martes, 31 de decembro de 2013

Ano novo ...



Que comezar  un novo ano sexa a oportunidade para novas alegrías, que atopemos novos libros que nos sorprendan, que nos cambien, que nos fagan mellores e que compartir, axudar, e participar sexan os verbos que nos permitan  escribir  o libro das nosas vidas.

Grazas  a tod@s por  non  resignarvos a ser só personaxes secundarios nesta  comunidade escolar, e por formar parte do grupo dos que sabemos que os libros, ademais de entreter e ser sementes de cultura, poden ser un medio de compartir, vivir aventuras e facernos máis persoas.

domingo, 8 de decembro de 2013

O legado de Madiba

As palabras de Nelson Mandela constitúen o seu mellor legado.
Deixovos unha recompilación de declaracións extraídas de discursos, entrevistas, diarios persoais e cartas que escribiu ao longo da súa vida. 
Para que reflexionemos...



Vivirás sempre
como a luz que encende
a nosa conciencia

sábado, 7 de decembro de 2013

Foise Mandela, o sorriso de África

Graffiti nunha rúa de Barcelona
Esta fin de semana espertamos cunha triste nova:
 o pasamento de Nelson Mandela 

O corazón de Nelson Mandela, MADIBA como lle chamaban cariñosamente no seu país, apagouse o pasado xoves día 5 .
Para tod@s foi un exemplo  de BONDADE  e un firme defensor da LIBERDADE , a DIGNIDADE  e a UNIDADE  do seu pobo. 
Todo isto adornado co seu SORRISO  imborrable.
Nunca perdeu o optimismo: foi condenado a cadea perpetua realizando traballos forzados nas canteiras de cal, pero en ningún momento dubidou de que sairía e liberaría ao seu pobo.
Todos os líderes mundiais esixiron a súa posta en liberdade e cando quedou libre, despois de 27 anos, renunciou públicamente á violencia e comprometeuse a atopar unha solución para acabar coa situación de discriminación na que vivían os negros en Sudáfrica.
"Transformou a historia do seu país dunha maneira que parecía inconcevible e demostrou, coa súa intelixencia, honestidade e valentía que no campo da política, ás veces, os milagres son posibles" (Mario  Vargas Llosa)
Loitou contra a  pobreza, a desigualdade e o racismo  no que vivía a xente negra  durante o Apartheid, un réxime de segregación racial no que as persoas de cor non podían votar nin ocupar postos de traballo "propios de brancos", non podían relacionarse con eles nin tan sequera viaxar nos mesmos autobuses que eles.
Polo ben do seu país, foi quen de perdoar os inxustos anos que pasou na cadea e  de convencer a todos de que era posible unha convivencia pacífica que sentase as bases dun sistema democrático en Sudáfrica.
 Por iso, negros e brancos, brancos e negros choran unidos a morte de Mandela, un home irrepetible.
"Mandela es el mejor ejemplo que tenemos —uno de los muy escasos en nuestros días— de que la política no es sólo ese quehacer sucio y mediocre que cree tanta gente, que sirve a los pillos para enriquecerse y a los vagos para sobrevivir sin hacer nada, sino una actividad que puede también mejorar la vida, reemplazar el fanatismo por la tolerancia, el odio por la solidaridad, la injusticia por la justicia, el egoísmo por el bien común, y que hay políticos, como el estadista sudafricano, que dejan su país, el mundo, mucho mejor de como lo encontraron."(M. Vargas Llosa - "Elogio de Nelson Mandela")

Para coñecer máis cousas sobre a vida deste home, podedes ver este documental:



E esta é a nosa  homenaxe a este home bo e xeneroso, exemplo de reconciliación e de  concordia.
A música é unha canción que Silvio Rodríguez, un cantautor e poeta  cubano, dedicou a Víctor Jara ( outro poeta que foi encarcelado e feito desaparecer  por defender ao seu pobo) Creo que se axeita moi ben á figura  de Nelson Mandela.



