounos a un espectáculo de títeres. E, o mellor de todo... sen saír da casa!
Celtia Figueiras é a creadora da compañía de monicreques "A Xanela do maxín" coa que viaxa por toda España e outros países. Nos seus espectáculos os contos cobran vida a través dos títeres e os cativxs pasan uns momentos moi especiais. 
 A través de valores como a tenrura, o respecto, a igualdade e a solidariedade  móstranos que todos os problemas se poden solucionar e que a  ilusión  fai que ata os soños máis complexos se fagan  realidade.

Queredes escoitar a entrevista que lle fixeron xs nenxs? 

mércores, 20 de novembro de 2019

U-la Lúa?


O Concello de Toén invitounos a elixir unha representación que versara sobre a igualdade . Nós eliximos a obra de títeres "U-la Lúa?", da compañía A Xanela do Maxín.

Lúa é unha gatiña pequena, algo tímida e asustadiza. Vive coa súa avoa nunha humilde casa. No exterior contan cun fermoso xardín no que Lúa pasa as horas xogando soa. Non ten irmáns e a avoa lle deixa saír fóra, mais Lúa soña con viaxar, coñecer novos lugares e ter amigas e amigos para xogar. 


Se queredes escoitar o conto picade aquí





sábado, 16 de novembro de 2019

Xornada sobre Biblioteca Inclusiva

as persoas do equipo de Biblioteca estivemos en Santiago disfrutando dunha xornada de formación organizada pola Consellería de Educación, U e FP dentro do programa de Biblioteca Inclusiva. 
Saímos antes das 8 da mañá e regresamos case as 10 da noite, pero pagou a pena.
Participamos en charlas e obradoiros e os centros compartiron a súas experiencias en materia de inclusión.
Aprendemos como se pode facer que a biblioteca sexa accesible a todxs, e non so nos temas arquitectónicos senón tamén  nos servizos que ofrece. 
Aprendemos tamén que para compensar as desigualdades  hai que coñecer a diferenza entre igualdade e equidade. 
E que para atender á diversidade hai moitas actividades, apps e recursos de todo tipo, algúns dos cales xa vimos empregando hai tempo.
Tende por seguro que poñeremos en práctica na nosa biblio moitas das ideas que trouxemos de volta na mochila.  

Biblioteca Inclusiva CEIP Saco e Arce

luns, 11 de novembro de 2019

Unha Biblioteca Viva

A finais de 2018 fomos seleccionados como “Centro Lía.2”, un programa no que se está explorando as posibilidades da biblioteca escolar como “Centro Creativo das Aprendizaxes”. 

A nosa ilusión  sempre foi ter unha Biblioteca Viva, na que participasen todxs xs que forman parte da comunidade educativa e que puxese  ao seu servizo todos os recursos dos que dispomos, unha biblioteca chea de oportunidades para aprender "argallando".
E cremos que o imos conseguindo.  

Grazas ao Plan Lia.2 incorporamos recunchos para a investigación, a manipulación, a creación, o traballo colaborativo e o xogo, sempre enfocados ao reforzo das competencias clave e ao desenvolvemento persoal das alumnas e alumnos.

Este video foi gravado a finais do curso pasado na biblio do cole. O guión foi escrito polo Equipo de Biblioteca.



GRAZAS a Asesoría de Bibliotecas Escolares por contar connosco para este proxecto.

domingo, 10 de novembro de 2019

Hoxe tocan... CASTAÑAS!


É o típico no cole polo día de San Martiño: bolos preñados, castañas asadas e.. XOGOS para amenizar a espera.


venres, 8 de novembro de 2019

EcoMedos

Algunha vez non puidestes durmir?
Tivestes palpitacións? 
O Monstro ComeMedos
A iso chamámoslle SENTIR MEDO.
Hai persoas que lle teñen medo ás alturas, outras á escuridade  e outras a voar... 
Nos quixemos saber cales eran os medos das nosas nenas e nenos en relación co medio ambiente. 

O monstro do medo  enguliu as nosas preocupacións e por iso agora estamos moito máis tranquilxs.

