domingo, 23 de decembro de 2018

Papa Noel

O Concello de Toén invitou a Papá Noel para que viñera coñecer en directo os desexos das nenas e nenos do cole antes de comezar as vacacións de inverno.
E así o fixo. 
Aparcou o trineo nos arredores do cole e... veu cargadiño de agasallos. 
GRAZAS e... esperámoste o ano que ven!

ChegouPapaNoel by Slidely Photo Gallery

sábado, 22 de decembro de 2018

Nadal cinéfilo

Como bos afeccionados ao cine que somos, non podiamos deixar pasar estas datas sen invitar aos nosos personaxes preferidos a que viñeran ao cole. 
E, aínda que vos pareza unha idea imposible... o Nadal é o que ten... 
Ata aquí se achegaron Brancaneves (sen ananiños, porque dixo que non necesitaba compaña...), a Pequena Serea (que quedou a remollo no río) Dorothy e Toto, o Espantallo, o León e o Home de folladelata (en vez de iren a OZ, dirixíanse a Belén); a Bela Dormente (aínda debe estar metida na cama ), a Bela e a Besta, e ata Drácula . Tamén vimos de cerca aos protagonistas de "Mascotas", a Cincenta na súa carroza e a Peter Pan, o capitán Garfo e Campaiña voando, a Mary Poppins...
E non podía faltar o  ultimo superheroe coñecido... Súper López 
Todos apareceron para formar parte da nosa decoración navideña en forma de bolas para a árbore de Nadal e en forma de figuras do nacemento.
Había tamén uns códigos QR que enlazaban coas películas e puidemos ver un cachiño de cada unha delas nas tablets.


Nadal2019 by Slidely Slideshow

A decoración do comedor tamén estaba moi "currada"... Ademáis da árbore, decorada con productos de alimentación, Sara , axudada polo seu home,  fixo un trineo tirado por un reno onde ía Papá Noel cargadiño de agasallos. 
 Gañamos o 2º premio do concurso organizado polo Concello de Toén...Non vos digo máis...

venres, 21 de decembro de 2018

Ler, no Nadal tamén


Estas son as recomendacións de Efrén para estes días nos que, teremos moooito tempo libre,  mentres agardamos a chegada do Apalpador, Papá Noel, Father Christmas  ou os Reis Magos .
Seguro que as horas se nos fan moito máis curtas se temos un libro nas mans.
E, para os que aínda non mandastes a carta definitiva, non esquezades pedir un libro !

LER E FACER (en tempo de inverno)

domingo, 16 de decembro de 2018

Gravamos con Braulio Bolechas

O pasado 11 de decembro Braulio Bolechas estivo no cole gravando un capítulo do seu programa Brauliotuber co que anda a percorrer todos os coles de Galicia.

O tema foi os traballos do campo. Trouxemos ferramentas e algúns produtos da horta e cantámoslle unha canción.

Estade atentos o día da emisión porque, en cada programa Braulio propón un reto, unha pregunta relacionada co tema do capítulo, e quen a acerte pode gañar un premio.
Entre todos os que contesten correctamente sortearase… un curso de inglés dos Bolechas!

luns, 10 de decembro de 2018

Parabéns aos premiados

Celebramos os 40 anos da Constitución participando no concurso "Unha constitución para todos".
Os premios entregáronse o día 6 de decembro no Auditorio Municipal. 


Noraboa a Marc, Gael e Iker de EI 4a; a David de EI 5a e a Alex de 3º de EP.


Parabéns a todos!

xoves, 29 de novembro de 2018

PequeCientíficos

Os pequenos do centro gozaron tremendamente coas experiencias de "maxia" que lles ofreceu a ciencia das "mestríficas"  e por iso, despois de experimentar na clase, vestíronse de científicos para dar maior realismo, e dispuxéronse a explicar as experiencias para que os demais  aprendesen. 

domingo, 25 de novembro de 2018

!Non! é !NON!

A pesares de todos os avances, en pleno século XXI segue sendo necesario un día coma o 25 de novembro para loitar contra a violencia contra as mulleres en todas as súas formas.

