luns, 16 de novembro de 2020

NÓS naceu en Ourense



En  1920 nacía en Ourense a revista NÓS, un proxecto cultural impulsado por Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao e Losada Diéguez . Editouse ata 1935 e apostaba por fortalecer  a cultura e literatura galega,  crear conciencia do valor do noso e consolidar a lingua galega como medio de expresión no ámbito 
científico

O 30 de outubro saíu á luz o primeiro número da publicación, que sempre en lingua galega, trataba temas tan diversos como a etnografía, a ciencia, a arqueoloxía xunto a tradución de filósofos alemáns, novidades artísticas doutros paises europeos ou versións de obras da literatura universal

Con motivo deste centenario na ourensá rúa do Paseo inaugurouse unha mostra que poderá visitarse ata o 30 de novembro e que ten como obxectivo dar a coñecer o que esta xeración literaria supuxo para Ourense e para a cultura galega.

Revista Nos by Ceip Saco e Arce on Scribd

 
Os exemplares da Revista poden consultarse na  Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana.

domingo, 1 de novembro de 2020

Noite das ánimas

 Samaín, Noite de Defuntos, Noite dos mortos, Festa dos calacús ... En Galicia temos moitos nomes para referirnos á mesma data . 

Para qué queremos chamarlle Halloween? Deixemos iso para a clase de inglés...

E, coma todos os anos, as pantasmas, monstros e demos viñeron ao cole,  pero respectando as normas.

Cabazas, calacús ... como lle chamas ti?

Coma todos os anos, aproveitamos a celebración do Samaín para facer unha exposición de cabazas. 

Este ano, por aquilo do virus, pedimos que viñesen decoradas, non talladas... 

A imaxinación non ten límites...

mércores, 28 de outubro de 2020

Efrén contacontos

 Na semana da Biblioteca, Efrén quixo regalarlles ás nenas e nenos uns contos.                                             

Pasou pola biblioteca para elixilos e contóullelos con moita profesionalidade. 

martes, 27 de outubro de 2020

Xeografías Lectoras: Atlas de Lugares Imaxinarios

 A literatura ofrécenos a posibilidade de visitar innumerables mundos e lugares que só existen na imaxinación dos escritores que os crearon. 

Agora que as viaxes están limitadas e que so podemos movernos  dentro do noso concello, os libros permítennos chegar tan lonxe como queiramos. Non teñades reparo en asomarvos a novas lecturas, a novos mundos. Así que, collede un libro e COMEZADE A VIAXE!

Elaboramos este Atlas de Lugares Imaxinarios  para que a vosa imaxinación se poña en marcha...

Cantos destes lugares tendes visitado? 

A onde vos levou a vosa última lectura?

Esperamos as vosas respostas  (pica na ligazón e responde o cuestionario)


sábado, 24 de outubro de 2020

As mulleres contan moito

 E tanto que contan!

Contan en todos os campos, pero na Literatura infantil contan moito.

 E na nosa biblio hai moitas escritoras que nos encantan.

Algunhas son da nosa terra e outras dun pouco máis lonxe, pero os seus libros gústannos por igual.

No Día da Biblioteca, quixemos facerlles unha pequena homenaxe a todas estas mulleres que nos fan vivir aventuras, fannos rir, cantar, tremer de medo ou emocionarnos ... e  tamén viaxar aos lugares que visitan os seus personaxes.

Seleccionamos libros na biblio e investigamos sobre as autoras para saber algo da súa vida, das súas obras e da súa procedencia. Descubrimos que moitos dos seus libros están traducidos a gran número de idiomas. Situamos as autoras elixidas nun mapa para coñecer un pouco de xeografía a través destas mulleres. E xuntámonos na biblio co noso  "grupo burbulla" para ler un fragmento dunha das súas obras.

luns, 5 de outubro de 2020

Adeus, Quino! Esta é a nosa homenaxe.

 

Dende o outro día o noso planeta, ese que con tanto esmero coida Mafalda, amaneceu un pouco máis triste, coa noticia do pasamento de Quino, unha boa persoa  e un dos mellores humoristas gráficos do idioma español. 

