martes, 26 de marzo de 2019

Día da Poesía

A primeira actividade que realizamos en relación con Saco e Arce, foi dedicarlle o Día da poesía
Aínda que se dedicou máis a escribir artigos , libros de lingüística e de filosofía,  escribiu un libro de poesías e  fixo unha recompilación de cantigas, refráns, coplas e contos da literatura popular de Galicia. 
Moitas destas cantigas recolleunas pola zona de Alongos.
 Nós lémolas, escribímolas e ilustrámolas. 

Aquí vos deixamos unha pequena mostra do traballo:


sábado, 23 de marzo de 2019

Saco e Arce

No noso cole todxs sabemos quen foi Xoan Antonio Saco e Arce, para iso a  escola leva o seu nome!
Este ano propuxémonos que tamén o coñezan ao longo e ancho, polo menos,  de toda a contorna.
Porque este ano celébrase o 150 aniversario da publicación da súa "Gramática Galega" que foi a primeira que se elaborou cos criterios científicos máis modernos daquel tempo. Supuxo  un grande avance na descrición da lingua e espallou polo mundo  a noticia da existencia  do galego. Serviu de inspiración para  as gramáticas posteriores, pero, debido a que o galego non era considerado unha lingua para empregar no ámbito científico, foi publicada en castelán.

Ao longo do curso, o alumnado investigará sobre a vida e obra do escritor, faremos un roteiro polos lugares onde estivo e os monumentos que o recordan, e realizaremos outras actividades das que vos daremos conta cando estean preparadas.

Parabéns

PaRaBéNs ao alumnado de 3º de EP e á súa profe, Jessica,  polo PRIMEIRO PREMIO PROVINCIAL que lles acaban de outorgar no 35 Concurso Escolar ONCE
Deseñaron un cartel co lema "Sen ti non hai recreo", un "collage" onde se mostra a cooperación e a inclusión no tempo de recreo . 
Picade na imaxe para velo na web:


E aqui podedes volver a ver a entrada no Bloguesquío

venres, 22 de marzo de 2019

Día da natureza

O 21 de marzo é o Día da Natureza .

Celebramos o Día da árbore coa visita de Xosé Santos, o garda forestal que nos acompaña sempre en todas estas faenas. Este ano, ademáis de arces e cancereixos, trouxonos unha árbore especial.
É especial porque non atoparedes ningunha outra coma ela nos arredores: só existe no Xurés e nalgunhas zonas de Portugal. 
Esperemos que medre á mesma velocidade que medramos nós.
Comprometémonos a coidala e protexela para que chegue a ser unha árbore grande e fermosa.

E tamén nos comprometemos a coidar  as hortalizas que cada un de nós sementou ou plantou no horto. 
A ver cando podemos probar unha das nosas leitugas, cenorias, amorodos ...

mércores, 20 de marzo de 2019

EntreLobos

"Entrelobos" é o título duna película dirixida por Gerardo Olivares en 2010 e na que interveñen actores e actrices moi coñecidos do cinema español.
Narra as peripecias de Marcos Rodríguez Pantoja. Nos anos da posguerra, cando Marcos tiña uns 6 ou 7 anos,  foi vendido (si, como o oídes, ven-di-do) polo seu pai a un pastor. Cando este morreu,  quedou na Serra Morena sen máis compaña que unha manada de lobos e sen máis amigos que un furón e unha curuxa.  Viviu alí ata os 19 anos sen ter contacto cos humanos.
Cando o devolveron á sociedade, caeu en mans de xente que o maltratou. Ríronse del e menospreciárono, por iso di  " foi o momento da miña vida no que pasei máis  medo".
Ata que coñeceu a un galego, co que veu vivir a Rante, un pobo preto de aquí, e onde leva dende hai máis de 15 anos. 
A súa historia foi obxecto de estudios e ten viaxado por moitos lugares para falar sobre as súas peripecias.
O pasado día 20 tivemos a sorte de telo no cole. Vimos a película e
foi un privilexio escoitar as súas historias, os sons  que reproduce só empregando a súa voz e a música que é quen de facer só usando unha palliña... 