"A violencia de xénero é global, non ten fronteiras. Dase en todos os países e sociedades  e vai dirixida a todas as mulleres , sen distinción de clases, etnias ou grupos (... ) Non hai un perfil de víctima de violencia: o principal factor de risco é SER UNHA MULLER."
(Manifesto da Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo)

Nós quixemos sumarnos á visibilización deste día e realizamos diferentes actividades para desmontar os estereotipos e para que as nenas e os nenos interioricen que o xénero non fai que unha persoa sexa mellor ca outra  e que as mulleres teñen dereito a decidir por elas mesmas e  ser o que queiran ser ...

sábado, 17 de novembro de 2018

A maxia da ciencia

Como cada ano en novembro, adicámonos a promocionar a ciencia en GALEGO na biblioteca. Durante dúas semanas, a ciencia foi a protagonista .
Catro "mestríficas" fixeron varias experiencias relacionadas coa electricidade estática, a densidade, a capilaridade e explicaron ao alumnado os fundamentos científicos das mesmas.

 Os  pequenos gozaron dabondo cos experimentos, e comentaron que "parece maxia".
Maxia, porque o ben que o pasaron aprendendo ciencia foi realmente máxico


Agora tócalles a eles converterse en científicos e amosar  aos seus compañeiros os experimentos que preparen nas aulas.

Pero iso será a próxima semana...

Ata entón ... que a ciencia vos acompañe!

luns, 12 de novembro de 2018

Cientificos de pelicula

Dende sempre, o cine tratou de deixar retratadas na pantalla historias e personaxes  para que sexan recordados e admirados polo seu carácter único e polo seu exemplo de vida.
Moitas veces, a realidade supera  a ficción, e persoas que existiron realmente poden chegar a ser un interesante punto de partida para unha produción cinematográfica- O ámbito científico é unha rama na que se poden atopar historias verdadeiramente inspiradoras.

Estas son algunhas películas baseadas na vida de científicos e científicas de todos os tempos.
                                   1. "Sister Kenny" 1946
Biografía da enfermeira ElizaBeth Kenny que se deu a coñecer cos seur revolucionarios tratamentos para a parálise infantil tras a súa experiencia con pacientes con polio
2. "Galileo" 1975
Galileo Galilei, un brillante matemático e astrónomo do século XVI, contribuiu de maneira decisiva ao desenvolvemento científico. As súas teorías sobre o sistema solar  enfrentárono coas poderosas autoridades eclesiásticas  da época. 
Nesta película podemos velo creando un dos primeiros telescopios e defendendo as teorías de Copérnico 


3."Gorilas en la niebla" 1988

Sigourney Weaver interpreta a Dianne Fossey  unha zoóloga e antropóloga que estudiou aos gorilas nas montañas de Ruanda e traballou en na sua protección e conservación. 
 Título orixinal: Gorillas in the Mist 

 "Una mente maravillosa" 2001

Dirixida por Ron Howard e protagonizada por Russell Crowe é unha das   películas máis coñecidas que mostran a vida de  John  Nash, matemático gañador do Premio Nobel en Economía no ano 1994
(Título orixinal: A Beautiful Mind")




Situada nos primeiros anos do século XX, móstranos   a relación de Einstein co experimentado astrofísico inglés Sir Arthur Eddington que difundiu a Teoría da Relatividade  de Albert Einstein cando este estaba comezando a súa carreira e era aínda pouco coñecido en terras británicas. 

6. "La duda de Darwin" (2009)

Relata a loita interior que viviu o naturalista Charles Darwin a hor ade publicar a súa obra "A orixe Das Especies", un traballo que negaba a creación do universo por parte de Deus. 
(Título orixinal: Creation")



7. "Ágora" 2009
No século IV, Hipatia de Alexandría, filla de Teón (o director da Biblioteca) dirixe unha escola filosófica onde imparte clases de matemáticas, astronomía 

7: "El jardinero de Dios" 
 Narra un periodo da vida do científico austriaco Gregor Mendel, pai da xenética moderna. No seu xardín fixo os seus descubrimentos que non lle foron recoñecidos ata varias décadas despois.
Unha película documental que nos presenta a historia da antropóloga Jane Goodall, unha muller que loitou durante máis de 50 anos de xeito incansable polos dereitos dos animais e pola protección do medio ambiente
9. Temple Grandin 2010