Que pensades vós da figura de NELSON MANDELA?
Anímovos a que deixedes os vosos comentarios.

luns, 25 de novembro de 2013

Tod@s fomos nen@s

"Todos fomos nenos algunha vez. E todos desexamos por igual o benestar dos nosos nenos, que sempre foi e seguirá sendo  o desexo  mais universal da humanidade"
                                                            (Cumio mundial en favor da infancia -
                                                                            Informe do Secretario Xeral)

E cando nos facemos maiores, volvemos a sentirnos nen@s outra vez.
 Por iso nos gusta visitar aos "avós" do Centro de Día ... Porque se alegran  cando imos, porque nos aplauden "a rabiar" ...Porque conectan connosco ...
Esta vez, despois de moita espera por mor do tempo (tiña que ser un día sen chuvia porque a volta ía ser camiñando) celebramos tod@s xunt@s o Día do Maior, o Dia da Biblioteca e o Día dos Nen@s (fóisenos acumulando o "chollo" e celebramos todo xunto). 
Queriamos levar un agasallo, asi que cada clase  escolleu un libro  para  ler, contar, cantar ou representar a historia.


 

sábado, 23 de novembro de 2013

25N: Queremos igualdade




A violencia contra as mulleres é consecuencia  da discriminación que sofren, tanto nas leis como na vida diaria, e tamén da existencia de desigualdades por razón de xénero. Nalgúns países, as mulleres son  seres sen dereitos.
A violencia contra as mulleres e nenas pódese evitar. 

Because I am a Girl é unha campaña que ten como obxectivo  a tranformar as vidas das nenas mais pobres do mundo. O acceso das nenas á educación e aos dereitos será quen de romper o ciclo de pobreza e discriminación ao  que as nenas fan frente ao redor do mundo 
Mirade este video e dicídeme que pensades:

Deixovos tamén un libro para que o leades e reflexionedes.  "A historia dos bonobos con lentes" de Adela Turin. 

mércores, 20 de novembro de 2013

20 de novembro: Día dos Nen@s

Como cada ano, o 20 de novembro está dedicado aos Dereitos das nenas e nenos. 
Dádesvos conta da sorte que temos por vivir onde vivimos?

E vós como o ides celebrar?

Unídevos a Lunicef e cantade alto polos dereitos da infancia: 



E tamén podedes ver estes videos que Pocoyo&friends fixeron para UNICEF. Só tedes que picar na imaxe:

luns, 18 de novembro de 2013

Cogomelos

Cando chega o outono,  Sara,  a axudante de cociña do cole, sempre nos ofrece algunha das súas receitas de cogomelos. 
Este ano, ademáis diso, tamén lle pedimos que informara as nenas e nenos sobre a súa afición, que a ten convertido nunha verdadeira experta. Ela  coñece cales son os cogomelos máis apreciados, cales non son tan saborosos, os que poden ser tóxicos e incluso os que poden ser mortais só con tocarlles...
Para a súa "conferencia" achegounos unha verdadeira exposición dos cogomelos que se poden atopar no concello de Toén  con cadanseu nome. Clasificounos en   cogomelos que son comestibles e que son tóxicos ,co  grao de perigosidade de cada un. Tamén trouxo  unha mostra da vexetación onde é máis probable atopalos.
 Unha verdadeira marabilla!!



Todo o cole pasou pola clase de 5º para aprender cousas sobre estes seres, e os alumn@s foron os encargados de explicarlles aos mais pequenos todo o que tiñan aprendido, 
engadindo  ademáis información científica:
  • Falaron dos reino dos fungos.
  • Alimentación e reprodución.
  • Partes do cogomelo.
  • Normas básicas de comportamento no monte.
  • Perigos dalgunhas especies.
  • E por último respostaron varias preguntas dos compañeir@s.






