xoves, 18 de xuño de 2020

Un libro na maleta


Si, amiguiñas e amiguiños. Son Efrén e cando marcho de viaxe, non me esquezo de gardar un libro (ou varios ) na miña maleta. Ás veces levo o e-reader porque é unha maneira de levar moooitos libros sen que me pesen...
O caso é que non podo pasar sen ler. 
Na piscina ou na praia, á sombra ou ao sol ou mentres os demais botan unha sesta... 
Agardo que vós fagades o mesmo.
Por iso vos deixo unhas recomendacións, para darvos ideas do que podedes ler este verán.

Tamén podedes acceder á biblioteca dixital e descargar os libros que vos apeteza ler. 

Bicos e, coma di un dos meus amigos, ... Lémonos!

domingo, 14 de xuño de 2020

O patio que soñamos


 
Antes de aparecer o coronavirus nas nosas vidas estabamos inmersos nun proxecto para transformar o noso patio de recreo. Queremos melloralo poñendo o acento en varios puntos que consideramos esenciais: a participación, a inclusión, a igualdade de xénero e a sustentabilidade ambiental, porque para nós e para toda a comunidade educativa, o patio  é tamén  un espazo para a  aprendizaxe.

Primeiro, tanto o alumnado coma o profesorado reflexionamos sobre o patio que soñamos , o que queremos e, o máis importane, o que resulta factible conseguir. 
O patio pode transformarse nun elemento clave para a integración de todo o alumnado, e ademáis a súa transformación pode ser unha oportunidade de traballo colectivo, para unir  a toda a comunidade educativa.

E neso estabamos, asistindo a obradoiros,  contactando con empresas especialistas nestes temas e poñendo as nosas ideas en común. 

Na ligazón que tendes embaixo podedes ver os nosos progresos.



sábado, 13 de xuño de 2020

A disfrutar dun conto, grumetes!

 

Unha vez máis Sabela Gago regálanos un conto .
 Esta vez é de Gloria Sánchez , unha das grandes escritoras 
de literatura infantil e titúlase 10 Piratas, unha aventura divertida cun tono humorístico e cheo de ritmo.
Mirade, mirade ..., 




mércores, 10 de xuño de 2020

Radio Tarabela entrevista a María do Ceo

O último programa de radio deste ano fixémolo dende a casa. Consistiu nunha entrevista á cantante de fados afincada en Ourense María do Ceo, que contestou ás preguntas das nenas e nenos con moito cariño e ademais dedicounos unha canción.
Pero , ao longo da emisión escoitaredes chistes, cuñas publicitarias, e descubriredes o que pensan facer os nenos e nenas de E. Infantil cando remate o confinamento ...
Escoitade, escoitade... RADIO TARABELA NAS ONDAS.

martes, 9 de xuño de 2020

Rumbo a toda vela cara... as illas de lixo?

Todo o que falabamos na entrada anerior é moi fermoso e bucólico: augas azuis, paisaxes fermosas, praias de augas trasparentes...  Pero a realidade dos oceanos é outra ben distinta, e moi preocupante.  OS OCEANOS ESTÁN ENFERMOS!.

Pola súa superficie e as súas profundidades circulan enormes cantidades de lixo que están a ocasionar moitos prexuizos nos ecosistemas mariños. Os plásticos acumúlanse en tal cantidade que acaban formando verdadeiras illas, algunhas máis grandes que  países coma Franza, que se forman arrastradas polas correntes.
O lixo acumúlase en todos os oceanos, pero a mancha máis grande está no Pacífico, entre a costa de California e as illas Hawaii.
Todo o lixo procede da terra, porque os humáns tiramos os desperdicios á auga a través dos sumidoiros, os ríos ...  e sempre acaban chegando ao mar, onde o problema máis importante é que tanto os peixes como as aves se están alimentando deles e, por suposto, intoxicándose. 
É importante que saibades que todos, dende o noso pequeno punto do planeta, podemos facer algo moi grande , simplemente deixando de tirar lixo ao chan e nas correntes de auga.

luns, 8 de xuño de 2020

Día dos Océanos

Os que somos de interior gozamos mirando o mar, o océano. E buscando nos nosos álbumes de fotos atopamos unhas cantas onde vemos imaxes do mesmo oceano dende diferentes sitios , algúns ben alonxados ...🌅  "Un mar que ronca, que ten trenzas, que ás veces anda murcho, que chora por dentro e cala por fóra, e que molla con poemas

"Mares con ondas amarelas, 🌊
con illas coma estrelas,🌟
 mares de plumas que son de auga e mel,🌐
 mares de tinta verde con barquiños de papel."🚤
                                                                  Antonio García Teijeiro

Neste taboleiro tendes recollidas as fotos das que vos falei ao principio:

domingo, 7 de xuño de 2020

Amamos a Natureza

O noso cole está rodeado  de natureza. As nosas casas tamén... 
Será por iso que amamos as árbores, as  plantas e os animaliños grandes e pequenos.
Pero ultimamente notamos que a Nai Terra está un pouco triste ... Non a vemos sorrir. e iso preocúpanos.
Por iso, xs nenxs de E. Infantil  quixeron darlle apertas e  aloumiños,  para que saiba que nos preocupamos por ela e que sempre imos loitar para que a respecten e non a manquen. 


