domingo, 27 de febreiro de 2022

Rap para Rosalía

 
Lea, unha das nenas de 6EP, escribiu a letra   empregando versos de Rosalía e entre todxs xs compañeirxs rapearon o tema.





sábado, 26 de febreiro de 2022

Que gloria de caldo!

 Non hai prato máis humilde nin mais pegado á nosa terra que o caldo. O "caldo de gloria" que cantou Rosalía de Castro no seu poema "Miña casiña, meu lar" do libro Follas Novas,  foi a base alimentaria de Galicia durante moitos  anos nos que a comida e os cartos eran escasos. 

Uns grelos ou verzas, unhas fabas, unhas patacas e un trisco de unto son os principais ingredentes . E que ferva  todo moi a modiño.

A nosa cociñeira todo o cociña "de gloria" , e o caldo non ía ser menos! Saiulle para chupar os dedos! 

Un Caldo de Gloria para recordar a Rosalía no seu día,  segundo a proposta da Fundación Rosalía de Castro, para poñer en valor tanto a  gastronomía tradicional como a lingua galega a través dos manteis individuais que solicitou a encargada de comedor e  nos que figura o poema e unha explicación sobre o caldo .

venres, 25 de febreiro de 2022

Haikus para Rosalía

Para homenaxear a Rosalía de Castro no seu día, as rapazas e rapaces de 5 EP escribiron haikus, uns pequenos poemas de orixe xaponesa xeralmente formados por tres versos de 5, 7 e 5 sílabas  respectivamente.
Aquí os tendes, recitados polas autoras e autores.

xoves, 24 de febreiro de 2022

#Sementando pensamentos

"Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino. " Rosalía de Castro.

Durante toda a semana, coa colaboración do alumnado, fomos  pintando o mural para conmemorar o Día de Rosalía. Nas aulas preparáronse as flores de  pensamento  para seren colocadas ao redor do retrato da autora, escribindo en cadanseu pétalo un verso ou unha palabra dalgún dos seus poemas. Para rematar, o día 23, cada aula foi colocando os seus pensamentos no mural.

mércores, 23 de febreiro de 2022

Parabéns, Rosalia

 Rosalía de Castro está de aniversario e por iso, coma todos os anos, queremos facerlle chegar os nosos parabéns a través dunha pequena homenaxe, pero primeiro imos aprender mais cousas sobre a súa vida e obra.


Os Bolechas fálannos de Rosalía de Castro

Fostes algunha vez a Padrón? Imos visitar  a casa onde viviu Rosalía coa súa familia e onde ben seguro que tamén  sementou pensamentos.


Se picades aqui poderedes ler o Manifesto da AELG  para esta data escrito por 
 

martes, 22 de febreiro de 2022

O "efecto" Tanxugueiras

Tanxugueiras foi elixida como palabra do ano 2021 en Galicia segundo a votación  da web Portal de Palabras. Presaxiaba algo esta elección?

Aida, Olaia e Sabela , as Tanxugueiras, seguro que   sempre desexaron vivir da súa música, pero abofé que non pensaban conseguir tal repercusión nacional e mesmo internacional  cando decidiron participar no concurso para ir a Eurovisión.

Atopamos varias mensaxes no seu tema "Terra" , o mais claro é que España ten a sorte de gozar dunha grande riqueza cultural e lingüística e iso enriquécenos a todxs. O estribillo di que "non hai fronteiras" , que a música é universal e podes chegar a calquera sitio cantando no teu idioma porque a música, o mesmo que a lingua,  nace da terra .

  As súas pandeiretas,  as súas voces  conquistaron ao público e ás redes sociais coa súa canción que empondera a música tradicional feita por mulleres. Lograron que  España non só empatizara coa música e a lingua galegas, senón que se sentira representada por elas.

A súa aventura eurovisiva estalles permitindo facer realidade  moitos soños  pero, sobre todo, fai soñar a moitos grupos galegos que fan música dende  este recuncho de Europa chamado Galicia.

O "efecto Tanxugueiras" tamén se fixo notar no cole e  esta é a  homenaxe do alumnado de 5º e 6º a estas tres mulleres e á súa canción no Día da Lingua Materna. 

luns, 21 de febreiro de 2022

O libro das emocións: Di o que sentes

Somos galegas e galegos.  Galicia é a nosa terra e dicímolo con orgullo. Tamén sentimos orgullo da nosa paisaxe, das nosas rías, das fragas e das aldeas, da música e das festas. 

A nosa maneira de ser ven definida por todo isto e sobre todo pola nosa lingua, da que debemos estar ben orgullosas. Recibímola en herdanza e é a nosa obriga que os nosos fillos e fillas a herden de nós porque, tal e como acontece coas paisaxes, a música ou as comidas, a existencia de moitas linguas fai o mundo máis diverso e mais interesante.

 Todas as nenas e nenos que falan falego, saben tamén castelán, son bilingües.  O caso inverso non sempre se dá.

Este ano, na escola tratamos de darlle pulo á nosa lingua engadindo

ao noso vocabulario unha chea de palabras que, como non podía ser doutro xeito, están relacionadas cos sentimentos e as emocións.

luns, 14 de febreiro de 2022

Imos sair na tele !


