sábado, 13 de febreiro de 2021

Entrevista entroideira


 Na nosa ansia de obter información sobre o entroido de Mugares, chamamos a varias portas para que as avoas ou avós nos contaran o que recordan.

 Como eles non quixeron que os gravaramos, os nenos e nenas de 3º entrevistaron ao papá de Martín que se prestou voluntario para informalos. 

GRAZAS, Ángel.


venres, 12 de febreiro de 2021

Científicas: A ciencia non ten xénero

 Celebramos un ano máis o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia para promover e incentivar  a súa presenza neste ámbito no que, coma en noutros  moitos estiveron silenciadas durante moitos anos ao longo da historia.

Por iso non son moitas as mulleres populares na historia da ciencia. Moitas tiveron que loitar contra o sexismo e traballar en condicións miserables para que, ao final, despois de tanto esforzo, os seus descubrimentos foran atribuídos aos seus colegas masculinos ou incluso aos seus maridos. 

Entre elas, atopamos a Esther Lederberg e as súas investigacións sobre o funcionamento dos virus e como afectan ás bacterias e  aos seres humanos. Fixo descubrimentos fundamentais en colaboración co seu home, pero o día no que a el lle entregaron o Premio Nobel, ela nen sequera foi mencionada no discurso de agradecemento.

Esta tendencia a menospreciar os logros científicos levados a cabo por mulleres ten nome, <<efecto Matilda>>. Nettie Stivens, descubridora dos cromosomas que determinan o sexo; Rosalind Franklin, cuxas investigacións foron imprescindibes para o achádego da estrutura do ADN ou Lise Meitner, "nai" da fisión nuclear son algunhas desas "Matildas" ás que aínda hai que facer xustiza.

Aínda que hoxe en día falemos moito de igualdade, séguense mantendo estereotipos que afastan ás mulleres das carreiras técnicas.

No panel de embaixo descubriredes a algunhas destas mulleres.

Animádesvos a ser coma elas?

domingo, 7 de febreiro de 2021

Entroidando


A estas alturas, outros anos xa andariamos entroidando. 

Pero este ano imos vivir o Entroido máis raro dos últimos corenta : coas rúas case desertas, sen desfiles, sen celebracións;  aínda que  o espíritu festivo siga connosco.

Por mor da pandemia, todos os concellos onde o Entroido é a festa máis celebrada, cancelaron os festexos.

No cole, imos festexar estas datas en "grupos burbulla", sen mesturarnos uns cos outros e sen a compañía das familias coma outros anos.  Tamén teremos o noso "festival de  comedias", pero en diferido. Gravaremos o que prepare  cada aula e poderedes ver os disfraces e as representacións  no Bloguesquío.

Para documentarvos sobre esta tradición en Galicia, deixovos unha páxinas moi interesantes:

👺     28 personaxes do Entroido ourensán

👒    O Entroido en Mugares

👾   Entroidar: Documental

🎉   O Entroido dia a dia

💃    Canto sabes do Entroido? : Xogo para repasar o vocabulario 

🙌   A correr o Entroido! : Xogo de Verdadeiro/ Falso

😎   Do Entroido: Xogo

luns, 1 de febreiro de 2021

Día da PAZ

  O dia 29, coma todos os anos, no cole celebramos a tolerancia, a solidariedade, a amizade o respecto ... todas esas palabras que non poden quedar niso, solo palabras.

Por iso rexeitamos os insultos, ameazas e enfrentamentos dentro e fóra da escola. 

No patio cantamos a canción "Eu teño alguén" , e separados en grupos burbulla, para non ter problemas...

Poñer un sorriso no noso día a día para afrontar as dificultades que imos atopando no camiño e a axuda mutua é o que queremos transmitir co noso mural onde aparecemos todas e todos collidos das mans e sostendo os lemas que cada unha escribiu.

martes, 19 de xaneiro de 2021

Premio para o noso Día das Letras

 

Todos os anos a Real Academia Galega abre un espazo de participación para que os centros escolares de toda Galicia  relaten como celebran o 17 de maio . 