A aprendizaxe debe construirse dende o coñecemento do entorno máis próximo. Por iso,
pedimos ás nenas e nenos de E Primaria que, cando saísen a pasear,  fotografasen árbores e plantas do seu arredor e aprendesen os nomes. Porque resulta máis doado coidar o medio ambiente se o coñecemos e lle chamamos ás cousas polo seu nome.   
E para ver cantos nomes de árbores aprenderon, nada mellor que un xogo coas fotos que mandaron:
 
E tamen atoparon moitas plantas. Cantas podedes recordar?

O horto escolar


Cada vez hai mais escolas que se están animando a ter un horto . Nós témolo dende hai tempo e cada ano sementamos ou plantamos verduras e hortalizas.🍅🌿
Este ano tamén sementamos legumes, patacas  e  plantamos frambuesas
Peeeero... Cando todo estaba comezando a medrar chegou o confinamento... Non puidemos coidalo e... o seu aspecto actual non é moi saudable...😌😒
Gústanos traballar a terra, probar, experimentar e aprender facendo, aínda que hai que ter paciencia para obter os froitos. 
E como a maioría das nosas nenas e nenos viven nunha aldea, adoitan ter unha horta, onde os tomates, leitugas, chícharos, fabas ... e demais hortalizas medran co seu atento coidado, porque non hai nada máis saudable que comer os alimentos que nós mesmos cultivamos ...

sábado, 6 de xuño de 2020

Unha Árbore Senlleira

Sabedes que é unha  "árbore senlleira"?
Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza  etc.) é considerada unha reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e que ten valor científico, cultural, botánico, paisaxístico ou ornamental

No barrio ourensán de As Lagoas podemos admirar a única árbore da cidade que esta inscrita no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. A sobreira de Loña 
Aínda que moitxs ourensáns non coñezan este magnífico exemplar de sobreira, non é unha árbore calquera. 
Leva dando sombra dende hai máis de 400 anos e hai 10 anos foi obxecto dunha homenaxe por parte da Fundación Felix Rodríguez de la Fuente, por iso ao pe da sobreira hai unha placa de recordo..


Altura: 21.4 metros
Perímetro do tronco: 7.27 metros
Diámetro da copa: 22.85 metros

 Non está situada no mellor sitio, parece estar "castigada, mirando á parede" pois está pegada ao muro do CEIP Manuel Sueiro, inxustamente arrinconada, a pesares de ser un monumento natural

venres, 5 de xuño de 2020

Conectemos coa Natureza

Despois de varias semanas cos humanos vivindo confinados nas súas casas🏡, a Natureza parece que empezou a espertar. 🌄 
Coas industrias pechadas, as autopistas sen coches e as rúas baleiras, comezaron a apreciarse os primeiros efectos na mellora da calidade do aire e da auga das cidades. 🌈
Nas cidades grandes🌆, a contaminación que non deixaba ver o azul do ceo, desapareceu e ata se podían ver os montes no horizonte, que antes estaban ocultos polo fume. 🌲🌲
Pero os humanos non só deixamos a nosa pegada nas cidades. 
Nos espazos naturais🌳🌳. incluso nos lugares máis remotos do planeta🌍, o ser humano invade o territorio dos seres vivos que alí habitan. 🐒🌼🐘🐟🌿. 
Pero, nestas semanas,  non houbo escaladores🗻 nen camiñantes, non houbo voos en parapente nen excursións en helicóptero🚁, e apenas pasaban avións✈ nen vehículos a motor. E moito menos cazadores...
E nas redes sociais vimos golfiños🐬 nas costas de Levante, un oso pardo🐻 paseando por unha rúa de Asturias , un xabarín 🐗por Barcelona, cabras montesas🐐 en Albacete e ata unha foca en San Sebastián.  A vida  parecía  querer abrirse camiño🐾
Pode que esta pandemia sexa unha advertencia💢 da natureza , pode que o medio natural nos estea mandando unha mensaxe💬 , porque se non coidamos💚 o medio ambiente, non poderemos coidarnos a nos mesmos😷

Na escola adoitamos reflexionar sobre estes temas, porque , dende pequenos, temos que facernos responsables  do coidado  da nosa contorna, para que ao medrarmos teñamos moi claro que o respecto ao medio ambiente é fundamental.

Neste Día do Medio Ambiente, imos comezar por un xogo para coñecer o que sabemos sobre o respecto e o coidado do medio que nos rodea...






















E podemos continuar vistando a páxina de Sogama, onde atoparedes información, xogos e outros recursos sobre o medio ambiente en galego e inglés.
E, para rematar, podemos escoitar un libro que temos na biblioteca: