luns, 31 de outubro de 2016

As mochilas comezan a andaina


Un ano máis as Mochilas Viaxeiras comezan a súa nadaina de casa en casa. 

Para os que non coñecedes a actividade, direivos que a Mochila que a vosa filla ou fillo levará á casa pretende proporcionar un motivo de encontro entre os membros da familia tomando como motivo o mundo dos libros e a lectura. 
A Mochila permite aos nenos e nenas levar á casa, en préstamo temporal (unha semana),  uns materiais que pretenden reforzar o vínculo entre a escola e a familia na súa labor común de formación dos lectores máis novos.
No interior da mochila vai a lista dos materiais que contén e unha folla que pretende ser un diario de viaxe. Os nenos completarán esta folla escribindo (a poder ser polos dous lados) sobre os materiais que máis lles chamaron a atención e vós podedes facernos chegar a vosa opinión sobre a actividade,

Esperamos que vos ilusione tanto como a eles!


Recordade  que é moi importante comprobar que todos os materiais estean de novo dentro da Mochila antes de devolvela á escola.

domingo, 30 de outubro de 2016

Madriñas e Padriños de Lectura

Os maiores prepararon con moita ilusión as súas tarxetas de agasallo para que os máis pequenos os elixisen como madriñas e  padriños lectores.

TArxetasApadriñamentoLEctor by Slidely Photo Gallery
Levamos a cabo o sorteo e ... todos contentos! Sobre todo os que xa participaron nesta actividade en anos anteriores.
Para os máis pequenos é unha novidade, pero seguro que non olvidarán estas Lecturas compartidas.


eliximosPadrinhos by Slidely Photo Gallery

luns, 24 de outubro de 2016

Dia da Biblioteca 2016

Hoxe celebramos o Día da Biblioteca. Este ano as autoras seleccionadas para a redacción do pregón e o deseño do cartel  foron   Ledicia Costas   e Elena Odriozola   . O acto conmemorativo celébrase  na Biblioteca Rexional Joaquin Leguina de Madrid. Como nos queda un pouco lonxe, invitámosvos a achegarvos a nosa BE e gozar das actividades que temos programadas.

Velaquí o texto de Ledicia na súa versión en galego:

luns, 3 de outubro de 2016

A vosa opinión importa

       
Imaxe do Blog Xoeliki.com
 Tendes algunha idea para mellorar o funcionamento da BE?

Queredes que merquemos un libro que vos gusta?

Apetécevos que realicemos algunha actividade en concreto? 

Ofrecémosvos un novo servizo no Bloguesquío : O buzón de suxestións. 


Picade na imaxe e seredes levados a páxina .

 So tendes que cubrir o formulario e envialo.

 A vosa opinión é importante. Terémola en conta.

sábado, 1 de outubro de 2016

Maxia ou ciencia?

29 de setembro : "Ilusionismo, maxia ou ciencia?"  nos Xardins do Posío

Na exposición de Cosmocaixa descubrimos moitas cousas interesantes sobre o funcionamento do noso cerebro e as maneiras de "enganalo" .
 Iso é  precisamente o que fan os magos: recurrir á ciencia para enganar ao noso cerebro creando ilusións ,  que son unha  combinación do que perciben os nosos sentidos e o que a nosa mente espera percibir.
A realidade que percibimos está construída a partires dos sinais que nos chegan a través dos sentidos. Todo o que percibimos, pensamos e coñecemos debémosllo ao noso cerebro. 
 E o noso cerebro, como descubrimos na exposición, traballa dunha maneira moi curiosa. Está preparado para seleccionar a información que máis lle interesa, completando o que falta e facendo as súas propias deduccións. Desta maneira, aforra esforzos, pero tamén provoca fallos nas interpretacións. 
O ilusionismo toma ventaxa destas fallos para contradicir as leis da física e a lóxica. Os trucos que practican os magos baséanse na observación e a experimentación e usan coñecementos científicos da física, as matemáticas ou a psicoloxía para manipular a nosa mente.
No seguinte video podedes facervos una idea do que vimos na exposición:


Maxia ou ciencia? by Slidely Slideshow

mércores, 28 de setembro de 2016

Tolos pola Ciencia


Pois... xa nos decidimos !

Este ano, o noso Proxecto Anual estará dedicado ao mundo das CIENCIAS.

Seguro que vai resultar gratificante para todos e todas, porque aprenderemos a través de experiencias que combinen o rigor científico co entretemento.
A ciencia non é unha actividade alonxada das actividades cotiás. Está ao noso redor e cada día utilizamos o pensamento científico  elaborando  hipóteses (que palabra máis rara!)  comprobándoas mediante o método de proba+erro e facendo preguntas, moooitas preguntas.
Así é como descubrimos  o mundo  que nos rodea e as súas leis.

Efrén xa ten preparado o laboratorio e todos os seus trebellos para demostrar que se pode aprender pasándoo de marabilla.

domingo, 25 de setembro de 2016

Ola de novo ...

Ola, amigas e amigos, 
Aqui estamos outra vez tralo descanso do verán, tralas horas de piscina ou de praia (que este ano abofé que foron moitas, grazas ao tempo que veu) e tralas horas pasadas diante das tabletas, ordenadores e consolas... e estou seguro de que  diante dalgún bo libro...
Comezamos, coma sempre con moitas gañas de falar, escoitar, descubrir novas cousas, relacionar a aprendizaxe teórica coa súa aplicación real... é dicir,  APRENDER.

Xa  estou preparando os carnés dos novos lectores e novas lectoras e comecei a preparar as mochilas viaxeiras. Agora estamos moi ocupados decidindo en que proxecto imos traballar este curso. 
Xa vos irei contando...

Vémonos na Biblio!

mércores, 29 de xuño de 2016

Fin de curso en San Simón

Ao saír do museo de Meirande  collemos un barco para ir á illa de San Simón. En realidade son dúas illas, unidas por unha ponte de pedra.


Son unhas illas con moita historia:


  • No  século XII estiveron habitadas por monxes templarios  e no século XIII por monxes franciscanos e benedictinos.
  • O trovador Meendinho dedicoulles unhas estrofas :"Sediam'eu na ermida de San Simón / e cercaronm'as ondas , que grandes son ... "
  •  Foron saqueadas por corsarios normandos e piratas ingleses, entre os que se encontra o famoso Francis Drake,  en varias ocasións. 
  • O mosteiro foi incendiado polos ingleses tras gañar a Batalla de Rande 
  • Despois dun século de abandono, en 1838 convértense en lazareto para tratar aos enfermos de cólera e lepra. Constrúense os actuais edificios: enfermería, hospitais, capela, embarcadeiros, cementerio e a ponte que une as dúas illas. Todos os barcos debían pasar pola illa antes de desembarcar no porto de Vigo. Na illa de San Antón estaba o "lazareto sucio" onde se situaban os enfermos que non tiñan cura e na illa de San Simón estaba o "lazareto limpo" on de estaban os que podían ter cura. En 1927 péchase o lazareto e a illa é abandoada.
  • En 1936 comeza a guerra civil española e as illas convértense en prisión e campo de traballos forzados para os contrarios ao réxime franquista.
  • Ao finalizar a guerra, en 1939, convertéronse en residencia de verán dos  militares franquistas e as súas familias.
  • En 1955 creouse un centro de formación e estudo para nenos orfos de mariñeiros que foi clausurado en 1963.
  • Hoxe en día, as illas están abertas ao público, pero é preciso ter un permiso. Os edificios  foron remodelados e os xardíns reconstruídos no ano 1999
Picade na seguinte ligazón para ver como era a illa antes da reconstrución e como a vimos nós na nosa visita ; https://youtu.be/5cZea1HscpE

E agora, o máis interesante... as fotos do noso  paseo polas illas de San Simón e San Antón.  
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
This free slideshow design personalized with Smilebox

martes, 28 de xuño de 2016

Arde Rande !

Todos e todas seguro que pasastes máis dunha vez  pola ponte de Rande, 
pero ... sabiades que nas profundidades do mar poida que se atope afundido un gran tesouro?
Gustariavos coñecer o que aconteceu en Rande hai mais de 300 anos?
Estades sentados? 
Pois, escoitade que volo conto...

"Corría o ano 1702 .  
O rei de España, Carlos II, morrera sen fillos e había guerra entre os partidarios dos seus dous posibles sucesores. 
O control do tráfico marítimo con América era prioritario para as potencias europeas.
Varios  galeóns españois viñan do novo mundo cargados de tesouros: ouro, prata, perlas, pedras preciosas, e tamén especias, madeiras nobles  e teas... (actualmente valerían uns 50.000 millóns de euros). Navegaban baixo a protección de varios navíos franceses.
O capitán da flota franco-española, debido ao cansanzo e ao vento favorable,  decidiu facer unha parada na ría de Vigo para reaprovisionarse  e descansar. Eran en total 40 navíos os que buscaron refuxio no fondo da ría, na enseada de San Simón.

Mentres esperaban o permiso do rei para desembacar e organizar o transporte das mercadorías, dispuxéronse os medios para a defensa dos 14  galeóns chegados do Novo Mundo cos tesouros .
Máis de 6000 persoas e 1000 carros de bois foron os encargados de descargar as riquezas .
O 23 de outubro de 1702 os ingleses descobren o escondite e ordean atacar á flota franco-española. A enseada convértese nunha trampa sen posibilidade de escape para a flota española e os galeóns foron un branco fácil para a escuadra anglo-holandesa que era  moito máis numerosa  (150 navíos).
O capitán español ordenou incendiar e afundir os barcos que quedaban, algúns deles todavía con parte da súa carga, para que non caesen en mans inimigas.
Unha vez gañada a batalla, os atacantes saquearon Redondela e a illa de San Simón.
A armada inglesa abandoou  a ría de Vigo o 30 de outubro levando varios barcos apresados, entre eles un galeón español cargado cos tesouros recollidos. Este galeón encallou cerca das illas Cíes e afundiu. Aínda hoxe non se puido dar coa súa localización exacta. Dende aquela, a Ría de Vigo garda o mellor e máis famosos dos seus segredos: a posible presenza  de innumerables riquezas e tesouros debaixo das súas augas.
Como resultado da victoria dos ingleses , hai unha rúa en Londres, cerca de Picadilly Circus que se chama "Vigo Street".

Para recordar, protexer e ensalzar este patrimonio escondido levouse a cabo a construción  dun centro de interpretación en Rande (Meirande) que nos mostra todo o relacionado con esta batalla. Hai 7 salas onde se recrea un pouco a época, as  mercadorías e a batalla. 
E alí fomos nós...
Vimos as maquetas dos barcos que participaron na batalla, unha sala decorada como se fora o camarote do capitán, a bodega e os canóns ... 
Probamos os zapatos e os traxes dos buzos que se sumerxían para buscar tesouros...
Ata collemos na man unha das balas de canón ... 
Pesaba máis de 15 kilos!!!

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Customize a free slideshow

mércores, 15 de xuño de 2016

Un agasallo para a biblio

Candela, Lara e Raquel  trouxeron un agasallo ben fermoso para a Biblio: "En Cabárceno se sigue cantando". É un libro musical no que elas participan cantando unha canción.
As cancións son de Susa Herrera e están dedicadas a varios dos animais que viven no  Parque da Natureza de Cabárceno, en Cantabria.

Se queredes ver a súa actuación e de paso saber algo máis sobre os animais dos diferentes continentes, non deixedes de achegarvos á Biblioteca.

luns, 6 de xuño de 2016

Ben falado!

Coma colofón do mes das letras, pedimos a colaboración das familias para reivindicar a importancia da nosa lingua, unha lingua que é patrimonio de todas e todos os galegos porque é o noso principal sinal de identidade , unha lingua que debemos coidar coma un tesouro porque O GALEGO É A VIDA...
E aquí podedes ver aos papás, mamás. avós, avoas, tías, irmáns ... voluntari@s  poñendo en valor o noso idioma:

FalemosGalego by Slidely Slideshow

martes, 31 de maio de 2016

Fin de Proxecto: O Castro de Trelle

A actividade final do proxecto anual resultou 
moi divertida para @s alumn@s de 4º, que elixiran como tema a BD "Os barbanzóns" (e para @s de 5º e 6º que os acompañaron nesta saída). 

Visitamos o monte do castro de Trelle, que está aquí ao lado e, tras ler o noso manifesto, quedamos convertidos nas súas madriñas  e  padriños oficiais, nos custodios do seu territorio e a nosa misión de agora en diante será coidalo e poñelo en valor.
.


Segundo nos explicou Santos, o noso garda forestal preferido, o castro non está excavado. Fixéronse prospeccións xa hai tempo e sábese que era un recinto moi grande con dúas murallas concéntricas e moitas casas circulares. Moitas das pedras desapareceron e foron empregadas para construír casas nos pobos veciños. 

Tamén nos falou da simboloxía das árbores, nos recordou o que debiamos facer para coidar o bosque e os seus habitantes e nos deu unha clase de orientación . Alí deixamos plantados un acivro e un carballo.

Aproveitamos tamén para visitar a base de helicópteros . 

Sabiades que a de Toén é a base con maior número de horas de vó para extinción de incendios do estado español? 
E que o seu helicóptero é o mais grande de Galicia? Pode transportar 16 persoas.

Na base  traballan o piloto, un enxeñeiro de montes que é o encargado da base, dous xefes de brigada e 20 persoas máis que colaboran na extinción de incendios en toda Galicia. Realizan un traballo en equipo coordinado.





sábado, 28 de maio de 2016

Abraham Carreiro

O pasado luns 23 de maio visitounos o  ilustrador Abraham Carreiro.
Deunos a coñecer en que consiste a súa profesión e como chegou a ser un debuxante de éxito.
Compartiu co alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º un obradoiro de Banda Deseñada  baseandose nos libros que estiveron traballando dentro do Proxecto anual e que tiveron grande éxito : "Estudios Tex" e "Xoeliki"
Nun papel en branco comezou a debuxar distintos personaxes dos libros, cunha rapidez que nos deixou abraiados...
Despois foi explicando como debuxar diferentes tipos de caras e como cambiar as expresións faciais dun personaxe  para que mostre a súa personalidade ou o seu estado de ánimo  (bo, malo, enfadado, durmido, sorprendido, namorado...)

Con todas as súas ensinanzas, cada un de nós tratou de debuxar  un personaxe ...

E se lle gustan... e inclúe algún deles no seu próximo traballo?
Pasárasevos a  idea  pola cabeza?


AbrahamCarreiro by Slidely Photo Gallery

Tod@s os rapaces e rapazas estiveron moi interesados e atentos e formularon unha chea de preguntas ao final da súa charla.