Escollemos unhas cantas e lémolas en voz alta na festa

E aquí podedes velas todas e tamén os debuxos que fixemos.

venres, 1 de novembro de 2019

Samain



Coma todos os anos, os últimos días de outubro  achéganse ao cole seres do máis aló, ánimas en pena que deixaron algún asunto pendente neste mundo, mortos que volveron á vida, caveiras e esqueletos falantes, meigas chuchonas e lobisomes....
Desfilan, fan o seu esconxuro, cantan e bailan connosco ...
E nos, encantadxs de recibilxs a todxs  ... por iso a nosa é unha biblioteca inclusiva.
Este ano, as bruxas e os monstros do lixo uníronse á festa. Son malos, malísimos: non separan os desperdicios, mesturan todo na mesma bolsa... non se preocupan polo medio ambiente...Non saben nada das cores da reciclaxe...
Pero nós ímoslles dar unha lección!

As rapazas e rapaces de 6º decoraron a Habitación do Pánico. 
Daba moooito medo entrar alí!



Se  queredes ver máis fotos da festa, picade AQUI

martes, 29 de outubro de 2019

Máis Escape Room

E continuamos coas sesións de formación de ususarixs na biblioteca. Desta vez é a quenda do alumnado de 1º, 2º e 6º de EP.



E tamén participaron na actividade as alumnas e alumnos de 3EP. Ver as fotos en Drive

luns, 28 de outubro de 2019

Feliz Biblioteca!

As bibliotecas escolares, a nosa entre elas,  celebraron tamén  o seu día o pasado 24 de outubro programando actos específicos nos que lembrar as oportunidades que ofrecen  para estimular a formación lectora do alumnado e reforzar a adquisición de todas as competencias e contidos incluídos no currículo. 
A biblioteca escolar é a primeira biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do colexio. É a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar as outras, que os pon en contacto con eses outros espazos decoñecemento e de lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas (e todas boas), que son as bibliotecas públicas, eses lugares para a igualdade e a diversidade que son as BIBLIOTECAS. 
(Texto da Asesoría de Bibliotecas Escolares) 


Nós dedicamos toda a semana a coñecer un pouco máis a nosa Biblioteca a través dun Escape room, un  xogo no que participaron todas as nenos e nenas acompañadxs por Efrén. 
Tiveron que responder  unha serie de cuestións e resolver uns cantos enigmas relacionados co coñecemento dos espazos da biblioteca, a distribución dos fondos, o uso das tablets e os buscadores de internet para lograr  reunir as tres chaves que abrían a caixa onde estaba gardada a vacina para destruir  o virus  L1-XO, catalogado hai varios anos pola Dra. Ana Tureza. No proceso estiveron acompañados por Efrén, a nosa mascota e ata recibiron unha mensaxe da doutora en persoa:

Estas son as probas que tiveron que resolver xs alumnxs


  • Escape room en E Infantil



  • Escape Room en E. Primaria

domingo, 27 de outubro de 2019

Cóntasme un conto?

Na Semana da Biblio houbo  nenas que agasallaron aos compañeirxs máis pequenxs contándolles un conto.
Elixiron o conto 
 Os ensaios na biblioteca foron encamiñados a  conseguir unha boa fluidez lectora e unha entoación axeitada. 

venres, 25 de outubro de 2019

Dia da Biblioteca

As bibliotecas escolares desempeñan un papel moi importante nas escolas e son un vehículo de transmisión de coñecemento, non so a través dos libros senón tamém das actividades que aquí se desenvolven.
Celébrase cada 24 de outubro en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992, durante a Guerra dos Balcáns, e  co obxectivo de concienciar sobre a importancia da lectura.
Cada ano, encárgase a un escritor/a e a un ilustrador/a a redacción do pregón e o deseño do cartaz que se difunde entre todas as bibliotecas de España. 
Este ano os elixidos foron a escritora Gemma Pasqual e o ilustrador Miguel Calatayud
Este é o texto do pregón :
A SEN CONTO

Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.

E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.

Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.

Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.

Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.