Para rematar, con toda a información reunida, editamos este  caderniño . Esperamos que o  atopedes interesante:


xoves, 31 de outubro de 2013

Xa está aquí o SAMAÍN

O  Samaín ya está aquí outra vez coas súas cabazas, arañas, caveiras e pantasmas.
O tempo de Samaín tamén é tempo de castañas, de facer colares de zonchos para liberar as ánimas defuntas... Ademáis, é o tempo en que aparece  o frío e a morte vaga pola terra.
A noite do 31 de outubro é a mais perigosa do ano... As portas do alén ábrense e as ánimas saen a visitar este mundo.... Por iso son moi frecuentes as aparicións da Santa Compaña na Noite de Todos os Santos. 
Para afastar as ánimas defuntas e errantes, adoitanse facer caliveras na cortiza das cabazas.

Estas son as nosas propostas de actividades e lecturas para esta semana: 

Se queres pasar medo...

Tamén vos deixo as fotos dos disfraces, a ambientación do centro e as actividades na biblio:

Ambientación do centro
Cada grupo decorou a  porta da súa aula  e fixemos unha exposición de cabazas
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Free picture slideshow personalized with Smilebox

Festa de disfraces

Disfrazarse é divertido... E con algo reciclado... moito mellor!
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Free slideshow design created with Smilebox

Canción "Os Esqueletos"



Actividades na Biblio 

Como sempre, a Biblio  foi o punto de  encontro para celebrar  o Samaín
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
A free photo slideshow by Smilebox

domingo, 27 de outubro de 2013

24 de Outubro


O cartel deste ano foi diseñado polo ilustrador e humorista gráfico Andrés Rábago (nós  engadimos unha imaxe da nosa mascota, Efrén) e o texto que o acompaña como pregón _ e que podedes ler a continuación _ é unha femosa historia,  obra da escritora Laura Gallego.



A continuación podedes ver as fotos das   actividades que realizamos  no cole para conmemorar este día:


Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Personalize your own free slideshow

xoves, 24 de outubro de 2013

Día da Biblioteca

Todos os anos, o 24 de outubro é unha data especial porque é o dia GRANDE das Bibliotecas Escolares.
Nesta data, que este ano coincide coa das reinvindicacións do mundo do ensino, nós queremos reivindicar a importancia da nosa Biblioteca na vida do centro porque actúa como motor e proporciona un apoio imprescindible ao desenvolvemento de todos os proxectos do centro
 Por iso consideramos prioritario potenciar a biblioteca do centro como  recurso para a aprendizaxe, a consulta, a  busca de información e a lectura pracenteira. 
Efrén será o encargado de cociñar unha das súas famosas receitas a base de fantasía, imaxinación e unhas pingas de humor.
Non é una receita calquera. Os ingredentes que a compoñen son de primeirísima calidade. Todos podedes saboreala, é axeitada para os vosos paladares esixentes. 
Xa sabedes que Efren cociña todos os pratos con cariño, sen presa, con moito mimo.



mércores, 25 de setembro de 2013

A volta ao mundo con Efrén


Encántame viaxar !!
A quen non?
Seguro que este verán fostes a algún sitio interesante...
Convídovos a acompañarme nunha viaxe arredor do mundo... So tendes que elixir  o país que queredes visitar e investigar na biblio ou na rede (xa vos dirá @ vos@ profesor@) para coñecelo todo sobre el : as súas paisaxes,  os seus costumes, a súa música , o seu idioma...
Hai tantas cousas que podedes descubrir....!!!
Estades preparados para a travesía ?

Podedes comezar aquí

mércores, 11 de setembro de 2013

Benvido Setembro

Ilustración de Nancy Wolff
Benvid@s ao novo curso escolar!!
Parece que foi onte cando estabamos celebrando a festa de final de curso e, sen darnos conta... xa estamos preparando as mochilas e os mandilóns para comezar  de novo... 
Chegan de novo os madrugóns, as presas, os deberes... a volta á "normalidade", ao ritmo de vida habitual.
O novo curso que nos agarda seguro que estará cheo de novos retos, novas iniciativas e  grandes ilusións no que tod@s _familias e profesor@s_ debemos xuntar os nosos esforzos . 
Seguro que tod@s xuntos conseguiremos  chegar á meta!!


mércores, 19 de xuño de 2013

No verán, non pases de ler....

Achéganse as vacacións que son o tempo ideal para reforzar a convivencia e o diálogo entre todos os membros da familia. Para reforzar o cariño é preciso dedicarse tempo, conversar, compartir momentos...
Pero tamén son o tempo ideal para ler.
 A compañía dun libro nas tardes de verán, ademáis de ser moi beneficiosa, como se desprende dun estudo da Universidade de Tennessee, pode aforrarnos  ás nais e pais moitos "abúrrome" e  outros tantos "non sei que facer".
Richard Allington, membro desta universidade, afirma que "a lectura durante o verán é necesaria  para non perder as habilidades adquiridas como son o manexo da lenguaxe e a  competencia lectora". Segundo estas afirmacións, aparecidas na revista Reading Psychology , os nen@s que non len durante as vacacións poden presentar un retroceso de dous ou tres meses. Sen embargo, os nen@s que len, terán un avance dun mes de aprendizaxe en relación a esta competencia.
Segundo outro estudo realizado por especialistas da Universidade Johns Hopkins, os efectos de non ler na infancia  nótanse  incluso durante a Secundaria e na Universidade . E que os que leron de foram constante sendo nen@s, están mellor preparad@s tamén cando chega o momento de incorporarse ao mundo laboral.
Persoalmente, non sei se a lectura no verán  terá tanta importancia para os resultados académicos como o pintan estes estudos, pero ... hai algo tan marabilloso como disfrutar dun bo libro a beira do mar, ou baixo unha árbore, ou ....?

No noso cole, moitos nen@s non van sufrir ningún destes "efectos secundarios" negativos.
Comezan a chegar os primeiros pedidos de libros para o verán.
@s alumn@s que o desexen poden elixir os  libros que queiran para que os acompañen estas vacacións.
Os papás e as mamás tamén estades invitad@s a achegarvos a Biblio e elixir os títulos que vos apeteza ler.

Ademáis, queremos facer un álbum de  VeránLector@s . Enviádenos as vosas fotos (onde vós e os libros sexades os protagonistas). Faremos unha selección e, en setembro, recibiredes un agasallo.

FELIZ VERÁN DE LECTURAS!!

Pica na imaxe:


luns, 17 de xuño de 2013

Os contos de Sabela

Sabela Gago, compoñente do grupo ourensán de teatro  "Sarabela" estivo connosco para animarnos a ler e facernos descubrir a maxia que se agocha nos contos.

 Contounos unhas historias coas que conseguiu meternos no mundo da imaxinación e a fantasía. 

Fixo que tod@s participaramos facendo xestos, sons, interpretando... 

Grazas, Sabela, por facernos disfrutar, imaxinar, soñar e ... rir compartindo as túas historias.

Se queredes volver a escoitar os contos,  dádelle ao PLAY:

  • As tres galiñas

  • A selva

domingo, 9 de xuño de 2013

Desvelouse o misterio...

Onte pola mañá repartíronse os premios Espiral Edublogs.
 A cerimonia de entrega foi na aula Magna da escola Politécnica superior da Universidade San Pablo CEU, en Madrid.
Por fín íase develar  o misterio...  Había moitos peóns dourados, prateados e bronceados....
Que cor tería o noso?
Rocío prestouse voluntaria a asistir ao evento e, sobre as 12 da mañá,  subiu a recoller o premio... o PEÓN de PRATA !! 
Somos o segundo mellor blog de toda España... e parte do estranxeiro... (como diría a miña avoa)

Saber que outros profesores pensan que o teu traballo merece a pena, é un orgullo e un grande honor.
Mañá luns,  será un día normal, pero volveremos ao noso traballo con moi bo sabor de boca tendo nas nosas mans este peón que nos recordará que o esforzo merece a pena e nos impulsará a seguir traballando coa mesma ilusión e co mesmo grado de compromiso para acadar o que queremos: unha educación integral na que as nenas e nenos medren como persoas, sexan protagonistas do seu aprendizaxe e se formen coma lectores e lectoras críticos.
Moitas grazas a tod@s.


mércores, 29 de maio de 2013

A nosa festa das Letras

Este 17 de maio, convertemos o patio do colexio no escenario dunha festa popular galega... con gaiteiros e todo!  

