Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións

xoves, 30 de marzo de 2023

Día da POESÍA e da AUGA


Ola a todos e a todas !!

Desta vez estivemos de doble conmemoración. O día da poesía e o día da auga.

Como a ocasión o merecía, fixemos estas actividades na parte verde do noso cole, aínda que corría un chisquiño de aire, mais saíu todo xenial !!

Os encargados e encargadas da Biblio, foron os que leron os poemas, que como non, estaban relacionados coa auga. O fixeron marabillosamente ben !

Durante toda a semana, o alumnado preparou un debuxo para facer unha chapa e este día entregáronse todas e as luciron con moito orguio.

Para rematar, cantamos a canción " A auga é máxica ", preparada con moito agarimo pola mestra Begoña e o mestre Arturo. A mestre Iria preparou durante os ensaios a letra con linguaxe de signos.

Un fermoso día no que a poesía, a música e a creatividade artística se mesturaron e lle deron forma e outro día no colexio Saco e Arce.

martes, 22 de marzo de 2022

Poemas a viva voz

A poesía é un xénero literario que nos fai capaces de expresar sentimentos e emocións . Empregando recursos literarios, trasmite beleza e o pracer derivado desta.

Isto é o que nos din sobre a poesía dúas persoas que saben moi ben de que falan:

“Fuente de amor, fuente de conocimiento; fuente de descubrimiento; fuente de verdad, fuente de consuelo; fuente de esperanza, fuente de sed, fuente de vida. Si alguna vez la Poesía no es eso, no es nada”. Vicente Aleixandre, Premio Nobel 1977

La poesía es un viaje: no un viaje fuera de la realidad, sino frecuentemente a lo más íntimo de las emociones, las reivindicaciones y las esperanzas de las personas. La poesía da forma a los sueños de los pueblos y a las expresiones más altas de su espiritualidad; la poesía da también valor para cambiar el mundo”. Irina Bokova, Directora Xeral da Unesco

 Por iso tivemos un recital poético no patio das árbores. Rodeados de natureza e de todos e todas as compañeiras,  cada un de nós recitou o poema que recibiu como agasallo. Descubrimos que todos son de poetas galegxs e teñen relación co mundo das emocións e os sentimentos.

Tamén pintamos un mural nunha das paredes do patio onde escribimos os poemas que recitamos:

 Deixemos que a poesía esperte as nosas  conciencias para construir un mundo libre, xusto e en paz, que boa falta fai!



luns, 21 de marzo de 2022

Agasallos especiais

 Estas caixiñas non pesan moito, non. 

Podería parecer que non conteñen  nada, que están baleiras. 

Pero non é así. 

Conteñen un regalo moi especial. 

                    Un regalo para compartir cos  compañeiros e compañeiras.                         

Atopámolas enriba das nosas mesas e ao abrilas, que achamos dentro?  Pois  un poema, un fermoso agasallo para celebrar o Dia da Poesía dun xeito especial!  Facer algo máis feliz a alguén  custa  moi pouco.

 

                             
 Agora so queda xuntarnos no patio das árbores e facer o noso recital poético.
 Ata pronto !

domingo, 17 de maio de 2020

Un poema inédito

O proxecto Semente Trasancospara honrar a  súa memoria, fixo público o sábado 16 de maio, véspera do Día das Letras, o primeiro poema que Ricardo Carvalho Calero escribiu en galego . 
Foi publicado na revista Maruxa en 1925baixo o pseudónimo Ilex, cando o autor tiña 15 anos. 
Ata o momento, o poema era inédito e nel apreciase a influencia de Rosalía de Castro.
Titúlase A Galiza  e a asociación gravouno  e colgou  un vídeo na plataforma YouTube.

mércores, 13 de maio de 2020

Poemas musicados

É a poesía a que está feita para ser cantada.... ou son as cancións as que son poesía con música?
Non sei, ao mellor as dúas cousas son o mesmo...
A verdade é que os poemas de Carvalho Calero con música soan moi ben.