Casi 70 centros enviaron as actividades coas que homenaxearon a Ricardo Carvalho Calero, entre eles o noso.

E hoxe recibimos unha chamada da RAG informando de que o noso , mellor dito, o voso traballo tivo premio. Concedéronnos, xunto con outros dous colexios,  un dos premios do certame e destacaron o noso labor polas actividades e iniciativas levadas a cabo. 

Moitas grazas a todas e todos polo voso traballo. 

XUNT@s  formamos un gran equipo!

venres, 1 de xaneiro de 2021

Radio no Nadal

 A Radio Tarabela emite tamén no Nadal.

As avoas e os avós responden ás preguntas dos rapaces e contan como celebraban estas festas cando eran pequenos. 

Tamén nos cantan  panxoliñas acompañadxs dxs netxs ou bisnetxs.

O nadal doutros tempos


Cando os  nosos avós e avoas eran  cativos, o nadal era diferente, pero igual de feliz.  E non che digo nada das vivencias das bisavoas ...

Eran outros tempos....

A decoración das casas era moito máis sinxela, non había luces nen árbore de nadal; o que sí había en moitas casas era o Nacemento.

Moitas das tradicións aínda se manteñen hoxe, outras desapareceron co tempo, pero o nadal segue sendo tempo de reunirse coa familia e revivir recordos á calor do lume .

Houbo un tempo no que os mozos e mozas percorrían as aldeas cantando panxoliñas, cantos de nadal e de reis. Estes cantos foron transmitíndose oralmente ao longo dos séculos.

Cando remataban o cantar solicitaban o aguinaldo que normalmente era viño, chourizos, touciño, algún doce ... Despois facían unha festa ou unha foliada e consumían todos xuntos o que recolleran. 

Esta era unha das tradicións que agora están un pouco esquecidas e que non estaría mal recuperar. E había máis... 

Preguntamos aos nosos maiores como celebraban eles o nadal. Isto é o que nos contaron e o que nos cantaron. 

Tamén vos podedes informar de como se celebra o nadal noutros lugares. 

E lede o que nos contan do Aninovo os Amigos Do Patrimonio de Toén que son unha asociación que traballan na defensa do patrimonio cultural e natural do noso concello. Picade nos agasallos debaixo da árbore 

mércores, 30 de decembro de 2020

As barcas do noso concello

 O noso alumnado tamén investigou sobre a existencia ou non de barcas para cruzar o río Miño no noso concello.

A familia de Lea, que vive en Freixendo,  contoulle que as barcas eran de madeira de castiñeiro ou carballo e podían ser de varios tamaños e formas. Había unhas que ata podían cruzar o río levando carros tirados por bois ou vacas. 
En Reza , Santa Uxía e Feá había portos para as barcas. 
En  Freixendo había barcas para cruzar a Untes e tamén para pescar. Pescaban utilizando nasas.
Desde Feá e Puga cruzábase a Barbantes para deixar a carga na estación do tren.
Cruzar o río onde non había ponte era unha das necesidades a que as barcas daban resposta Sacar area, mover carros e gando, desprazar mercadorías e persoas foron as principais funcións destas embarcacións. O viño, a madeira, o sal e a pedra foron algunhas das mercadorías máis transportadas.
Sobre todo eran usadas pola xente de ámbalas beiras do río que posuían terras na beira oposta. Nelas ían a traballar as terras e a recoller as  colleitas
Tamén se usaban para ir ao médico, aos baños e a tomar as augas mediciñais, ás feiras e mercados, ás festas ou romarías
A forma de pago podía ser  en metálico ou en especie 

Ata hai cantigas que se refiren a barcas e barqueiros:

Barqueiros de Ribadavia vídeme pasar a min
que veño de Santa Rosa e vou pró San Agustín.

San Hadrián é barqueiro barqueiro é San Hadrián;
San Hadrián é barqueiro que leva o remo na man.

