martes, 22 de marzo de 2022

Poemas a viva voz

A poesía é un xénero literario que nos fai capaces de expresar sentimentos e emocións . Empregando recursos literarios, trasmite beleza e o pracer derivado desta.

Isto é o que nos din sobre a poesía dúas persoas que saben moi ben de que falan:

“Fuente de amor, fuente de conocimiento; fuente de descubrimiento; fuente de verdad, fuente de consuelo; fuente de esperanza, fuente de sed, fuente de vida. Si alguna vez la Poesía no es eso, no es nada”. Vicente Aleixandre, Premio Nobel 1977

La poesía es un viaje: no un viaje fuera de la realidad, sino frecuentemente a lo más íntimo de las emociones, las reivindicaciones y las esperanzas de las personas. La poesía da forma a los sueños de los pueblos y a las expresiones más altas de su espiritualidad; la poesía da también valor para cambiar el mundo”. Irina Bokova, Directora Xeral da Unesco

 Por iso tivemos un recital poético no patio das árbores. Rodeados de natureza e de todos e todas as compañeiras,  cada un de nós recitou o poema que recibiu como agasallo. Descubrimos que todos son de poetas galegxs e teñen relación co mundo das emocións e os sentimentos.

Tamén pintamos un mural nunha das paredes do patio onde escribimos os poemas que recitamos:

 Deixemos que a poesía esperte as nosas  conciencias para construir un mundo libre, xusto e en paz, que boa falta fai!



luns, 21 de marzo de 2022

Agasallos especiais

 Estas caixiñas non pesan moito, non. 

Podería parecer que non conteñen  nada, que están baleiras. 

Pero non é así. 

Conteñen un regalo moi especial. 

                    Un regalo para compartir cos  compañeiros e compañeiras.                         

Atopámolas enriba das nosas mesas e ao abrilas, que achamos dentro?  Pois  un poema, un fermoso agasallo para celebrar o Dia da Poesía dun xeito especial!  Facer algo máis feliz a alguén  custa  moi pouco.

 

                             
 Agora so queda xuntarnos no patio das árbores e facer o noso recital poético.
 Ata pronto !

venres, 11 de marzo de 2022

1ª Reunión dos clubes de lectura

Ao longo desta semana tivemos as primeiras reunións dos clubes de lectura. As reunións foron na biblio e a cada unha asistiu un dos clubes. Cada grupo díxonos o nome  que elixiron  para o clube,  falou sobre o seu libro, falamos sobre o autor ou autora,   comentaron se o tema era ou non do seu agrado ... e fixemos  outras actividades máis lúdicas como resolver un crebacabezas para coñecer os nomes dos outros clubes .

Cadx alumnx recibiu un adhesivo de recordo.

 Clube de 3º de EP : "O mellor clube"

Clube de 4º de EP: "Aventureirxs dos libros"
Clube de 5º de  EP: "Expertxs en lectura"
Clube de 6º  de EP : "Lectores sen rumbo"

Queredes practicar cos crebacabezas
Agora podedes facelos on line. Probade embaixo e a ver quen os resolve mais rápido. Escribide nos comentarios o voso  récord.

xoves, 10 de marzo de 2022

Semana da Muller: Encontro con Baia Fernández

 

Baia Fernandez é unha muller polifacética: é poeta, escritora de teatro e de literatura infantil, terapeuta da risa, adestradora emocional, blogueira, publica videos en tik tok  ... e ademais é unha muller fantástica que se prestou, sen dicir un pero, a compartir  o seu tempo connosco, mellor dito, a regalarnos o seu tempo, e contarnos cousas sobre as emocións, sobre os seus traballos e as súas obras literarias.

Para preparar o encontro, a profe Maite presentounos  na Hora de Ler o seu libro "Laia", un conto cunhas fermosas ilustracións de Leandro Lamas  e que trata sobre a necesidade de coñecerse e valorarse a un mesmo sen importar o que os demais pensen, e mostrando ademais respecto pola natureza .

Tamén cantamos a canción que compuxo a Mestra Lidia baseándose  no libro:

 

Para darlle unha sorpresa a Baia, estivo connosco a profe Rebeca, á que lle dedicou un poema no seu libro "Unha viaxe de ruminantes", poesía que nos recitou ao final do encontro.

O alumnado estivo moi atento durante toda a conversa e fíxolle numerosas  preguntas para coñecela un pouco mellor. Esta especie de entrevista, as súas respostas e o recitado do poema poderedes escoitalos en breve a xeito de podcast na Radio Tarabela.

martes, 8 de marzo de 2022

O día da cor morada.

 A cor morada é a que representa as reivindicacións do Día da Muller dende os anos 60 ou 70 do pasado século. 

Por iso no cole quixemos reivindicar a igualdade entre nenas e nenos,  mulleres e homes levando unha pulseira de cor morada. 

Ángela, a monitora do grupo de madrugadoras axudou ás nenas a facer  flores para regalar a todas as mulleres do cole. 

Seleccionamos libros e fixemos "lecturas en feminino"

E preparamos dous xogos interactivos:

Profesións de mulleres : Ruleta das palabras . A ver cantas profesións es quen de adiviñar.  Serás quen de completar o rosco?

Mulleres tiñan que ser!  Froggy jumps :  Le as pistas e adiviña a cal das tres mulleres fan referencia

domingo, 6 de marzo de 2022

Nova mensaxe de Efrén

 Parece ser que Efren,  "a super estrela do cole", coma el di , ten algo que dicirvos porque acabamos de recibir unha nova mensaxe  :

"Nenas e nenos,  paseino moi ben na vosa festa de entroido. Grazas por invitarme.

  Agora  chega miña invitación para vós . Como que para que?   Fixestes o que vos pedín?  Xa tendes nome para o voso grupo? "

No video  que acompañaba a mensaxe tendes máis información, así que  mirádeo con atención...

martes, 1 de marzo de 2022

Festa de entroido

Moitas foron as emocións que se achegaron a celebrar o entroido connosco. Paseáronse polo patio  facendo das súas  ...
Máis de sete  puidemos contar !
Ata apareceu o Monstro de cores para poñer un pouco de calma ...
Sentimentos doces,
sentimentos salgados,
todos ao redor
todos con significado
A tristura, o medo e a avaricia
A sorpresa,  a alegría e o enfado, 
aparecen como visitantes inesperados