Grandin foi moi eloxiada por ser unha das primeiras persoas con espectro autista en compartir públicamente puntos de vista da sua experiencia personal co autismo. Ademáis é a inventora da "caixa aperta", un dispositivo para tranquilizar a persoas con espectro autista. Tamén é unha grande defensora do benestar dos animais, sobre todo dos animais explotados pola industria gandeira


10. "La teoría del todo"2014

Repasa os inicios do físico Stephen Hawking na universidade, a súa tesis, a súa enfermidade e os seus exitos en materia de divulgación
. (Título original: Theory of Everything "

11. "Descifrando Enigma" 2014

Alan Turing é coñecido por ter descifrado o código da inquebrantable máquina Enigma dos  alemans durante a Segunda Guerra Mundial. Esta película fai un retrato  deste hombre brillante e complicado, un xenio que  axudou a acortar a guerra e salvar miles de vidas.
Titulo orixinal  The imitation game



12. "Marie Curie" 2016
Ao pouco tempo de que a parella Curie recibira o premio Nobel de Fisica, Pierre morre nun accidente e Marie vólcase nos seus estudos científicos nun mundo dominado polos homes e convértese na primeira muller en recibir unha cátedra na Sorbona de París.
                                      13. Figuras Ocultas 2016


Narra a historia real de tres brillantes matemáticas afroamericanas da NASA que contribuiron de maneira fundamental a chegada do ser humano  á lua, pero que foron eclipsadas polos rseus compañeiros masculinos. 

14. Bombshell , la historia de Hedy Lamarr 2017


Considerada na década de 1940 como a muller más guapa do mundo, a mítica actriz fuoi tamén unha grande inventora. Hedy Lamarr, a estrela de  Hollywood,   pasaba as noites no seu laboratorio desenvolvendo patentes para o exército e ata ideou un proxecto de comunicación secreto que axudou ao exército aliado na loita contra os nazis
 O sónar, o GPS, a 'wifi' ou o 'bluetooth' deben moito ás tecnoloxías desenvolvidas por Hedy Lamarr.

domingo, 11 de novembro de 2018

Mmmm... que ricas!

Non todo vai ser traballar! .
 Xogar cos amigos e pasalo ben tamén é importante.
Mentres os profes se  encargaban de facer a fogueira para asar as castañas, os rapaces  tivemos tempo de xogar . Había moitos xogos diferentes e, por grupos, iamos pasando dun a outro acompañados dun profe. 
Os que se encargaron das castañas fixérono moi ben, porque estaban realmente deliciosas.

sábado, 10 de novembro de 2018

Magosto de película

O magosto no cole é moito máis que comer castañas asadas. Facemos moitas outras actividades. 
Este ano, unha delas foi o "tuneo" de castañas.
Como andamos co proxecto sobre o cine, o "tuneo" tiña que relacionarse co tema: profesións, personaxes ...
Había que poñer en marcha a creatividade !
E así, comezaron a chegar ao cole actrices e actores, cámaras, directores e personaxes do máis diverso: personaxes de debuxos animados como Turbo, Madagascar ou o Rei León; de ciencia ficción como E.T. ou Hulk ... 🐿️🐿️
No seguinte video, podedes ver todo o que deu de sí a imaxinación das familias :

martes, 6 de novembro de 2018

Educación Vial: O corazón está do teu lado

A Conselleira de Infraestructuras e Vivenda, acompañada polo alcalde de Toén e outras autoridades visitaron esta mañá o colexio para presentar a campaña de educación viaria da Xunta que ten como lema "O corazón está do teu lado" e ten como obxectivo que os nenos coñezan e respecten as normas de seguridade viaria, fomentando neles hábitos e conductas seguras.
Repartiron entre os rapaces unidades didácticas que inclúen actividades para traballar na escola ao longo do curso e tamén chapas reflectantes para colocar na mochila ou na roupa e facerse ver cando circulen pola estrada _ sempre pola marxe esquerda, o lado onde temos o corazón_ e así evitar accidentes.


Varios medios de comunicación fixéronse eco da visita:





domingo, 4 de novembro de 2018

Xa está aquí ... o Samaín

Nós celebramos o Samaín o venres día 2,  día de defuntos. 
Como sempre facemos, tratamos de relacionar a celebración co tema do noso proxecto anual, o cinema. 