Grazas por vir, Marcos. 
E grazas a ti, Santos, por convidalo.

Picando na  imaxe , podedes entrar na páxina web do filme onde falan sobre os actores e actrices,  anécdotas da rodaxe e moitas outras cousas .




E aquí podedes ver a primeira parte da película. Se vos interesa, en YouTube hai tres partes máis:

luns, 11 de marzo de 2019

Cineastas galegas con todas as letras

Alice Guy foia precursora do cinema actual.  Foi a primeira persoa en realizar unha película,  a primeira que empregou o cinema para contar historias. 
Pero, como noutras moitas ocasións, a historia esqueceu o seu papel por ser muller, e deu aos irmáns Lumiere, os inventores do cinematógrafo, todo o recoñecemento. 

Na actualidade, a desigualdade entre homes e mulleres no mundo do cinema segue existindo. 
Non so as actrices, senón tamén as directoras, produtoras, operadoras de cámara ou guionistas atopan diferenzas de salario e de oportunidades con respecto aos homes. E con respecto as nominacións a algún premio, ocorre o mesmo: hai unha maioría aplastante de homes.

"Unha muller que queira dirixir unha película ten moitas menos posibilidades de facelo que un home, aínda que sexa igual de boa, e o mesmo ocorre cos guións"
              Yvonne Blake, Directora da Academia de Cine 

Só na provincia de Pontevedra hai máis de 70 directoras de cine, pero a maioría delas son descoñecidas. 
As mulleres son unha parte moi activa da sociedade e, tamén no mundo do cinema, debemos poñer en valor o seu traballo.

Nós investigamos sobre as mulleres no cinema galego e atopamos cineastas con todas as letras do alfabeto. Picade nas fotos e descubrídeas:

venres, 8 de marzo de 2019

Dia da muller

Fixémonos eco dun programa posto en marcha por un fabricante de xoguetes, chamado  "Close the dream gap",  e que nos chamamos  "Acabemos coa fenda dos soños"
Este programa, coma nos,  pretende desmontar os estereotipos sexistas. 
Para conseguilo,  temos que educar á sociedade sobre os prexuizos de xénero, estereotipos culturais e outros factores que impiden que as nenas alcancen o seu pleno potencial.
E tamén mostrar modelos positivos de mulleres de todas as idades, profesións e condicións sociais para que descubran  todas as oportunidades que poden ter.
E, por suposto, animar a todas e todos a perseguir os seus soños, porque as nenas e os nenos poden facer calquera cousa que se propoñan.

martes, 5 de marzo de 2019

2º Festival de Pequefilmes

Reunidos os membros da Academia de Pequefilmes do CEIP Saco e Arce, tras moitas deliberacións, e despois de valorar a grande calidade das películas presentadas ao 2ºFestival de Cine de Toén
DECIDEN por unanimidade
outorgar os seguintes galardóns:
  • Efrenion a mellor maquillaxe e perruquería  para E. Infantil polo filme "30 e pico dálmatas"

 


  • Efrenion á mellor coreografía e canción adaptada para 1º e 2º de EP polo filme "Cantando baixo a chuvia de Toén"



  • Efrenion ao mellor filme de ficción para 3º de EP pola película "Toén Potter"



  • Efrenion ao mellor guión adaptado para 4º de EP polo filme "Greaseteando"



  • Efrenion ao mellor guión orixinal para 5º de EP polo filme "Os Esquíos de Toén"



  • Efrenion ao mellor deseño de vestiario para 6º de EP polo filme "Como me RÍO"



  • Efrenion de Honra para o Centro de Día de Toén pola súa participación con "Flocos de millo e entradas de cine"

domingo, 3 de marzo de 2019

Desfile de entroido


Os disfraces que estivemos preparando durante as últimas semanas, luciron así de elegantes no desfile previo á representación das nosas "comedias" de entroido.