Quino nunca tivo fillos, pero ninguén dubida de que Mafalda foi a mellor descendente que puido ter. Esta pequena, que naceu en 1964, e as súas mensaxes irónicas e contestatarias, que fan pensar á xente e defenden  un mundo mellor, fixérono inmortal. 

As inquedanzas desa nena tan inconformista seguen sendo as mesmas que nos preocupan hoxe en día: o feminismo, a democracia, a paz, a ecoloxía ...

Quino, que a tinta da terra che debuxe unha eternidade alegre como a que ti nos regalaches  durante tantos anos. E, cando chegues a onde queira que vaias, dalle unha aperta a Castelao e outra a Forges.  

Disfrutemos da Biblio, pero con sentidiño!

A Biblio volve estar aberta, pero para usala imos ter que seguir un protocolo que impida que o virus "acampe" entre os libros e nos dea un susto.


PROTOCOLO da Biblio ante o COVID-19

Pronto estarán tamén en marcha as mochilas viaxeiras e as "bolsiñas" de infantil.

martes, 29 de setembro de 2020

Día das Linguas

Celebrade connosco o Día Europeo das Linguas!

Ao longo da semana quixemos celebrar a diversidade lingüística  e cultural de Europa, reflexionando sobre a importancia de aprender linguas dende ben novos e ao longo de toda a vida e quixemos poñelas en valor, aínda  que sexan minoritarias. 

Aprender novos idiomas tanto dentro coma fóra da escola,  enriquece a nosa vida persoal e social e, ademáis de polo propio pracer, hai moitos motivos para facelo: necesidades profesionais, realizar estudios ou intercambios, viaxar ...

luns, 14 de setembro de 2020

Comezamos: Benvidas ao cole

Efrén, que adoita estár na Biblio dedicado aos seus labores,   quixo dar a benvida a todas as nenas, nenos e profes neste comezo de curso no que, xa todas sabemos por que, teremos que asimilar novas  normas, novas formas de comportamento e, esperemos que non, novas formas de aprendizaxe (que xa practicamos o curso pasado).

E fíxoo  preparado con todos os medios de prevención, como facemos todas e todos : máscara, pantalla e xel nas mans.

De tódolos xeitos, somos optimistas  e  agardamos que  sexa un ano coma todos os demais:  cheiño de novas propostas, novas actividades e  coma sempre... cheíño de soños.

xoves, 18 de xuño de 2020

Un libro na maleta


Si, amiguiñas e amiguiños. Son Efrén e cando marcho de viaxe, non me esquezo de gardar un libro (ou varios ) na miña maleta. Ás veces levo o e-reader porque é unha maneira de levar moooitos libros sen que me pesen...
O caso é que non podo pasar sen ler. 
Na piscina ou na praia, á sombra ou ao sol ou mentres os demais botan unha sesta... 
Agardo que vós fagades o mesmo.
Por iso vos deixo unhas recomendacións, para darvos ideas do que podedes ler este verán.

Tamén podedes acceder á biblioteca dixital e descargar os libros que vos apeteza ler. 

Bicos e, coma di un dos meus amigos, ... Lémonos!

domingo, 14 de xuño de 2020

O patio que soñamos


 
Antes de aparecer o coronavirus nas nosas vidas estabamos inmersos nun proxecto para transformar o noso patio de recreo. Queremos melloralo poñendo o acento en varios puntos que consideramos esenciais: a participación, a inclusión, a igualdade de xénero e a sustentabilidade ambiental, porque para nós e para toda a comunidade educativa, o patio  é tamén  un espazo para a  aprendizaxe.

Primeiro, tanto o alumnado coma o profesorado reflexionamos sobre o patio que soñamos , o que queremos e, o máis importane, o que resulta factible conseguir. 
O patio pode transformarse nun elemento clave para a integración de todo o alumnado, e ademáis a súa transformación pode ser unha oportunidade de traballo colectivo, para unir  a toda a comunidade educativa.

E neso estabamos, asistindo a obradoiros,  contactando con empresas especialistas nestes temas e poñendo as nosas ideas en común. 

Na ligazón que tendes embaixo podedes ver os nosos progresos.