Ao longo de toda a semana, Clara e Sara, ademáis de decorar o comedor dun xeito arrepiante,   cociñaron para nós os pratos máis abraiantes



ComedorTenebroso by Slidely Slideshow

Escribimos un "poemiña" para informar aos nenos das películas nas  que se podían inspirar para elixir os disfraces.

Cada clase preparou o cartel dunha das películas .  


Samaín de pelicula by Slidely Slideshow


As "criaturas" que se achegaron ao cole fixeron un  desfile ao ritmo desa música tenebrooosa que tanto nos gusta.

Os carteis foron pendurados na parede e os rapaces  tiveron que colocarse debaixo do que se relacionaba mellor con cadanseu disfrace.

Cantamos cancións de medo e os alumnos de 6º EP fixeron un esconxuro que, como se faga realidade... non vos quero contar as "pintas" que traerán os profes o vindeiro día...!



E, para os que quixeron vivir unha experiencia inesquecible e pasar medo de verdade, os profes prepararon un "cuarto do terror" . Non sabemos o que había alí dentro pero, pódovos dicir que os que se atreveron a entrar e lograron sobrevivir, saían coas caras esbrancuxadas e cos ollos abertos coma pratos.... 
Non vos digo máis!


OCuartoDoTerror by Slidely Slideshow

Así que, se esta noite oídes o tintinar dunha campaíña 🔔, atrancade fiestras e portas…
 Poida que sexa a Santa Compaña!

sábado, 27 de outubro de 2018

Bibliotecas de película

O día da Biblioteca é moi especial .
 Este ano, para celebralo, quixemos render unha pequena homenaxe as bibliotecas, facendo un repaso por algúns destes lugares de estudio e de  encontro de lectores  que nos ten deixado o cinema.
Temos visto  moitos personaxes de películas movéndose por elas. Da igual que sexan comedias, dramas ou thrillers, a acción entre libros é un tema  moi variado.
 As bibliotecas son, o mesmo que o cinema, unha auténtica porta á imaxinación e en moitas películas aparecen como lugares de coñecemento e de axuda para resolver misterios e investigacións.

Queredes acompañarnos no noso percorrido por algunhas das bibliotecas que aparecen nas películas?


Que che pareceron as películas e as bibliotecas que aparecen nelas?
Cal che gusta máis?

venres, 26 de outubro de 2018

Lemos xuntos

A actividade de compartir lecturas  é o punto de partida para que os cativos comecen a interesarse polas historias e pola lectura e para que os maiores se fagan responsables da súa propia aprendizaxe, mellorando a súa autonomía e comunicación interpersoal.
Esta actividade tamén pretende conseguir obxectivos que reforzan o traballo realizado diariamente nas aulas. Entre eles podemos destacar, entre outros, a práctica da lectura expresiva cunha vocalización, entonación e ritmo axeitados, mellorar a comprensión lectora, diferenciar os elementos estructurais dos contos ...
Pero o máis importante é a emoción que reflicten as caras dos padriños e madriñas  e a ilusión con que os afillados agardan o momento de recibir o agasallo feito conto.

xoves, 25 de outubro de 2018

O Cinematomago: ilusión, maxia e... acción

O curso pasado aprendemos o que era o cinematógrafo: un aparello que permite proxectar imaxes creando unha sensación de movemento. 
E todos sabemos o que é un mago, non si? É unha persoa capaz de conseguir cousas extraordinarias cos seus poderes. 
Entón, que é un CINEMATOMAGO
Pois, segundo o Mago Paco, é un personaxe que converte as imaxes en movemento en maxia, así de sinxelo!

Co seu espectáculo, a "maxia do cine" fíxose realidade na nosa biblioteca grazas á ANPA, 
 que o convidou a vir.
A través da maxia, presentounos varias esceas de películas moi coñecidas: ET, Buscando a Nemo,  A Sereíña, A guerra das Galaxias e moitas máis.
Como tivemos que axudarlle nalgúns trucos, descubrimos que no noso cole hai superheroes como Brais, con superpoderes superextraordinarios,  capaces de adiviñar o que lle poñan diante.
Tamén que Lara e Hugo, grazas á telepatía, son quen de concentrarse e transmitir o que están a pensar. Iso sí, tiveron  que axudarse dunha antena para captar mellor as ondas, todo hai que dicilo. 