A tvg está a preparar un novo capítulo do programa  "Vivir Aquí" . Tratará, entre outros temas,  sobre  a creación do Centro de Interpretación do Entroido  e a tradición desta festa en Mugares .

 Viñeron ao cole e estiveron a falar con varias nenas e un neno que adoitan vestirse de señoritas e labardeiro o martes de entroido.  


sábado, 12 de febreiro de 2022

O talento non ten xénero

Todos podemos mencionar o nome dalgún científico famoso polas súas aportacións, pero si preguntamos por nomes de mulleres científicas ... A cousa ponse máis complicada, e iso que houbo moitas ! 

Sabedes como é coñecido ese prexuizo para recoñecer os logros das mulleres científicas?
Chámanlle Efecto Matilda. Sabedes por que? Pois porque Matilda Joslyg Gage foi a primeira muller en denunciar que as mulleres científicas non reciben o recoñecemento que merecen .

Neste día queremos visibilizar o traballo das mulleres que se dedican á ciencia e poñer en valor referentes femininos que , co seu exemplo, sirvan de inspiración ás nenas para que sintan que son capaces e que teñen as condicións para elixir unha carreira científica  se así o desexan.

A Universidade de Vigo enviou ao cole materiais para reivindicar a igualdade e a accesibilidade das mulleres no ámbito da investigación e promover as vocacións femininas na Ciencia, Enxeñaría, Tecnoloxía e Matemáticas. As nenas de 5º e 6º foron polas aulas presentando aos compañeiros e compañeiras  a cadansúa científica e explicando os seus achádegos .
Aquí podedes visitar a páxina da Universidade de Vigo 

E aquí algúns contos que atopamos na páxina No more Matildas

mércores, 9 de febreiro de 2022

Clubes de Lectores ... en marcha!

Efrén tamén lles le contos aos seus amigos
Foron moitas as nenas e nenos que se anotaron para formar parte do clube de lectura ao que invitou Efrén,  así que poñeremos a andar  4 clubes de lectura, un por aula!  

O venres pasado tivemos a primeira  reunión _no patio_ e Efrén veu  repartir a cada grupo o  libro  que  van ler e explicou as normas para que o clube funcione e nos divirtamos todas e todos.

O funcionamento é moi sinxelo: Trátase  de ler un libro de maneira individual e ter unha reunión a primeira semana de cadas mes para comentar o que limos e facer outras actividades, que prometemos  van ser moooi divertidas. 

A primeira tarefa vai ser buscar un nome para o voso grupo de lectores. 

Seredes os " navegantes da lectura" ou "xs piratas"? Tamén podedes ser os "14 lectores" ou pertencer ao clube dos "libros máxicos"  ou ao clube "le con Efrén". 

Hai moitos nomes que podedes elixir. A ver que se vos ocorre!

sábado, 5 de febreiro de 2022

Buscamos a nosa PAZ INTERIOR

 O Día da Paz deste ano dedicámolo á nosa Paz interior, algo indispensable para sermos felices.

Atopar a paz interior é fundamental para obter o equilibrio que é o que queremos conseguir ou,  alomenos, aprender a buscar, co proxecto anual que estamos levando a cabo. 

Xa aprendemos  que hai que saber identificar e xestionar  as emocións aínda que ás veces haxa demasiadas nubes que as tapan. Tamén aprendemos que hai que saber poñerse no lugar do outro e saber perdoar. 

Por iso todo o alumnado escribiu en cintas de cores frases de agradecemento. Logo pendurámolas das árbores  e, ante a imposibilidade de dar apertas uns aos outros deixamos constancia dos nosos desexos abrazando as árbores con lás de cores que queren  representar as emocións que sentimos. 

✌Tomamos o chololate da amizade

🎤🎹🎼E para rematar a festa cantamos  "Unha receita de PAZ" que é o que desexamos cociñar todos os días

venres, 4 de febreiro de 2022

Regalamos palabras bonitas

 No Día da PAZ, hai algo mellor que  alegrarlle o día a alguén? 

Un simple xesto pode cambiar o estado de ánimo  dunha persoa. Por iso decidimos colocar nos corredores un imprimible con mensaxes e frases que deberiamos dicir a diario e que veñen ben en calquera momento. Hai frases para amigos, compañeirxs, profes ...


Que chovan os comentarios amables!

martes, 1 de febreiro de 2022

Tapóns solidarios

No cole levamos anos participando na reciclaxe de diferentes materiais: plástico, papel, pilas . 

Últimamente colaboramos coa Fundacion SEUR  recollendo tapóns para obter fondos para que  nenas e nenos sen recursos e con enfermidades graves teñan acceso a tratamentos médicos e aparatos ortopédicos que precisan e que non están cubertos pola Seguridade Social. As familias gardan os tapóns, nós almacenámolos no cole nun contedor e SEUR encárgase de recollelos e transportalos . Xa levan recollido máis de 6.500 Tm de tapóns , levan  doado máis de 1 millón  de euros e axudado a  uns 170 nenas e nenos

 Toda unha cadea na que participamos co noso pequeno xesto para facer un pouco máis felices aos que nos rodean.