martes, 31 de marzo de 2020

Adeus, marzo

Hoxe dicimos adeus  a un mes de marzo triste e gris, e non pola climatoloxía, senón por todo o que trouxo consigo ...
Por iso queremos despedilo, dicirlle ADEUS. 
A ver se o ano que ven se comporta, e nos trata mellor...


luns, 30 de marzo de 2020

Album de Recordos

Dende a biblioteca Escolar propuxemos unha actividade que trata de recuperar as nosas tradicións: 
Recompilamos polos albumes dos avós e bisavós fotos anteriores
ao ano 1970 e observamos as actividades que se realizaban , como foi cambiando a roupa ó longo do tempo, como eran os xoguetes ...
O noso album colaborativo aínda está sen facer, pero deixámosvos unha mostra da exposición que estabamos montando no cole antes da corentena.
Cando pase todo isto, cando nos vexamos de novo, todo estará preparado para que poidades desfrutala... e para que expliquedes aos compañeirxs o que se ve nesas fotos 

venres, 27 de marzo de 2020

Contos na tele

Os pequerrechos/as do cole e as súas familias tamén colaboran dende a casa e imos recibindo as súas contribucións en forma de contos .
Primeiro tiveron que construír unha tele con material de refugallo. Despois inventaron un conto e debuxaron as viñetas (algúns cun pouco de axuda, pero aí é onde se ve a cooperación). E, por último, houbo que contar o conto diante da cámara.
Só podemos dicir unha cousa: XENIAIS!!









mércores, 25 de marzo de 2020

Botámosvos de menos

Despois de máis dunha semana sin clase,   non quere dicir que esteamos de vacacións.  
Estamos vivindo unha situación que nunca antes se dera no mundo , e  os maiores xa empezamos a estar cansos de non poder saír a pasear cando nos peta, de non poder ir ao cine  ou a cenar con amigos...
Por iso nos preguntamos que pensaredes vós, os nenos e nenas de todo isto...
As mestras e mestres fixemos este video para darvos ánimos e dicirvos que todo isto pasará e volveremos dar apertas, volveremos   celebrar os aniversarios e xogar cos amigos. 
ÁNIMO, nenas e nenos! pero, por agora , o lema é QUEDA NA CASA, como  facemos todos.💚💙💜

martes, 24 de marzo de 2020

Contos en pixama

Os contos sempre son benvidos, pero nestes días de encerro, no que cada un de nós ten que permanecer en cadansúa casa, sen saír, sen ver ós amigos,  aínda se agradecen máis.
Dende a Biblioteca pedimos a participación de todXs para amenizar as mañáns (ou as tardes) das nenas e nenos pequenos e non tan pequenos... enviando algún videoconto.
Xa fomos recibindo varias colaboracións, e seguimos agardando ...















luns, 23 de marzo de 2020

Chega a primavera

A primavera non sabe de alertas nin confinamentos. 
As flores xa están polos campos e xardíns e as nenas e nenos queren darlle a benvida á nova estación recitando uns poemiñas... desde a casa, iso si.

sábado, 21 de marzo de 2020

21M. Calcetíns desparellos


Unímonos ó reto "Calcetíns Desparellos" impulsado por Down Galicia para dar visibilidade  ás persoas con Sindrome de Down  e fomentar a súa inclusión.
Hoxe había que levar calcetíns diferentes coma símbolo de que "todxs somos diferentes e iguais á vez".
A Síndrome de Down non é unha enfermidade. É a alteración xenética máis común nas persoas,  que teñen tres cromosomas no par 21.
Trátase de poñer en valor os logros e capacidades destas persoas , reivindicar a súa integración familiar, escolar, laboral e social e  fomentar a súa  inclusión nas actividades cotiás a través da formación e o emprego.

xoves, 19 de marzo de 2020

#todo vai sair ben #quedaNaCasa

Estamos vivindo unha situación nova. O país está en situación de alerta e non podemos saír á rúa para evitar o contaxio e a propagación do Coronavirus .
Aínda que non hai clase, a biblioteca segue aberta de forma virtual e colaboramos enviando os nosos traballos
Os  Arcos da Vella que adornan as nosas ventás son un símbolo de esperanza,  e de apoio a todas as persoas que traballan para que a nosa vida sexa máis fácil.





luns, 16 de marzo de 2020

Biblio na casa, #biblioAberta

Preparamos unhas cantas actividades para  estimular a creatividade dos nenos e nenas durante este período de confinamento na casa que nos tocou vivir. 
Esperamos a participación de todos e todas.

martes, 10 de marzo de 2020

Mulleres

A todas as mulleres galegas: 
Redeiras. Mariscadoras. Pescadeiras.
 Labradoras. Gandeiras.
 Tendeiras. Limpadoras.
 Mulleres da súa casa que coidan dos pais e os netos.
 Industriais; soldadoras, administrativas
 traballadoras das fábricas, das conserveiras.
 Costureiras. Dependentas, 
auxiliares de clínica, mestras .. 
científicas, deportistas, cineastas,
viúvas, fillas, netas, tías, irmás, nais, avoas, bisavoas.... 
Grazas a todas por estardes ahí!

Para renderlle homenaxe a todas, todas  as mulleres galegas, que merecerían unha estatua en calquera praza de calquera cidade,  cada clase contruiu  unha escultura empregando materiais de refugallo: caixas, teas, tubos de cartón ....  
Con elas pretendemos dar visibilidade  ó traballo  que realizan as mulleres,  moitos deles considerados "de homes" ata non fai moito e reivindicar que a igualdade entre mulleres e homes é unha realidade. 







luns, 2 de marzo de 2020

Errantes polo mundo

 Tendo en conta que escribir en galego no século XIX non resultaba sinxelo pois a nosa lingua estaba moi desprestixiada e menosprezada, Rosalía  soubo dar unha
mensaxe de amor e compromiso coa terra, coa lingua, coas persoas, coa igualdade, coa xustiza..., unha mensaxe difícil naquela  época, na que ser muller e falar galego non eran situacións doadas, pero unha mensaxe que máis de cen anos despois aínda segue vixente e segue sendo necesaria . 
Despois de facer un repaso pola figura literaria da Autora, e da busca  dalguns dos seus poemas  nos que atopamos esa tristura que a acompañaba sempre por estar lonxe da súa terra, pasamos a ilustralos e lelos diante dos compañeirxs. 
Estas foron as poesías que escollemos:
Rosalía foi unha migrante, como se lles chama agora a esas persoas que teñen que deixar a súa terra para buscar un traballo, un lugar mellor onde criar xs fillxs, un sitio tranquilo onde vivir... Andivo Errante Polo Mundo... coa súa pena ás costas.
Dende hai uns meses, Rosalía xa non ten so unha presenza universal, ten unha presenza  estelar... Está no firmamento, xunto co exoplaneta Río Sar . 
Rosalía, que xa era unha estrela para todxs nós, ten agora a sua propia estrela no ceo, unha estrela lonxana, a 240 anos luz da terra que a viu nacer aló polo ano 1863
O grupo de 5º de EP, xunto con Lara , de 6º , realizaron un programa  para a Radio Tarabela  coa homenaxe de todo o colexio á nosa escritora máis universal: