domingo, 31 de outubro de 2021

Que sentes na biblioteca?

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e nenos do cole, será a primeira biblioteca que coñezan. Nela tomarán contacto cos libros e a lectura por primeira vez e, se o facemos ben, converterase nun espazo de lecer e tamén de coñecemento.

Preguntámoslles a todas que emocións lles produce a biblioteca, como se senten cando están alí,  e descubrimos que a maioría  teñen sentimentos positivos : emoción, alegría, tranquilidade...

xoves, 28 de outubro de 2021

Contos por videoconferencia

 A ANPA do cole agasallounos cunha sesión de contacontos por
videoconferencia a cargo de Uxía Morán na que o alumnado interactuou en todo momento con ela.

Contos que promoven a igualdade entre nenas e nenos e que tratan de erradicar os sentimentos que xeran violencia e actitudes agresivas tanto na casa coma na escola, contos que tratan de sensibilizar sobre a existencia de micromachismos que seguen creando diferenzas de trato entre nenas e nenos e que tratan de  concienciar sobre o papel da muller na sociedade, en concreto no acceso a determinadas profesións e na doble xornada laboral fóra e dentro do fogar.

Contos como ·Chámome Pecas· de Raquel Díaz Reguera, ·Max e os superheroes· de Rocío Bonilla, ·Guapa· de Canizales e ·Artur e Clementina· de Adela Turin.


Moi agradecidas/os quedamos.

domingo, 24 de outubro de 2021

Regáloche un préstamo

 Unha vez máis preparamos a actividade do "amigo invisible", esta vez rodeadas de emocións por todas partes.

Seleccionamos libros relacionados coas emocións, fixemos o sorteo para ver a que compañeira ou compañeiro lle tiñamos que "regalar" o libro que eliximos, envolvémolo e Efrén e as axudantes de biblioteca  repartiron os regalos polas aulas.

Ademais das emocións que que conteñen os libros que seleccionamos, recordaremos as que sentimos ao elixilos, ao preparalos e  as que sentiron os nosos compañeiros ao recibilos .

Agárdanos unha fin de semana do máis emocionante! 

mércores, 20 de outubro de 2021

Contos compartidos

 Despois de case dous anos sen poder contar contos ás compañeiras e compañeiros máis pequenos, este curso retomamos a actividade das Lecturas Compartidas, aínda que con certos cambios.

Aínda non podemos facer o apadriñamento lector como máis nos gusta: cos nosos afillados ou afilladas ao noso carón... pero sí podemos amadriñar unha clase. 

Algunhas das axudantes de biblioteca  contaron contos ao alumnado de E. Infantil. E todxs quedaron moi contentxs. 



Efrén tamén contou contos nas aulas, pero el usou o Kamishibai

luns, 18 de outubro de 2021

Día das Mulleres Escritoras

 Olga BlancoFina CasalderreyMaría Canosa, Zeltia Figueiras son exemplos de escritoras galegas que nos emocionan, nos fan vivir aventuras inesquecibles ou nos deleitan cos seus poemas.

 Todas  as escritoras que forman parte da nosa biblioteca teñen o noso recoñecemento. Pero noutros tempos as mulleres que se dedicaban a escribir non tiñan tanta sorte e tiveron que agocharse detrás de nomes masculinos ou asinar so coas iniciais do seu nome para non seren recoñecidas.

Por iso o luns 18 de outubro celebramos o Día das escritoras, que son tan importantes ou máis ca os escritores, sobre todo no tocante á literatura infantil . 

 Na biblio fixemos unha selección de libros nos que as emocións son as protagonistas. Todos están escritos por mulleres, algunhas son galegas e outras non. 

A nosa proposta é que o alumnado elixa un dos libros e investigue sobre a muller que o escribiu. Seguro que acharemos  datos ben interesantes sobre cada unha delas.


E aí andamos, aínda investigando sobre o tema ...

mércores, 6 de outubro de 2021

Mes da Biblioteca

O mes de outubro o cole énchese de actividades dedicadas a festexar o día da Biblioteca que é o 24 de outubro. A "semana grande" este ano é a do 18 ao 24 de outubro.

 As e os axudantes de biblio tiveron a primeira reunión  para coñecer en que consistirán as súas labores de colaboración nos recreos e recibiron cadanseu horario e, ademáis do cartel institucional, tamén presentamos o cartel que fixemos no cole e no que se anuncian algunhas das actividades que imos realizar.