martes, 2 de abril de 2013

Dia do Libro Infantil

O día 2 de abril dedícase en todo o mundo ao Libro Infantil e Xuvenil para promocionar a lectura e os bos libros entre os máis novos. Conmemórase este día porque é o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen, o escritor danés que tanto nos fixo soñar cos seus contos.
 É unha oportunidade especial  para ler un libro a soas ou compartir a lectura cos nosos pais, cos nosos avós, cos nos@s irmáns... 
Cada ano, seleccionan un autor ou autora e un ilustrador ou ilustradora  para que elaboren a mensaxe dedicada a todos os nenos e nenas e o cartel conmemorativo. Este ano, os elixidos foron a mexicana Pat Mora e o estadounidense Ashley  Bryan.

MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Lemos xuntos, ti e eu.
Vemos que as letras forman palabras
e as palabras convértense en libros
que estreitamos nas nosas mans.

Oímos murmurios 
e ríos buliciosos nas súas páxinas, 
osos que cantan
graciosas melodías á lúa.

Entramos en misteriosos castelos
e das nosas mans soben ata as nubes
árbores florecidas. Vemos nenas valentes que voan
e nenos que atrapan as estrelas.

Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,
percorrendo o mundo coa alegría nos libros.

Poema de Pat Mora
Tradución: Concha Blanco

Ningún comentario:

Publicar un comentario