sábado, 27 de outubro de 2018

Bibliotecas de película

O día da Biblioteca é moi especial .
 Este ano, para celebralo, quixemos render unha pequena homenaxe as bibliotecas, facendo un repaso por algúns destes lugares de estudio e de  encontro de lectores  que nos ten deixado o cinema.
Temos visto  moitos personaxes de películas movéndose por elas. Da igual que sexan comedias, dramas ou thrillers, a acción entre libros é un tema  moi variado.
 As bibliotecas son, o mesmo que o cinema, unha auténtica porta á imaxinación e en moitas películas aparecen como lugares de coñecemento e de axuda para resolver misterios e investigacións.

Queredes acompañarnos no noso percorrido por algunhas das bibliotecas que aparecen nas películas?


Que che pareceron as películas e as bibliotecas que aparecen nelas?
Cal che gusta máis?

venres, 26 de outubro de 2018

Lemos xuntos

A actividade de compartir lecturas  é o punto de partida para que os cativos comecen a interesarse polas historias e pola lectura e para que os maiores se fagan responsables da súa propia aprendizaxe, mellorando a súa autonomía e comunicación interpersoal.
Esta actividade tamén pretende conseguir obxectivos que reforzan o traballo realizado diariamente nas aulas. Entre eles podemos destacar, entre outros, a práctica da lectura expresiva cunha vocalización, entonación e ritmo axeitados, mellorar a comprensión lectora, diferenciar os elementos estructurais dos contos ...
Pero o máis importante é a emoción que reflicten as caras dos padriños e madriñas  e a ilusión con que os afillados agardan o momento de recibir o agasallo feito conto.

xoves, 25 de outubro de 2018

O Cinematomago: ilusión, maxia e... acción

O curso pasado aprendemos o que era o cinematógrafo: un aparello que permite proxectar imaxes creando unha sensación de movemento. 
E todos sabemos o que é un mago, non si? É unha persoa capaz de conseguir cousas extraordinarias cos seus poderes. 
Entón, que é un CINEMATOMAGO
Pois, segundo o Mago Paco, é un personaxe que converte as imaxes en movemento en maxia, así de sinxelo!

Co seu espectáculo, a "maxia do cine" fíxose realidade na nosa biblioteca grazas á ANPA, 
 que o convidou a vir.
A través da maxia, presentounos varias esceas de películas moi coñecidas: ET, Buscando a Nemo,  A Sereíña, A guerra das Galaxias e moitas máis.
Como tivemos que axudarlle nalgúns trucos, descubrimos que no noso cole hai superheroes como Brais, con superpoderes superextraordinarios,  capaces de adiviñar o que lle poñan diante.
Tamén que Lara e Hugo, grazas á telepatía, son quen de concentrarse e transmitir o que están a pensar. Iso sí, tiveron  que axudarse dunha antena para captar mellor as ondas, todo hai que dicilo. 

Tivemos sorte de que non desaparecera ningún de nós , porque os seus trucos son fantásticos!

mércores, 24 de outubro de 2018

24 de Outubro: Xornada festiva

O día 24 de outubro, DÍA DA BIBLIOTECA , quixemos empregalo para dar a coñecer a labor da nosa biblioteca, os seus servizos, os seus recursos e as melloras que estamos levando a cabo.
Tamén quixemos recoñecer e agradecer a labor do  alumnado voluntario  que colabora connosco  nos recreos. Eles foron os que entregaron as mochilas viaxeiras a cada clase para que comecen a súa viaxe e os que entregaron os carnés ao novo alumnado.
Ademáis, mostramos ao alumnado os videos que gravamos e fixemos o sorteo das madriñas e padriños de lectura.


DiaDaBiblio2018 by Slidely Photo Gallery

luns, 22 de outubro de 2018

Benvidos á Biblio

Como por arte de maxia, todos os nenos e nenas quedaron conxelados, (uns máis  ca outros, todo hai que dicilo) coma se foran estatuas para ensinarlle ao mundo a nosa biblio que, como todos sabedes, está en proceso de mellora. 

domingo, 21 de outubro de 2018

A nosa biblio

O Equipo TIC do cole preparou este video onde os nenos e as nenas, dende os máis maiores ata os máis pequenos, dende os máis veteranos ata os recén chegados nos falan da biblioteca do cole.
Que é a biblioteca? 
Que se fai alí?  
Gústalles ir? 
Mirade as súas respostas:

sábado, 20 de outubro de 2018

Semana da Biblioteca

Para que esteades enterados das actividades que levaremos a cabo no cole ao longo desta semana, déixovos o cartel que elaborou o Equipo de Biblioteca: 


Teremos actividades de todo tipo. 

 Para que nos poñamos ao día co noso proxecto interdisciplinar, a Asociación de Familias (AFA) convídanos ao espectáculo "O Cinematomago" no que o mago Paco nos presentará os clásicos do cinema de todos os tempos a través da maxia. 

Seguro que a frase tantas veces escoitada "a maxia do cine" se fará realidade  en directo na biblioteca do cole.