Desoutro lado do río teño unha parriña de uvas,
e o barqueiro non me pasa, e elas caen de maduras.

Do outro lado do río, o meu pai ten un palleiro;
cada vez que vai alí ten que paga-lo barqueiro


A desaparición deste medio de transporte debeuse a varias causas: a mellora das comunicacións por carretera, a construción de novas pontes , a chegada do ferrocarril e a construción dos embalses. 
A barca de Barbantes seguiu funcionando ata a segunda metade do século pasado.

Barcas do Miño

 Anxo Moure enviounos este video que forma parte dun novo proxecto: Cine para coidar a Terra para defender a cultura fluvial, o ecosistema e a diversidade dos rios.

Titúlase "A barqueira". É un video musical estreado no encontro de cine ecolóxico de Garabelos. A cantiga, na voz de Davide Salvado, é un tema popular galego . Tamén participan Cristina Castro e Dani Pardo.

mércores, 23 de decembro de 2020

Un Nadal Diferente a calquera outro

 Está a piques de chegar unha das nosas datas favoritas: o NADAL

As vilas e as cidades énchense de cor e música, decoramos as casas, as luces fan brillar as rúas, as tendas adornan os escaparates e as panxoliñas escóitanse por todos lados....

Este Nadal será moi diferente debido ao Covid-19, por iso teremos que adaptar algunhas das nosas tradicións, reducir as reunións familiares e engadir a máscara ´a nosa indumentaria.

 Pero non deixaremos que todo iso nos impida disfrutar desta época tan especial!

Tomando as  precaucións necesarias, poderemos gozar tanto coma outros anos.

FELIZ INVERNO PARA TODAS E TODOS!

          


luns, 21 de decembro de 2020

Bo Nadal

 Esta é a nosa  audiopostal para felicitar estas datas aos avós do Centro de Día, as nenas e nenos de Escola Infantil  ás familias e a todo o concello en xeral.

BO NADAL!     e 

SAÚDE PARA O VINDEIRO ANO!

domingo, 20 de decembro de 2020

Recomendamos...

 Os libros infantiles máis representativos de cada país de Europa.

Os libros son capaces de perdurar no tempo e marcar as nosas vidas. 

Todxs recordamos ese libro que todas as noites pediamos que nos leran, ou o que nos regalaron cado eramos pequenos , ou aquel que tomamos en préstamo na biblioteca e que non deixabamos de ler en canto tiñamos un momento libre. 

Este NADAL recomendámosvos que leades algún destes libros que, dende hai moitas xeracións, animaron e seguen animando a ler ás nenas e nenos de Europa. Moitos deles están na biblio do cole, de outros seguro que nunca oirades falar pero que seguro que son interesantes e non estaría de máis coñecelos e lelos.

Neste mapa hai representados 31 libros infantís de distintos países europeos.

Cantos coñecedes?  

Cal ou cales recomendariades? 

Escribide un comentario e respondede 

domingo, 6 de decembro de 2020

Somos capaces

A labor non só dos mestres senón da comunidade en xeral é conseguir que xs alumnxs aprendan xuntxs coas súas diversidades, en función das súas necesidades ; aprender que todxs teñen igual valor en  dignidade e dereito e que todos son capaces.

Esta é a finalidade da educación inclusiva: que todxs xs alumnxs aprendan xuntxs e estudien xuntxs tendo en conta as diferenzas, é dicir, que se recoñeza a cada nenx  segundo é, en función das súas propias necesidades e capacidades. (ODS 10)

As nenas e os nenos son coma bolboretas: algúns poden voar máis alto ca outrxs pero cada un voa da mellor forma que pode... 

Por que, entón, comparalos a uns con outros?

Cada nenx  é diferente

Cada un deles é especial

Cada un é fermoso e único!

Só é  unha cuestión de actitude:

Se ensinamos ás nenas e nenos a aceptar a diversidade como algo normal, non será preciso falar de inclusión, senón de convivencia.

Distintos voos, o mesmo dereito a voar