xoves, 28 de febreiro de 2019

Chega o ENTROIDO!

Sii..! Chegou o entroido !
E con el chegan os disfraces, a animación, a música e a troula...

martes, 26 de febreiro de 2019

Rosalia de Castro

Con so dous días de diferenza celebramos o Día Intenacional da Lingua Materna e a data de nacemento  de Rosalía, a nai do Rexurdimento Galego.  
  Rosalía volve ás nosas aulas, onde está sempre presente, recorre os  corredores e visita a biblioteca para agasallarnos con recitados e traballos plásticos.

 
Este ano, ademais,  déixovos dous video clips que serven de homenaxe a poetisa no seu día.
 O primeiro é do Concello da Estrada e nel participan músicos e bandas estradenses. É unha declaración de amor ao legado literario da autora, inspirada na composición de Ben E. King "Stand by me". Titúlase "Estás en min".



E o segundo é unha adaptación de MJ Pérez, unha cantautora galega,  da canción "Malamente" doutra Rosalía, pero coa letra do poema "Castellanos de Castilla" da nosa autora. Titúlase "Malaxente". 

venres, 22 de febreiro de 2019

Aprendendo Habilidades Sociais

Sabedes o que é a empatía?
 E a asertividade?

Nós falamos destes e outros conceptos no obradoiro que a Cruz Vermella desenvolveu no colexio para fomentar as habilidades sociais,  porque temos que afacernos a resolver os conflitos dialogando, sen facer uso da forza.
Mediante charlas, xogos e dinámicas de grupo aprendemos sobre valores e actitudes positivas.

  

xoves, 21 de febreiro de 2019

Día da Lingua Materna: Definicións ao noso xeito

No Día Internacional da Lingua Materna atopamos unha triste noticia: cada catorce días morre un idioma. Nos últimos dez anos desapareceron máis de cen linguas. 😔
Para que unha lingua non desapareza, hai que falala, manexar o maior número de palabras que poidamos aprender.
Ti, cando atopas unha palabra que non coñeces, que fas?
Eu penso:  A que me soa? Que me suxire? 
Este proceso ten moito que ver coa imaxinación, o vocabulario, a asociación de ideas, a capacidade de síntese e, por suposto, coa escritura. É un proceso creativo.
Facendo uso de todos estes recursos,   puxemos a proba a nosa creatividade e inventamos definicións para as palabras que nos facilitaron os profes.











martes, 19 de febreiro de 2019

Os Bolechas ElectrECOs

Os Bolechas Electrecos están a visitar moitos coles de Galicia para falar da reciclaxe de RAEE. 
Ah, que non sabedes o que é iso!
Claro, vós non estivestes na nosa biblio o día 18, e por iso non o sabedes...
Son Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos. 
Vos que facedes cando se vos "morren" o ordenador, o teléfono ou a lavadora? 
Deixádelos abandoados na rúa ou no monte? Tirádelos ao colector co resto do lixo? 
Iso é o que fai moita xente, pero non é o correcto porque levan substancias perigosas que contaminan a terra, a auga e o aire.
EcoLoli ensinounos o que hai que facer con eles, porque teñen materiais moi valiosos que se poden reciclar para facer outras cousas. 
Mirade o ben que o pasamos na biblio:

venres, 15 de febreiro de 2019

E ti.. a quen tes no teu corazón?

O amor romántico está pasado de moda!
A amizade é unha parte moito máis  importante da nosa vida.  É un sentimento común a todos os seres humanos Os amigos veñen en todas as formas e tamaños  e ofrecennos cousas diferentes. Están presentes nos bos e nos malos momentos.
 E o máis importante: fannos felices!
Moi poucas veces nos decepcionan!
Repartimos corazóns
Nas aulas, decoramos corazóns, escribimos mensaxes  de amizade e repartímolos entre todos os compañeiros:

Amizade by Slidely Photo Gallery

Tamén vimos xuntos o video que preparou o equipo das TIC coa canción "Eu teño alguén no meu corazón ", de María Fumaça. 
En galego e con lingua de signos.

martes, 12 de febreiro de 2019

Sen ti non hai recreo

Este ano, o alumnado de terceiro e de sexto de primaria participaron no proxecto que a ONCE ofrecía baixo o lema "Por un recreo inclusivo. Por min e por todos os meus compañeiros"

É un programa de sensibilización que axuda a fomentar valores como a solidariedade e o pensamento crítico, o papel activo do alumnado e o traballo colaborativo, para conseguir igualdade de oportunidades paa todas as persoas.