Tivemos sorte de que non desaparecera ningún de nós , porque os seus trucos son fantásticos!

mércores, 24 de outubro de 2018

24 de Outubro: Xornada festiva

O día 24 de outubro, DÍA DA BIBLIOTECA , quixemos empregalo para dar a coñecer a labor da nosa biblioteca, os seus servizos, os seus recursos e as melloras que estamos levando a cabo.
Tamén quixemos recoñecer e agradecer a labor do  alumnado voluntario  que colabora connosco  nos recreos. Eles foron os que entregaron as mochilas viaxeiras a cada clase para que comecen a súa viaxe e os que entregaron os carnés ao novo alumnado.
Ademáis, mostramos ao alumnado os videos que gravamos e fixemos o sorteo das madriñas e padriños de lectura.


DiaDaBiblio2018 by Slidely Photo Gallery

luns, 22 de outubro de 2018

Benvidos á Biblio

Como por arte de maxia, todos os nenos e nenas quedaron conxelados, (uns máis  ca outros, todo hai que dicilo) coma se foran estatuas para ensinarlle ao mundo a nosa biblio que, como todos sabedes, está en proceso de mellora. 

domingo, 21 de outubro de 2018

A nosa biblio

O Equipo TIC do cole preparou este video onde os nenos e as nenas, dende os máis maiores ata os máis pequenos, dende os máis veteranos ata os recén chegados nos falan da biblioteca do cole.
Que é a biblioteca? 
Que se fai alí?  
Gústalles ir? 
Mirade as súas respostas:

sábado, 20 de outubro de 2018

Semana da Biblioteca

Para que esteades enterados das actividades que levaremos a cabo no cole ao longo desta semana, déixovos o cartel que elaborou o Equipo de Biblioteca: 


Teremos actividades de todo tipo. 

 Para que nos poñamos ao día co noso proxecto interdisciplinar, a Asociación de Familias (AFA) convídanos ao espectáculo "O Cinematomago" no que o mago Paco nos presentará os clásicos do cinema de todos os tempos a través da maxia. 

Seguro que a frase tantas veces escoitada "a maxia do cine" se fará realidade  en directo na biblioteca do cole.

sábado, 15 de setembro de 2018

Ola, Ola...


Benvidos ao cole rapaces e rapazas, meniños e meniñas, papás e mamás ...

Comezamos con ilusións renovadas e cheos de enerxía para afrontar novos retos con todos vós. 
Coa colaboración e a participación de todos e todas,  o curso será inesquecible, porque... 

Educar é o mesmo 
que poñer un motor nunha barca. 
Hai que medir, pesar, equilibrar...
e poñer todo en marcha.

Pero para iso
un ten que levar na alma
un pouco de mariño,
un pouco de pirata,
un pouco de poeta
e un kilo e medio de paciencia concentrada .

E gústanos soñar
que esa barca - ese neno-,
irá moi lonxe pola auga...

E levará as nosas palabras
cara portos distantes, 
ata illas lonxanas ... 

  (Adaptación dun poema de F. Gainza)

luns, 21 de maio de 2018

Homenaxe a Pura Vázquez

Os alumnxs de 5º e 6º do noso "cole" formaron parte do grupo de cerca de 300 escolares e profesores/as de varios centros da provincia que se achegaron ao Carballiño para, na chamada Insua dos Poetas, render homenaxe a Pura Vázquez, a escritora e mestra ourensana, no centeario do seu nacemento.
Ao longo da mañá, os rapaces lembraron a figura desta poetisa pioneira da literatura infantil e participaron activamente na homenaxe desenvolvendo diferentes actividades coma dramatizacións conxuntas do texto Visitas ao bosque,  xogos literarios e lectura de poemas da autora Amante e O Caracol, así como un obradoiro de creación de poemas.
O acto contou tamén coa actuación do grupo musical "A roda" , que interpretou textos musicados da autora  e rematou diante do monumento dedicado á escritora e a sua irmá Dora no espazo de natureza e cultura da Esgueva .

