xoves, 1 de decembro de 2016

25N: A escada da igualdade

Despois de ver a curta "A escada da violencia", pareceunos moi acaído traballar a igualdade entre nenos e nenas, homes e mulleres .
A cada clase démoslle un chanzo e tiveron que decoralo  cun lema que fixese referencia a igualdade, a amizade, o bo trato...
 Con todos os chanzos construímos a Escada da Igualdade
Nas clases de  EI, as profes  explicaron que os homes e as mulleres poden facer os mesmos traballos .



Rematamos cantando a canción Respecta e tolera (Marcando o ritmo coa música da canción  "We will rock you" de Queen):
Estamos en contra da violencia
xuntos dicímolo a VIVA VOZ
está nas túas mans, voucho a explicar
calquer conflicto se pode arranxar.
Frea a Violencia
Respecta e Tolera.

martes, 15 de novembro de 2016

Magosto en Toén: castañas e xogos

Como é tradicional por estas datas, xuntámonos todos no patio para festexar o magosto.
Mentres Bea e a profe Lali atendían as castañas para que non se queimaran, os nenos (e nenas) xogamos un anaco á corda, ao pano, os zancos, o Papacastañas e fixemos carreiras de sacos. porque a festa non sería tal sen contar cos xogos populares,
Pasámolo de medo!
Pero o que máis nos gusta, dende logo, é correr tralos compañeiros para tiznarlles a cara cos restos da fogueira .


Magosto 2016 - CEIP Saco e Arce by Slidely Slideshow

Polo magosto, castañas

Efrén converteuse en castañeiro e cociñou todas as castañas que trouxeron os  nenos e nenas.
Xa viñan moxetadas para que non estouparan e...
Que pensabades? que falaba de castañas de comer?
Pois non ...
falo das  plantillas de castaña que todos levamos á casa para decorar e pedir a colaboración  da familia para escribir un refrán , adiviña  ou cantiga referida ao magosto ou a castaña.
Colocámolas nun taboleiro para que  puidésemos ler todas as achegas.


Magosto2016 by Slidely Slideshow

domingo, 6 de novembro de 2016

Samaín de medo...

Siiii,... de medo!
De medo o pasamos asustando aos amigos e aos profes!
Samain by Slidely Slideshow

E de regalo... un conto terrorífico... "CADAVERCITA ROJA"
A ver se vos gusta ... e non morredes de medo!

Polo Samaín: Quimica Siniestra

O cole, como cada último día de outubro, encheuse de corvos negros, pantasmas, vampiros,  ratas  e monstros  para festexar o día dos espíritus.
Este ano, como introdución ao noso proxecto anual,  non podían faltar os científicos maléficos que prepararon apócemas siniestras para enmeigar a profes e nen@s e transformalos en criaturas aterradoras,  alterando os seus xenes e provocando mutacións nos seus corpos.....


Apocemas by Slidely Photo Gallery


No seguinte video podedes ver unha mostra dos esconxuros:

Lecturas compartidas

Os días de Lecturas Compartidas son esperados con ilusión por maiores e pequenos.
Atopar un libro que lle guste ao noso afillado ou afillada pode ser algo complexo, pero na biblioteca buscamos o libro que nos parece máis axeitado e ... comezamos a aventura!
A algúns gústalles ler e grupo e a outros por parellas, a unhas gústanlle os libros de animais e a outras de princesas... o caso é dar co libro e o lugar que máis nos guste...


LecturasCompartidas by Slidely Photo Gallery

luns, 31 de outubro de 2016

As mochilas comezan a andaina


Un ano máis as Mochilas Viaxeiras comezan a súa nadaina de casa en casa. 

Para os que non coñecedes a actividade, direivos que a Mochila que a vosa filla ou fillo levará á casa pretende proporcionar un motivo de encontro entre os membros da familia tomando como motivo o mundo dos libros e a lectura. 
A Mochila permite aos nenos e nenas levar á casa, en préstamo temporal (unha semana),  uns materiais que pretenden reforzar o vínculo entre a escola e a familia na súa labor común de formación dos lectores máis novos.
No interior da mochila vai a lista dos materiais que contén e unha folla que pretende ser un diario de viaxe. Os nenos completarán esta folla escribindo (a poder ser polos dous lados) sobre os materiais que máis lles chamaron a atención e vós podedes facernos chegar a vosa opinión sobre a actividade,

Esperamos que vos ilusione tanto como a eles!


Recordade  que é moi importante comprobar que todos os materiais estean de novo dentro da Mochila antes de devolvela á escola.

domingo, 30 de outubro de 2016

Madriñas e Padriños de Lectura

Os maiores prepararon con moita ilusión as súas tarxetas de agasallo para que os máis pequenos os elixisen como madriñas e  padriños lectores.

TArxetasApadriñamentoLEctor by Slidely Photo Gallery
Levamos a cabo o sorteo e ... todos contentos! Sobre todo os que xa participaron nesta actividade en anos anteriores.
Para os máis pequenos é unha novidade, pero seguro que non olvidarán estas Lecturas compartidas.


eliximosPadrinhos by Slidely Photo Gallery

luns, 24 de outubro de 2016

Dia da Biblioteca 2016

Hoxe celebramos o Día da Biblioteca. Este ano as autoras seleccionadas para a redacción do pregón e o deseño do cartel  foron   Ledicia Costas   e Elena Odriozola   . O acto conmemorativo celébrase  na Biblioteca Rexional Joaquin Leguina de Madrid. Como nos queda un pouco lonxe, invitámosvos a achegarvos a nosa BE e gozar das actividades que temos programadas.

Velaquí o texto de Ledicia na súa versión en galego:

luns, 3 de outubro de 2016

A vosa opinión importa

       
Imaxe do Blog Xoeliki.com
 Tendes algunha idea para mellorar o funcionamento da BE?

Queredes que merquemos un libro que vos gusta?

Apetécevos que realicemos algunha actividade en concreto? 

Ofrecémosvos un novo servizo no Bloguesquío : O buzón de suxestións. 


Picade na imaxe e seredes levados a páxina .

 So tendes que cubrir o formulario e envialo.

 A vosa opinión é importante. Terémola en conta.

sábado, 1 de outubro de 2016

Maxia ou ciencia?

29 de setembro : "Ilusionismo, maxia ou ciencia?"  nos Xardins do Posío

Na exposición de Cosmocaixa descubrimos moitas cousas interesantes sobre o funcionamento do noso cerebro e as maneiras de "enganalo" .
 Iso é  precisamente o que fan os magos: recurrir á ciencia para enganar ao noso cerebro creando ilusións ,  que son unha  combinación do que perciben os nosos sentidos e o que a nosa mente espera percibir.
A realidade que percibimos está construída a partires dos sinais que nos chegan a través dos sentidos. Todo o que percibimos, pensamos e coñecemos debémosllo ao noso cerebro. 
 E o noso cerebro, como descubrimos na exposición, traballa dunha maneira moi curiosa. Está preparado para seleccionar a información que máis lle interesa, completando o que falta e facendo as súas propias deduccións. Desta maneira, aforra esforzos, pero tamén provoca fallos nas interpretacións. 
O ilusionismo toma ventaxa destas fallos para contradicir as leis da física e a lóxica. Os trucos que practican os magos baséanse na observación e a experimentación e usan coñecementos científicos da física, as matemáticas ou a psicoloxía para manipular a nosa mente.
No seguinte video podedes facervos una idea do que vimos na exposición:


Maxia ou ciencia? by Slidely Slideshow

mércores, 28 de setembro de 2016

Tolos pola Ciencia


Pois... xa nos decidimos !

Este ano, o noso Proxecto Anual estará dedicado ao mundo das CIENCIAS.

Seguro que vai resultar gratificante para todos e todas, porque aprenderemos a través de experiencias que combinen o rigor científico co entretemento.
A ciencia non é unha actividade alonxada das actividades cotiás. Está ao noso redor e cada día utilizamos o pensamento científico  elaborando  hipóteses (que palabra máis rara!)  comprobándoas mediante o método de proba+erro e facendo preguntas, moooitas preguntas.
Así é como descubrimos  o mundo  que nos rodea e as súas leis.

Efrén xa ten preparado o laboratorio e todos os seus trebellos para demostrar que se pode aprender pasándoo de marabilla.

domingo, 25 de setembro de 2016

Ola de novo ...

Ola, amigas e amigos, 
Aqui estamos outra vez tralo descanso do verán, tralas horas de piscina ou de praia (que este ano abofé que foron moitas, grazas ao tempo que veu) e tralas horas pasadas diante das tabletas, ordenadores e consolas... e estou seguro de que  diante dalgún bo libro...
Comezamos, coma sempre con moitas gañas de falar, escoitar, descubrir novas cousas, relacionar a aprendizaxe teórica coa súa aplicación real... é dicir,  APRENDER.

Xa  estou preparando os carnés dos novos lectores e novas lectoras e comecei a preparar as mochilas viaxeiras. Agora estamos moi ocupados decidindo en que proxecto imos traballar este curso. 
Xa vos irei contando...

Vémonos na Biblio!