  • Escoitade neste video tres poemas do autor na voz do profesor e debuxante Xico Paradelo


  • Teño unha dor


sábado, 25 de abril de 2020

Aves engaioladas

Nesta actividade participaron más de 30 familias do cole ás que lles estamos moi agradecidxs, porque os traballos compartidos son os máis gratificantes.
Propuxémoslles recitar (o de cantar deixámolo para a próxima...😁😆) a última canción de Rozalén , 'Aves enjauladas' que fala das ganas de voar que todxs temos nestes días e de todas as cousas que temos pensado facer cando saiamos desta, para volver con máis forza.
É tamén unha canción solidaria, porque todos os beneficios que produza  irán destinados, a través da ONG Entreculturas,  a todas as persoas que o están pasando moito peor ca nós , e axudar a sustentar as súas necesidades básicas : alimentación, vivenda, medicamentos, auga, luz ...
Traducimos a letra ao galego, e as familias relizaron o resto do traballo. 
MOITAS GRAZAS
Aquí tendes o resultado:

martes, 14 de abril de 2020

A primavera non o sabía ...

Aínda que non nos vexamos cara a cara, as e os mestres do cole seguimos xuntos virtualmente e gravamos este poema de Irene Vella :

luns, 13 de abril de 2020

Poesía e ODS


A poesía é tan antiga coma a lingua.
 E nos  momentos de preocupación é máis necesaria que nunca .
Celebrar a poesía significa celebrar a nosa capacidade de unirnos, de solidarizarnos cos demais.
E este espíritu é o que se precisa para levar adiante a Axenda 2030 e alcanzar os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible para facer un mundo mellor.
Un dos propósitos do Día da Poesía é fomentar a tradición oral dos recitais poéticos e crear unha imaxe atractiva desta arte  para que non se considere algo anticuado, senón unha forma fermosa de trasmitir os sentimentos e os valores.

A nosa idea, coma todos os anos, era ter o noso propio recital. 
E iamos facelo no xardín, debaixo das árbores, 
E iamos  buscar poemas que reflectisen todos e cada un dos ODS ...
Pero todo iso  quedou sen facer, coma moitas outras  actividades, por culpa dese virus que, por sorpresa,  veu instalarse entre nós.
E, alonxados como estabamos, pero xuntos ao mesmo tempo, fixemos o noso recital ... dende a casa.
EI: O mar, A terra, Coidemos o planeta, A primavera, Tecín soia a miña tea
ODS 1,7, 13,14,15, 17
1º EP - Arroz con leite feminista / Poema de Gloria Fuertes
ODS 5,10,16


2º EP : Resistiremos , poema cantado
ODS 3


3º EP : A auga / Pinguiñas de auga
ODS 6,13

4º EP : O clima/ A cidade
ODS 6, 11, 13


5º EP : Miedo Global / Educar / Oda a la pobreza / A primavera/ Bolboretas no xardin / Poemar o mar
ODS 1,3,4,5,8,10,14,15


6º EP :  En tempos de pandemia/ A saúde 
ODS 3, 

xoves, 9 de abril de 2020

Dende a miña fiestra

Nestas semanas de confinamento, buscamos a través das fiestras un pouco de aire, un pouco de luz ... un pouco de vida.
Hai persoas que so atopamos unha rúa baleira, sin persoas . Os  coches ...aparcados   Outras persoas,  mais afortunadas,   incluso son quen de observar un niño de cegoñas enriba dun guindastre...
Valentina

Pero no concello, a maioría da xente ten sorte de atopar ao outro lado da fiestra a poesía verde da paisaxe  e o alegre piar dos paxaros. Unha poesía sen palabras, con música,  que enche o noso interior e calma por dentro.
Como valoramos iso os que vivimos na cidade!

luns, 23 de marzo de 2020

Chega a primavera

A primavera non sabe de alertas nin confinamentos. 
As flores xa están polos campos e xardíns e as nenas e nenos queren darlle a benvida á nova estación recitando uns poemiñas... desde a casa, iso si.