HomenaxePuraVazquez2018 by Slidely Photo Gallery

Pura Vázquez Iglesias
Carmen Pura Vázquez Iglesias (Ourense, 1918-2006) foi mestra, pioneira da literatura infantil galega e a primeira muller en publicar na lingua propia de Galicia tras a guerra civil. A súa obra abrangue un total de 45 títulos de poesía, narrativa e teatro, centrados no público máis novo.
Académica  da Real Academia Galega desde 1949, recibiu en vida numerosos recoñecementos, entre os que se poden destacar o Premio Trasalba (1996), o Premio das Letras e das Artes de Galicia (2002) ou o nomeamento como socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2005).

xoves, 17 de maio de 2018

VI Romaría das Letras

No ano 2013 fixemos a nosa primeira Romaría das Letras. 
 Parece que  foi onte, pero xa é o noso sexto ano e... os rapaces seguen sorprendéndonos. As actuacións, os bailes e mesmo o vestiario son cada vez máis elaborados.



Educación Infantil: Danza Medieval



Primeiro e Segundo: Vaia casting!
Temos que volver   gravar a obra para que se escoite mellor o que  din os nenos.
En canto o teñamos, poderedes velo

Terceiro: O brincadeiro



Cuarto: Puchiño Vermello



Quinto: Vivamos coma galegos





Sexto: Revisando o Estatuto e Muiñeira de Chantada



Música: O son do ar

venres, 11 de maio de 2018

Mes das Letras

Xa vai mediado o ano de Mª Victoria Moreno, a escritora elixida pola RAG para dedicarlle  o Día das Letras Galegas deste ano.
  A pesares de nacer fóra de  Galicia,   amou a nosa lingua e a nosa cultura e contribuiu a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno e a poñer en valor o uso da lingua, falándoa e escribíndoa ben. 
Tamén foi mestra e participou moi activamente na vida cultural da cidade de Pontevedra, onde viviu dende 1963

Recursos para difundir a súa figura e a súa obra  (picade nas imaxes para seguir os enlaces):


  • Biografía da escritora





  • Materiais e actividades doutros centros






  • Recursos do Seminario Galán








  • Recursos para traballar a figura da autora





  • Xogos interactivos,fichas didácticas








  • Letra e música do rap  do CEIP Antonio Fdz. López de Oural, Sarria







  • Liña do tempo  do IES San Paio de Tui


venres, 4 de maio de 2018

O Maio

Xa chegou o mes de maio e con el unha das tradicións máis ourensás. 
Os maios volveron "florecer" na escola anunciando a chegada da primavera.
Este ano, e por iso de que o musgo é unha planta protexida, decidimos facelos con material de refugallo: papel, cartón, cartolina... engadindo tamén elementos naturais: as flores e os bugallos que achegaron xs nenxs .
Tamén  elaboramos alfombras florais (o recendo a flores aínda  se nota no colexio) que, todo hai que dicilo,  quedaron bastante aparentes.
Os traballos comezaron a semana pasada coa confección da estrutura , o pintado do papel e a elaboración dos deseños para as alfombras e a composición das coplas.

Todxs traballamos arreo, pero o traballo mereceu a pena

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
A free picture slideshow by Smilebox

martes, 1 de maio de 2018

As familias contan... moito

Xs nenxs non chegan sos á lectura. Para ler na primeira infancia precísan aos adultos : as súas voces que suben e baixan, que exclaman, preguntan, contan e cantan...

O libro, o abrazo.  Non creo que exista un "sitio" mais exacto para situar o nacemento da lectura
(Yolanda Reyes)

Contareivos un segredo: ninguén le os contos mellor que unha mamá, un papá ou outro adulto amado por cada nenx.

A empatía, esa posibilidade de emocionarnos coa emoción doutra persoa, apréndese coas experiencias literarias da infancia. E como xs nenxs teñen poucos anos de experiencia, asómanse a experiencia dos maiores a través das historias que viven nas súas voces.

Nós temos moita sorte porque moitas familias están sempre dispostas a achegarse ao cole e poñer en práctica as súas dotes coma contacontos  e ler, non só para xs seus fillxs, senón tamén para xs seus compañeirxs de clase.  




Ademáis de contar os contos coma profesionais, algunhas familias viñeron acompañadas de marionetas, peluches e incluso agasallos para cada nenx.

So podemos dicir MOITAS GRAZAS. Sodes xs mellores!