( Moitas grazas a  Santos, Luis, Eloy e Javier pola vosa inestimable colaboración).

Mágoa que comezara a chover e tiveramos que rematar a festa no salón de actos...!

No medio da romaría houbo cancións, bailes populares e representacións teatrais ... todo para reivindicar o valor da nosa lingua e presumir de escritores que, coma Roberto Vidal Bolaño, contribuíron a elevala, loitando ás veces contra vento e marea.

Un nutrido álbum fotográfico deixou para o recordo a celebración destas Letras Galegas no cole.
 Aquí tendes os videos: 

luns, 20 de maio de 2013

O valor da lectura

No blog "Aprender y divertirse" atopei esta curtametraxe sobre o valor da lectura e como un libro pode servir para fuxir da realidade.

Titúlase "Irene". O autor é Alejandro Hiraldo e  gañou o Festival de Curtametraxes da Feira do Libro da República Dominicana 2013

sábado, 18 de maio de 2013

17 de maio : RVB

As alumnas e alumnos de 3º ciclo falan sobre a vida de RVB:



Material audiovisual da TVG sobre Roberto Vidal Bolaño

Extractos dalgunhas das entrevistas que lle fixo a TVG. Ademais, o seu fillo Roi Vidal fala da figura humana dun autor entregado ao teatro. Outras reportaxes amosan os principais escenarios da súa vida en Santiago de Compostela, toda unha inspiración para a súa obra, a súa actividade teatral, cinematográfica e audiovisual. 
Pica na imaxe da dereita




E outra reportaxe da TVG sobre a figura de Vidal Bolaño

Saúdos dos gañadores

Queredes coñecer aos demais  Blogs que nos acompañan nesta aventura?

Picade na imaxe e ....



martes, 14 de maio de 2013

Que ledicia!!

Lembrades que o outro día vos comentei que o Bloguesquio quedara  entre os 6 blogs de BiBEs finalistas dos Premios Espiral Edublogs, non si?
Pois hoxe teño unha noticia aínda mellor!
Estamos entre os 3 blogs gañadores!!
Iso quere dicir que xa conseguimos un dos tres peóns: ouro, prata ou bronce. 
Cal deles  gañamos, saberémolo o día 8 de xuño en  Madrid, cando se entreguen os premios.
 Pero, sabedes o que vos digo? Que o trofeo é o menos importante...  O premio é estar aí, entre os tres blogs que o xurado considerou  mellores, de todos os presentados ao concurso (e pódovos asegurar que foron moitos).
Estes premios, teñen un enorme prestixio entre os docentes de toda España e Latinoamérica e pretenden valorar a importancia e repercusión dos blogs na educación, como ferramentas didácticas para o desenvolvemento de contidos curriculares e a  motivación dos alumn@s. Recoñecen o traballo dos mestres e alumn@s e as boas prácticas educativas no ámbito das TIC.
E cando un premio o recibes dos teus compañeir@s de profesión  que pensan que o teu traballo merece a pena, é unha honra .
O recoñecemento vale, se cabe,  máis que calquera outro premio.


As nosas felicitacións a todos os blogs gañadores, e a todos os que participaron polo altísimo nivel.

domingo, 12 de maio de 2013

Festa das Letras

Este ano imos celebrar o Día das Letras Galegas dun xeito diferente.
Imos convertir o recinto do colexio no escenario dunha festa popular galega de anos atrás.
 Tod@s , incluso os familiares d@s alumn@s que se acheguen a participar na festa,  iremos vestid@s con traxes tradicionais e amenizará a festa un grupo de gaiteiros. 