luns, 2 de marzo de 2020

Errantes polo mundo

 Tendo en conta que escribir en galego no século XIX non resultaba sinxelo pois a nosa lingua estaba moi desprestixiada e menosprezada, Rosalía  soubo dar unha
mensaxe de amor e compromiso coa terra, coa lingua, coas persoas, coa igualdade, coa xustiza..., unha mensaxe difícil naquela  época, na que ser muller e falar galego non eran situacións doadas, pero unha mensaxe que máis de cen anos despois aínda segue vixente e segue sendo necesaria . 
Despois de facer un repaso pola figura literaria da Autora, e da busca  dalguns dos seus poemas  nos que atopamos esa tristura que a acompañaba sempre por estar lonxe da súa terra, pasamos a ilustralos e lelos diante dos compañeirxs. 
Estas foron as poesías que escollemos:
Rosalía foi unha migrante, como se lles chama agora a esas persoas que teñen que deixar a súa terra para buscar un traballo, un lugar mellor onde criar xs fillxs, un sitio tranquilo onde vivir... Andivo Errante Polo Mundo... coa súa pena ás costas.
Dende hai uns meses, Rosalía xa non ten so unha presenza universal, ten unha presenza  estelar... Está no firmamento, xunto co exoplaneta Río Sar . 
Rosalía, que xa era unha estrela para todxs nós, ten agora a sua propia estrela no ceo, unha estrela lonxana, a 240 anos luz da terra que a viu nacer aló polo ano 1863
O grupo de 5º de EP, xunto con Lara , de 6º , realizaron un programa  para a Radio Tarabela  coa homenaxe de todo o colexio á nosa escritora máis universal:

venres, 21 de xuño de 2019

Cantigas de Alongos

Para conmemorar os 150 anos da Gramática Galega de Juan A. Saco e Arce, decidimos reescribir e ilustrar as cantigas, romances e outras pezas que o escritor recompilou polas terras de Alongos e  que forman parte do seu libro "Literatura Popular de Galicia" . Por iso o titulamos Cantigas de Alongos.
Para editalo precisabamos financiación e a Deputación ofreceunos a súa imprenta. O día 18 fixemos a presentación do noso traballo e entregamos unha copia a cada familia.

D. Juan Luis Saco, un dos descendentes do noso escritor, non quixo perderse o acto. Tamén nos acompañaron o inspector de educación, algunhas familias,  dous representantes do Concello e D. Manuel Doval, que puxo a imprenta da Deputación a nosa disposición.


E que vos parece o mural que pintamos na fachada? Regalóunolo o Concello.
Quedou moi chulo, verdade? Nel, Efrén recórdanos a data a conmemorar.

martes, 26 de marzo de 2019

Día da Poesía

A primeira actividade que realizamos en relación con Saco e Arce, foi dedicarlle o Día da poesía
Aínda que se dedicou máis a escribir artigos , libros de lingüística e de filosofía,  escribiu un libro de poesías e  fixo unha recompilación de cantigas, refráns, coplas e contos da literatura popular de Galicia. 
Moitas destas cantigas recolleunas pola zona de Alongos.
 Nós lémolas, escribímolas e ilustrámolas. 

Aquí vos deixamos unha pequena mostra do traballo:


mércores, 21 de marzo de 2018

A poesía é necesaria

O 21 de marzo é o día escollido pola UNESCO para celebrar o Día da Poesía. 
Trátase de poñer en valor esta arte e  recordar que non é un luxo , que simboliza a creatividade humana. 
Tamén se busca promover o ensino da poesía e fomentar os recitais poéticos,  así como render homenaxe a todas as persoas que loitan cada día para crear un mundo mellor usando só as palabras como ferramenta.
O 21 de marzo a poesía debe ter quen a recorde, quen a escoite e quen a escriba.