Tradución: Héctor Cajaraville

martes, 15 de outubro de 2019

Radio na Biblio

Grazas ao proxecto Radio na Biblio, a  nosa Radio Tarabela comezará a emitir en breve. 



























Con esta iniciativa, buscamos favorecer e apoiar  o deseño e desenvolvemento de programas para a mellora da  competencia  informacional e mediática  do alumnado, ademais de ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

domingo, 29 de setembro de 2019

Comezamos: Presentación do Proxecto Anual

Ao longo deste curso imos investigar e aprender sobre o Desenvolvemento Sostible
E nada mellor que aproveitar a motivación xenerada pola manifestación mundial  do día 27 en defensa da Terra para presentar o noso proxecto, que titulamos "R que R que R"
Con el pretendemos:

Concienciar e sensibilizar as nenas e nenos ante os problemas medioambientais en temas como a enerxía, o aire, a  auga, os recursos naturais, a paisaxe ...

Fomentar o interese polo coidado e mellora da contorna 


Desenvolver a capacidade para aprender sobre o desenvolvemento sostible


Ampliar os coñecementos sobre os ODS, que inclúen  non so a defensa do medio ambiente e a loita contra o cambio climático , senón  tamén a eliminación da pobreza, a educación inclusiva, a igualdade da muller ...

Ao longo da semana, xs nenxs  reflexionaron  sobre o coidado e protección do medio ambiente e realizaron cartaces sobre ecoloxía .
O venres todxs viñeron ao cole cunha camiseta verde . Xuntámonos na Biblioteca e proxectamos varias curtas sobre o medio ambiente. Cantamos a canción "Quero ser ecoloxista" de Pablo Díaz . 
Saímos ao patio cos cartaces e fixemos un minuto de silencio pola Terra. 

venres, 21 de xuño de 2019

Cantigas de Alongos

Para conmemorar os 150 anos da Gramática Galega de Juan A. Saco e Arce, decidimos reescribir e ilustrar as cantigas, romances e outras pezas que o escritor recompilou polas terras de Alongos e  que forman parte do seu libro "Literatura Popular de Galicia" . Por iso o titulamos Cantigas de Alongos.
Para editalo precisabamos financiación e a Deputación ofreceunos a súa imprenta. O día 18 fixemos a presentación do noso traballo e entregamos unha copia a cada familia.

D. Juan Luis Saco, un dos descendentes do noso escritor, non quixo perderse o acto. Tamén nos acompañaron o inspector de educación, algunhas familias,  dous representantes do Concello e D. Manuel Doval, que puxo a imprenta da Deputación a nosa disposición.


E que vos parece o mural que pintamos na fachada? Regalóunolo o Concello.
Quedou moi chulo, verdade? Nel, Efrén recórdanos a data a conmemorar.

xoves, 13 de xuño de 2019

Baiona

"O sabor da aventura está no mar", o programa do Plan Proxecta no que participamos ao longo deste curso, invitounos a visitar Baiona.

 Estivemos na Casa da Navegación, onde  vimos as redes, as nasas e outros aparellos de pesca que se empregaban hai uns anos. Tamén nos amosaron  un dos poucos petroglifos con forma de barco que se teñen atopado. Ten máis de 2000 anos e está en Oia e vimos unha maqueta da nao Santa María e unha réplica do Scarlet Knight, pequeno submarino que cruzou por primeira vez o Atlántico sen tripulación.


CasaNavegacionBaiona2019 by Slidely Slideshow

Fomos tamén á lonxa,onde se subasta o peixe e o marisco que se captura en Baiona,  aínda que non había moita actividade. Explicáronnos como se fai a  subasta e que especies son as máis habituais : ourizo, ameixa, percebe, robaliza ...


LonxaBaiona2019 by Slidely Photo Gallery

Invitáronnos a unha comida mariñeira, con ensalada e hamburguesa de peixe....

Hora de xantar by Slidely Photo Gallery

Recorremos o paseo arredor do castelo de Monte Real . Hai unhas vistas fantásticas!


De paseo by Slidely Photo Gallery

En Baiona hai unha réplica da Carabela "La Pinta", unha das que levou Cristobal Colón para descubrir América. A esta vila chegou de regreso no ano  1493  capitaneada por Martín Alonso Pinzón. Así,  Baiona converteuse no primeiro porto de Europa que recibiu a noticia do descubrimento do novo continente.
Dentro puidemos ver figuras que representan a tripulación e aos indíxenas americanos, ademáis de reproducións dos metais , plantas, alimentos e animais exóticos que acharon no novo mundo.

NavegamosComaColón by Slidely Photo Gallery

Por último, visitamos a Virxe da Rocha. É unha escultura de granito coa cara e as mans de mármore branco,  construida en 1930 polo arquitecto modernista Antonio Palacios. Ten 15 metros de altura e representa a patroa dos mariñeiros sostendo unha barca na súa man. Dende o mirador hai unhas espectaculares vistas da ría.

Paisaxe by Slidely Photo Gallery

venres, 24 de maio de 2019

Cans

O Festival de Cans é un festival moi especial.


Celébrase  sempre, dende o ano 2004, o terceiro ou cuarto fin de semana do mes de maio, coincidindo co festival de  Cannes en Francia.
Cans é un festival de curtametraxes de produción galega, onde a música tamén xoga un papel moi relevante. 
Durante o festival, a aldea transfórmase completamente. 
Os veciños e veciñas ceden os seus espazos cotiáns para seren de uso público por uns días.
Hai dez espazosO Cuberto de Chelo, o Cuberto do Pato, o Baixo de Carlos, o Baixo de Alfonso, a Casa do Pedreiro, o Jalpón de Alicia, o Baixo do Carreira, a Casa de Mari, o Baixo de Bugarín ou o Baixo do Moncho)  que se converten en salas de proxección, e que durante o ano son adegas, alpendres, jalpóns, baixos de casas ou casas vellas deshabitadas.
Outros espazos, como placas de casas en construción, galiñeiros ou leiras convértense en lugares para actuacións musicais e outras actividades. 
Ademáis do festival de curtas hai estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, roteiros sonoros e un feixe de actividades repartidas por toda a aldea.
E en Cans a xente trasládase dun lado a outro en chimpíns, que son como as limusinas de Cannes. 
 As pantallas son construidas por dous carpinteiros da  aldea , e a herba empacada e as táboas pasan a converterse en asentos para que o público vexa os filmes.
Hai curtas de ficción, de animación, documentais, concurso de videoclips ...

Nós estivemos no Baixo de Bugarín onde asistimos á proxección de varias curtas e falamos cunha deseñadora de vestiario. Despois fixemos unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos da aldea: O Jalpón de Alicia, a Leira onde se celebran coloquios con directores e directoras recoñecidas,   e vimos o Parque do Río que se adicada ás familias e á programación para os cativos: o MiniCans.  






Tamén estivemos en O Torreiro, un espazo que rende tributo a todas as grandes personalidades do cine que levan pasado pola aldea. Cada unha das lousas de pedra co debuxo dunha estrela corresponde a un homenaxeado.  Alí teñen a súa estrela Luis Tosar, Isabel Coixet, Fernando León, Mabel Ribera, Celso Bugallo, Javier Gutiérrez ou José Luis Cuerda. No medio da estrela   os homenaxeados non deixan as pegadas das súas mans como en Hollywood, senón  que marcan os seus cinco dedos, formando as súas “pezuñas” reais.

luns, 20 de maio de 2019

VII Romaría das Letras

Como pasa o tempo!
Sa van sete anos dende que decidimos celebrar o Día das nosas Letras cunha festa popular ! 
E as familias seguen a animarnos coa súa presenza ...
Este ano, por mor do "fresco" que ía, representamos as obras de teatro no escenario interior. 

 Pero, todo saiu moi ben! 

EI: "A carrasquiña"


1º e 2º EP : O casamento da pulga 


3º EP: "Romaría sen comida"


4º EP: A cabeza non para...


5º EP : "A consulta da Dra Casimira"


6º EP:"Eu creo no noso!"

Bandas sonoras