No  patio de recreo alumnos de distintas idades interactúan cos seus iguais nun espazo, poñendo en práctica as habilidades de negociación e mediación de conflictos entre eles.


Como se podería cambiar o patio para mellorar a accesibilidade para os alumnos que o requiran? Como se pode atender a diversidade de necesidades e intereses do alumnado?

Traballamos
Ao longo de varias sesións tratamos o tema da discapacidade, achegando ao noso alumnado a esta realidade.
Visionamos unha curta sobre a vida diaria dos nenos e nenas discapacitadas nun centro escolar cheo de barreiras para eles/as.
Analizamos por equipos o noso patio, detectando barreiras e propoñendo modificacións para que todos/as podamos xogar.
Como tarefa final creamos o noso patio inclusivo ideal.
 Estes son os carteis que elaboraron os nosos alumnos para fomentar e reivindicar a diversidade e inclusión no recreo. 

Cartel de 3EP

Audio-descripción  do cartel

Cartel de 6EP

Audio-descrición do cartel,   

luns, 11 de febreiro de 2019

Pilabots: Reciclar é cousa de todos

A reciclaxe de pilas ten premio!

Grazas a toda a comunidade educativa do cole logramos reunir case unha tonelada de pilas.
Si, si... lestes ben ... 1000 kg de pilas que, grazas  ao noso esforzo non irán a parar a ningún sitio onde contaminen o medio ambiente.
Comezamos a recollida en novembro e, coa colaboración de moita xente, logramos encher unha chea de colectores. 
Despois de pesar os colectores de todos os colexios participantes farán un ranking de quilos recollidos por centro e por alumno. Desa maneira coñeceremos os centros gañadores.

Visitade a páxina da campaña picando na imaxe de embaixo


domingo, 10 de febreiro de 2019

O sabor da aventura está no mar

O noso centro está a participar nos Plans Proxecta da Xunta de Galicia. Un deles chámase "Aliméntate ben" e unha das campañas que o compoñen é "O sabor da aventura está no mar".
Por iso, o xoves pasado visitáronnos o mariñeiro Luis e a mariscadora Mariña que nos falaron das propiedades do peixe.
Ademais de darnos a coñecer a importancia que na nosa dieta teñen os produtos do mar,  tamén nos amosaron  algunhas das especies que viven nos nosos mares e aprendemos a importancia que teñen as profesións que están relacionadas co mar.
Tamén vimos que é moi importante manter en bo estado o medio mariño e protexer as especies que viven nel.
Sabiades que hai peixes que son bos para medrar? E que hai outros que son bos para a vista ou para a intelixencia ? 
Todo isto  e moito máis está no libriño que recibimos como agasallo. 
Nel tamén atoparedes a historia dos Arroases, uns personaxes que teñen superpoderes grazas a comer peixe.
Ademáis, podedes acceder á páxina web da campaña, onde atoparedes xogos, saborosas receitas de cociña ...


domingo, 3 de febreiro de 2019

Receitas con sabor a PAZ

 A boa alimentación é fundamental para unha vida sa. 
Por iso nos metemos na cociña  para elaborar unha serie de receitas que deberían aparecer en calquera libro de cociña que se precie!
Empregamos os mellores ingredentes e, por iso, as nosas receitas son moi apetecibles : arrecenden a respecto, saben a agarimo e ao final deixan un lixeiro regusto a amizade ...
Tratade de preparalas na casa.
Hai para todos os gustos....

venres, 1 de febreiro de 2019

A paz está nos contos


A PAZ tamén está nos contos.
Hai contos que falan da solidariedade, de compartir, de perdoar ...
 E iso foi o que nos mostrou o mestre e contacontos Fran Guede, invitado pola AFA do cole.
Contou historias, cantou cancións, fixo que os nenos e nenas participaran ...

 Todo un éxito, vaia!