Por iso os rapaces recitaron poemas elixidos por eles ou compostos na clase e demostraron que a poesía é coma un aire fresco, osíxeno para o espiritu.

  

mércores, 29 de marzo de 2017

Árbores e poesía

No cole estamos moi sensibilizados cos problemas medioambientais, quizais porque estamos  rodeados de natureza.
Todos os anos plantamos árbores, no patio ou fóra.
 E este ano, como somos conscientes de que o noso papel co medio ambiente ten que ir mais alá de apreciar a natureza, decidimos adoptar unha árbore  do noso patio.
Cada clase elixiu unha especie de árbore diferente para aprender sobre ela,  coidala e respectala .

            



























Ademáis, como o día da árbore e o día da poesía van collidos da man, decidimos escribir un poema para a nosa árbore e adornala  

domingo, 26 de marzo de 2017

Escaleiras poéticas





Unha das actividades que ideamos para celebrar a poesía foi converter as escaleiras do cole nun espazo de lectura. 
Eliximos o poema "Galicia" de Manuel María e seleccionamos duas estrofas. Repartimos os versos entre todas as aulas e os nenos escribiron as palabras e decoraron cadanseu verso.
Xuntámonos na Hora de ler para colocar os 8 versos ordeados formando o poema:


Escaleira by Slidely Slideshow

martes, 22 de marzo de 2016

Auga e Poesía




O día 22 de marzo é o día que dedicamos á auga, a tomar conciencia do aprezo e coidado que merece este elemento imprescindible para a vida no planeta.

En Galicia a auga está moi presente: na chuvia,nos mananciais , nos regatos, nos encoros, nos balnearios, nas pozas de augas termais, no mar...
A auga molla, a auga cura, a auga apaga a sede, a auga refresca, a auga relaxa ...
Como non podía ser doutra maneira, moitos poetas e poetisas dedicáronlle os seus versos a auga.

Podedes ler a escolma que atoparedes a continuación, escoller un dos poemas e fotografar unha paisaxe  na que a auga estea moi presente e que ilustre a vosa elección. Tamén podedes buscar na biblioteca ou na internet un poema da nosa literatura que teña como temática a auga.
As fotos presentadas participarán no II Concurso de fotografía "Galicia, Auga e Literatura"




sábado, 21 de marzo de 2015

Prensa e Poesía?

Resulta difícil (por non dicir imposible) atopar poesía nos xornais, onde a maioría das noticias informan da crueldade, da falta de empatía, e da cobiza das persoas. 
Por iso collemos as revistas e xornais que iamos levar a colector de papel e aprobeitámolos para convertelos en POESÍA. 
Deixámonos levar polos titulares, subtítulos, frases e palabras que nos suxerían algo e combinámolas para crear  poemas.
Esta práctica de Escritura Creativa resulta  moi interesante. Fai que as nenas e os nenos se acheguen á poesía libre, sen rima, sen estrofas... buscando só o ritmo das palabras, as sensacións ...
Parece que as palabras son as que te buscan, as que te chaman ... e o texto vaise construíndo un pouco ao azar, segundo o estado de ánimo de cada un.

mércores, 19 de novembro de 2014

Matemáticas e... Poesía??

Credes que pode haber algunha relación entre as Matemáticas e a Poesía?
Ou pensades que os números están reñidos coas letras?

Dende sempre, aos poetas gustoulles xogar cos números. E, ao longo da historia, houbo moitos matemáticos que se dedicaron con gran éxito á literatura.. Basta recordar a Lewis Carrol, o autor de "Alicia no país das maravillas".

Ao fin e o cabo, os poetas teñen que saber medir ben as sílabas dos versos se queren  que sexan todos iguais, e contar os versos para atopar a estrofa que andan buscando. Ademais, o ritmo é unha característica común ás dúas disciplinas: as series numéricas ás veces seguen un ritmo fantástico, como o  que poden ter as palabras, a música ou a expresión corporal...

Na Biblioteca fixemos unha selección de poemas que teñen relación coas matemáticas :