Este é o programa de actos:


xoves, 9 de maio de 2013

Maurice Sendak


Hai un ano morría Maurice Sendak, ese gran escritor e ilustrador que enriqueceu o universo infantil coas súas historias, os seus monstros e os seus soños ... ¿ou eran pesadelos?
Maurice Sendak medrou escoitando as historias do mellor contacontos: seu pai e , segundo el mesmo contaba, a inspiración para dedicarse á ilustración veulle dende moi novo, grazas á película "Fantasía" 
Sendak cría que a literatura infantil estaba chea de paternalismo e personaxes que mostraban aos nenos unha falsa realidade, moito máis peligrosa que os monstros que aparecen nas súas historias. 
Por iso, retrata persoaxes como Max ,o protagonista de "Onde viven os monstros" : terco, protestón ... e cunha imaxinación envidiable para enfrentarse aos seus medos.
 Hai un ano que morreu Maurice Sendak e , estamos seguros de que, igual que Max, "navegou a través das noites e os días, semana tras semana, durante case un ano enteiro..."  e non nos cabe a menor dúbida de que agora será o rei dalgún lugar "onde viven os monstros"

Para que lembredes a Maurice Sendak, déixovos unha versión do conto "Onde viven os monstros", o que vos contei na Semana do Libro, ¿recordades?


And here, you can read it in  English. Have fun!


En Galego, noso o mundo é!!

"Surfeando" pola rede atopei estas cancións  de Paco Nogueiras Nodar .
Música pegadiza, letras cun contido axeitado para a ocasión... Pódese pedir máis?
Como él di " Coa chegada do Día das Letras Galegas, debemos lembrar que hai outros 364 días onde as letras  son protagonistas... e os números, as cores, as palabras... ."
 EN GALEGO podemos facer de todo!    
EN GALEGO, noso o mundo é!!
  • "Espírito Vidal Bolaño"

  • En Galego, "Meu o mundo é"

luns, 6 de maio de 2013

Gústanos ler

Dentro das actividades da Semana dos libros, tratando  de potenciar a Competencia en comunicación oral, pedímoslle aos nenos e nenas que falasen do seu libro favorito.

Os gustos son variados, e cambian segundo as idades, pero os preferidos son os libros de aventuras, misterio ...

  • 2º e 3º Ciclo




  • EI e 1º Ciclo 

domingo, 5 de maio de 2013

Marcapáxinas solidarios

Este ano, ademáis de todas as demais actividades, quixemos celebrar o Día do libro dunha maneira solidaria: poñendo a nosa creatividade ao servizo dos nenos e nenas máis desfavorecidos , colaborando con Save the Children.
Como?
Decoramos os nosos puntos de lectura ao noso gusto  con debuxos, lemas, poesías... 
Levámolos á casa e solicitamos un donativo a cambio de cada marcapáxinas realizado. 
Os fondos contribuirán a paliar a situación de fame na que viven os nenos e nenas do Sahel, e a proporcionarlles unha educación que lles permita ter unha esperanza no futuro.

  

Mimo á miña mamá

Hoxe é o Día das nais. Aínda que moitos atribúen esta celebración a unha maniobra comercial, o obxectivo é ser un agradecemento ás nais, que nos deron a vida.

Ten a súa orixe na Grecia antiga, onde xa rendían homenaxe á deusa Rea, nai dos deuses Zeus, Poseidón e Hades.
Ata chegar aos nosos días, a celebración foi cambiando e en cada país e cultura celébrase dun xeito diferente.

O regalo máis apreciado é o que sae do corazón.
Para todas as enfermeiras, cociñeiras, taxistas, mestras, psicólogas, entrenadoras, amigas.... e moito máis... 

Este é o regalo d@s vos@s fill@s.

  • E. Infantil


    • E. Primaria
    <

sábado, 4 de maio de 2013

Maio de letras

Agora que xa rematou o mes dos libros, comeza o mes das letras.
Cada 17 de maio, Galicia e os galegos celebramos as nosas letras e a nosa lingua.
 En 1963, a Real Academia Galega decidiu que se declarase o día 17 de maio de cada ano como "Día das Letras Galegas", unha data que conmemora a publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Os académicos consideraron que esta "foi a primeira obra maestra da literatura galega contemporánea" e que "a súa aparición veu a darlle prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria".
Cincuenta anos despois, seguimos dedicando cada ano este día a unha figura significativa das nosas letras.
Este ano, o elixido foi o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, figura fundamental na construcción do teatro galego. 

  Picade na imaxe para investigar sobre o autor e a súa obra, para aprender máis cousas, para demostrar o que sabedes, para....


venres, 3 de maio de 2013

Aprendices de xornalistas

O emprego dos xornais nas aulas axuda a mellorar a competencia  do alumnado á hora de comprender e interpretar criticamente textos escritos.Este é un paso esencial para que  produzan e se expresen mellor por escrito centrándose en algo cercano e actualizado de xeito constante.
Estas son as novas que reescribiron os alumn@s de 5 e 6 para participar no certame Mellor Periodista Infantil de La Voz de Galicia.

xoves, 2 de maio de 2013

Poemas ás árbores

Un dos apartados da miniquest Palabra de árbore propoñíavos escribir un poema a unha árbore que para vós sexa especial.
Este é o resultado:


O mellor regalo... Un conto

As  nenas e os nenos de primeiro decidiron que, esta vez, ían apadriñar ¡ unha clase enteira ! Visitaron as aulas de E Infantil para levarlles aos compañeir@s o seu agasallo : un conto, por suposto.
Elixiron o regalo, "envolvérono" por parellas, en grupos ou individualmente e leváronllo aos destinatari@s, que  quedaron moi agradecidos...

  • Aroa, Candela R e Zoe contan: "Os Bolechas fan maxia", de Pepe Carreiro 

  • Hugo Hervella cóntanos o conto de David Mckee "O día de Elmer"




  • Gabriel e Hugo Gallego cóntannos o conto "Unha eiruga moi larpeira" de Eric Carle 

Feliz semana, Don Libro...

A semana do libro este ano foi moi movida ... podemos dicir que aínda non rematou.
Comezamos co noso xa tradicional Mercadiño de troco de libros e continuamos, como xa ven sendo tradicional tamén, coas Lecturas Compartidas.
 Este ano tivemos sorte: ademais de compartir os contos, tamén poidemos compartir a enerxía das árbores, o canto dos paxaros e o voo das bolboretas, porque ...
¡que pracer poder ler á sombra dunha árbore, ... sobre todo en boa compañia!

mércores, 1 de maio de 2013

Abraza unha árbore


Unha árbore e moito máis que unha planta cun tronco leñoso, pólas e follas.
 É un ser vivo que  foi venerado por moitos pobos ao longo da historia, entre eles os celtas. As árbores formaban parte dos seus ritos e prácticas máxicas, da súa vida cotiá e consideraban que tiñan usos medicinais. 
Crían que cada árbore posuía un espíritu, e que o seu rostro podía verse no seu tronco e a súa voz escoitarse no son das follas movidas polo vento.
Nos momentos de soidade, tristeza ou preocupación, os nosos antepasados buscaban unha árbore e abrazaban o seu tronco para transmitirlle os seus problemas e recibir, a cambio, a súa forza.

Así, os namorados buscaban un tilo ao que confiarlle as súas penas de amores, os homes qu ían á guerra, abrazaban un carballo que representaba ao deus Marte e as persoas que tiñan pouca confianza en sí mesmas achegábanse a un bido, que estaba baixo a protección de Mercurio.

Cando camiñamos entre as árbores dun parque ou un bosque, podemos sentir a súa enerxía. Por iso, como no noso patio temos moitas árbores, pensamos que sería unha boa idea celebrar o Día da Terra con elas.  As árbores axúdannos a  establecer contacto coa natureza, a relaxarnos,  e a comunicar a nosa mensaxe a Nai Terra. 

domingo, 28 de abril de 2013

Recibimos unha boa nova


Hoxe déronse a coñecer  os  finalistas do VII premio Espiral de Edublogs e Efrén está de noraboa:  
O noso Bloguesquío está entre eles, con outras cinco bibliotecas, ás que queremos mandar os nosos parabéns; sobre todo á biblioteca do CPI do Rosal "A quinta dos libros", á que acompañamos dende Galiza nesta aventura.

Sabedes a ilusión coa que comezamos esta andaina pola rede. Sabedes tamén que @s que colaborades connosco  e visitades o noso blog,  facedes que esa ilusión se manteña viva e nos dades a motivación para seguir traballando.

Grazas aos membros do xurado por recoñecer o noso traballo, por permitir que a nosa biblioteca estea presente nesa lista de finalistas e por poder compartir con todos os participantes as nosas experiencias e as d@s nos@s alumn@s.

Aprendices de xornalistas

Lede a entrevista que fixeron Yesica, Maria R e Estela a Miguel Ascón, o redactor de La Voz de Galicia  en Ourense que nos visitou hai uns días:

xoves, 25 de abril de 2013

Aniversario da Revolución dos Caraveis

Houbo un día na historia no que as flores silenciaron as armas.
 Foi o 25 de abril de 1974 e sucedeu en Portugal, o noso país veciño.
O levantamento pacífico do exército e a resposta do pobo puxeron fin a 40 anos de dictadura .
"Grândola, Vila Morena" é unha canción composta e cantada por José "Zeca" Afonso que foi escollida polo MFA portugués como sinal da Revolución dos Caraveis.
A canción refírese á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentexo portugués , e estaba prohibida polo réxime como unha música asociada ao comunismo.
Ás 00.20 horas do día 25 de abril de 1974, a canción era retransmitida pola radio como contrasinal para comenzar a revolución. Esta é a razón pola que esta canción quedou asociada ao comezo da Democracia en Portugal.
caravel convertiuse no símbolo da Revolución. Cando no amencer, as persoas comezaron a xuntárense nas rúas, apoiando aos soldados sublevados, alguén comezou a repartir caraveis vermellos entre os soldados, que rapidamente os colocaron nos canóns das súas armas como símbolo de que non desexaban disparar.
Esta é a orixe do nome dado a esta revolución.

luns, 22 de abril de 2013

23 de abril

Alguén dixo algunha vez que quen regala un libro regala un tesouro.
 Certo é que non hai maior tesouro que a liberdade que proporciona a lectura ao permitir crear o noso propio mundo no que a imaxinación non ten límites e no que a mente viaxa a os lugares máis
recónditos.
Son moitos os que así opinan, e por este motivo existe un día no que se rende homenaxe a este pequeno obxecto creador de soños.
O Día do Libro comezou a celebrarse en 1995 para renderlle homenaxe, pero tamén para impulsar a venda de libros e protexer a propiedade das persoas que transmiten as súas creacións a través da escritura.
Dende entón, o 23 de abril de cada ano celébrase ese día con acontecementos especiais, no que os autores saen ás rúas a asinar as súas creacións ou presentar as novas e no que por tradición se regala un libro.

Esta é a nosa pequena homenaxe: 

Que é un libro? 

  

domingo, 21 de abril de 2013

Día do Libro


Este martes celebramos en todo o mundo o Día do Libro.
Librarías, bibliotecas, escritores, lectoras e lectores dispoñémonos a desfrutar dun día pensado para render homenaxe a un dos máis grandes inventos da historia da humanidade: O LIBRO.
 Poucas cousas hai mellor pensadas; poucas ferramentas máis funcionais e efectivas  para transmitir o coñecemento ou os soños ca un libro.
Que todos os días e non só o 23 de abril sexan Dia do Libro!